Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 18 de febreiro de 2022

Resolución do concurso de traslados da Administración xeral: e a toma de posesión para cando?

É unha auténtica desvergonza o deste concurso que foi convocado en novembro de 2019 e a comezos de 2022 foi resolto pero non hai nin un apuntamento oficial de cando vai ser a toma de posesión.


No DOG do 18/02/2022 publican a Resolución do 15 de febreiro do 2022 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.

Adxudican e fan públicas as adxudicacións de postos de traballo que se relacionan no anexo II ás persoas que nel se especifican. Esta información atópase á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, na epígrafe Concurso de traslados.

Diferen os prazos posesorios derivados da resolución do concurso ata que se publique no DOG a resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.

De acordo co disposto na base IX da convocatoria do concurso de traslados, os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderá optar entre os dous postos adxudicados.

En aplicación do parágrafo segundo da base I.2.a) da convocatoria do concurso, relativo ás persoas que están obrigadas a participar nel e non obtivesen praza como consecuencia da resolución do concurso, adxudícaselles, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala de entre aqueles que quedaron vacantes. En consecuencia, adxudícase ás persoas que se relacionan no anexo III o posto de traballo especificado.

E a toma de posesión para cando?

Dos 82 postos afectados pola lei de estabilización só 2 foron adxudicados no concurso e as persoas que os ocupan non superaron o proceso selectivo correspondente. Así pois, non habería que agardar a concluír estes procesos selectivos para non vulnerar os dereitos desas persoas. Porén, si que están por rematar, entre outros, os procesos selectivos de promoción interna cuxas tomas de posesión queren facer coincidir.

Falábase de maio, ou antes do verán en todo caso, pero non deixan de ser especulacións. Ben é certo que na Administración autonómica cando algo queren facer, fano rápido. 

Así pois, todo vai depender da decisión política de cando se publique a resolución de apertura de prazo para tomar posesión, polo que solicitamos unha reunión co director xeral para que diga dunha vez que pensa facer, e de paso nos explique como vai solucionar o totum revolutum das tomas de posesión do persoal que concursou, do que está en destino provisional e de todos os procesos pendentes de promoción interna e libre.

Sexa como for, é unha auténtica desvergonza o deste concurso que foi convocado en novembro de 2019 e a comezos de 2022 foi resolto pero non hai nin un apuntamento oficial de cando vai ser a toma de posesión. Non esquecemos tampouco os concursos de escalas, de administración especial e de persoal laboral. É unha vergoña que nalgún caso vaian máis de 10 anos da anterior convocatoria. E no de laborais, que abertamente digan que non haberá nunca máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario