Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 18 de maio de 2022

Proposta de modificación da RPT de Cultura após das demandas da CIG

Función Pública remitiunos a proposta de modificación de RPT da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, que afecta basicamente a postos da Área de Cultura e en concreto da Dirección xeral de Patrimonio Cultural e areas de cultura das xefaturas territoriais.

Estamos a falar de postos de persoal arqueólogo e arquitecto; postos que son creados agora despois de que o aumento exponencial de emisión de informes fose solucionado ilegalmente coa contratación de persoal de Tragsatec a través de encomendas de xestión. A CIG denunciou xudicialmente esta trapallada e despois de catro anos, e tras a correspondente sentenza que nós dá a razón, a Administración recúa. Pero non todo está ben, pois:

Créanse 14 prazas: 8 da escala de arquitectura e 6 da de arqueoloxía.

Tanto en SSCC como en Xefaturas territoriais; de arquitectura 4 son en Servizos Centrais e unha en cada xefatura. Das de arqueoloxía son dúas en Servizos centrais, 2 en Lugo e 2 en Pontevedra.

Todas son prazas base nivel 20, e iso non o admitimos, son prazas de nivel técnico, co requisito de carné de conducir, fan labores de inspección e elaboración de informes. Reclamamos un nivel superior.

As denominacións non son axeitadas, non se poden denominar en xenérico praza base A1; pertencen a escalas técnicas da Administración especial, deben denominarse persoal arquitecto e persoal arqueólogo.

A Xunta xa gastou cerca de 2 millóns e medio de euros nas encomendas con Tragsatec e agora escatima no número de postos e non nivel dos mesmos.

De feito estaba a gastar coa empresa externa arredor de 600.000 euros anuais de media e agora pretende investir menos ao nomear persoal funcionario público.

A CIG non vai admitir rebaixas ao mínimo na creación de emprego público. Satisfácenos que se creen prazas novas, pero non foi pola acción da Xunta (xa poderían telo feito no 2018) foi pola constancia e tenacidade na denuncia deste sindicato e das protestas dos traballadores.




Ningún comentario:

Publicar un comentario