Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 8 de febreiro de 2022

A xustiza obriga á Xunta a motivar as prórrogas das comisións de servizo

Pao xudicial á Xunta polas prórrogas non motivadas das comisións de servizo. A CIG denunciou no 2019 a prórroga non motivada de 347 comisións de servizos por falta de xustificación da sua prórroga, algunha dende o ano 2010. 

A mala xestión das persoas responsábeis da Dirección Xeral de Función Pública cos concursos de traslados fixo que a comisión de servizo fose para moitas compañeiras e compañeiros a única opción de mobilidade ou, incluso, de ter algo de carreira administrativa. Para máis, a súa concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos. A Xunta non dá datos de quen solicita a comisión, non motiva a decisión da persoa seleccionada, nin o tempo, ou os motivos da prórroga. 

Por iso a CIG, logo de recompilar unha a unha máis de 347 comisións de servizo de longuísima duración, algunhas de máis de 10 anos e por tanto que se pasaban do prazo legal, e que nin sequera se ofertaron en concursos de traslados, denunciámolas ao tempo que seguimos a reclamar un sistema de provisión de postos áxil e transparente pos as comisións deberan ser algo puntual xa que a fórmula ordinaria debera ser o concurso de traslados (permanente ou anual). E para que as comisións non sexan “a dedo” necesitamos un decreto de provisión que as regule de forma clara e con baremo. 

O fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Compostela, obrígalle a Xunta a respostar en 30 días á solicitude da CIG, polo que deben xustificar todas e cada unha das prórrogas de comisións de servizos que se pasaban de dous anos no 2019. Se a Xunta non motiva adecuadamente a súa excepcionalidade (e vai telo difícil), a CIG esixirá responsabilidades.

Na CIG vemos positiva esta sentenza  que supón un chanzo máis na loita contra a nefasta política de persoal da Xunta, mostra de que non vale o nepotismo instaurado por Función Pública e imos facendo camiño para que o persoal empregado público teñamos dereito a acceder en igualdade de condicións a unha praza en comisión de servizos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario