Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 2 de maio de 2022

A xustiza anula o nomeamento de tres comisións de servizos por falta de motivación... no Concello da Coruña


Determina que non houbo transparencia no proceso de selección ao descoñecéronse os criterios de valoración dos méritos.

O xulgado do contencioso administrativo nº4 da Coruña declarou non conforme a dereito a resolución pola que o Concello da Coruña cubriu tres postos de dirección en Servizos Sociais mediante o procedemento de comisión de servizo. A sentenza conclúe que na súa decisión o Goberno municipal non foi transparente e incluso entende que os criterios de valoración empregados foron elaborados para cada caso especificamente, sen que existiran baremos homoxéneos, cuantificábeis e computábeis.

Sobre a falta de transparencia, na propia sentenza sublíñase que o Concello publicou a convocatoria das vacantes para a súa cobertura polo sistema de provisión, pero despois non fixo público nin notificou ás restantes 14 persoas interesadas o resultado da selección, impedindo así que estas coñeceran os motivos polos que se elixiron a determinadas funcionarias e funcionarios para cubrir as comisións.

Con este proceder, puntualiza a sentenza, o Concello faltou ao deber de transparencia e obxectividade que debe rexer as súas decisións. Que as comisións se ían dar a determinadas persoas previamente elixidas, evidénciase no feito de que na publicación da convocatoria o Concello da Coruña deixou en branco o apartado de méritos que se terían en conta para acceder ao posto. Isto implica, engade o auto, "que os méritos se estableceron con posterioridades a coñecer quen se presentaba e que currículo presentaba, o que pode favorecer que os méritos se poidan establecer ad hoc para determinado persoal".

Uso retorcido das comisións

A sección sindical da CIG critica o "uso retorcido" que o Goberno de Inés Rey fai da provisión de postos pola vía das comisións de servizo e que, a pesar das denuncias xudiciais e das advertencias, segue sen cumprirse coa obrigada transparencia. E acusa ao Goberno da socialista Inés Rey de escudarse na auto-organización e na lei de protección de datos para non facilitar información á representación do persoal sobre as adxudicacións das comisións.

Neste senso, explican que coa intención de darlle unha aparente transparencia á discrecionalidade coa que se sigue actuando, en outubro de 2020 o Goberno municipal aprobou, sen ningún tipo de consenso, a Instrución 3/2020: un procedemento interno de xestións dos procesos de comisión de servizo que tiña como obxecto axilizalos e establecer os supostos nos que se procedería á provisión de postos.

Pero a realidade deste artificio "é a de vestir administrativamente un procedemento no que non figura nela ningún tipo de baremo, deixando todo ao informe dun responsábel e ao que até o de agora non se lle daba publicidade".

"Un traxe a medida"

De maneira parcial e, tamén a raíz da denuncia no xulgado dunha delegada sindical da CIG, a sección sindical tivo acceso á documentación dalgunhas das comisións de servizo. "Esta información permítenos afirmar que  os nomeamentos que se puideron dar dende outubro de 2020, veñen derivados de valoracións non aclaradas nos informes quedando a parte de méritos taxábeis en meras anécdotas. Isto pode dar como resultado un traxe a medida, algo máis difícil de xustificar nun concurso ordinario", advirten.

Da información que o xulgado lle obrigou ao Concello a facilitar derivouse un proceso contencioso-administrativo contra a resolución baseada nos expedientes dos que a CIG ten coñecemento e que deu á razón á central sindical ao detectar o “incumprimento no deber de transparencia pola falta de comunicación ás interesadas polo que resulta imposible controlar a obxectividade das eleccións realizadas”.

Esta actuación do Concello obriga o persoal funcionario a ter que acudir ao xulgado pola ocultación de información, a discrecionalidade nos nomeamentos de postos ou outras circunstancia que atentan aos dereitos do persoal, co conseguinte posible custe económico e emocional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario