O DXFP fai un repaso aos últimos cambios no documento de criterios da OEP (repite algunha das cuestións expostas na xuntanza anterior):
- Explica que o concepto de ocupación “ininterrompida” (menos de 3 meses) tamén afecta ás prazas da Disposición Adicional 8ª da Lei 20/21.
- Que unha praza non estea creada en RPT non é un requisito para que poida ser ofertada. Abonda con que teña dotación económica, e xa se incluirá en RPT posteriormente.
- Como xa dixo na xuntanza anterior, nesta OEP irán as prazas afectadas pola Lei 20/21. A OEP ordinaria (a de reposición de efectivos) será posterior.
- Para verificar a non interrupción do vínculo, non computará o tempo de suspensión de contrato do persoal fixo-descontinuo.
- Engaden probas físicas ou psicotécnicas relacionadas coas tarefas naquelas escalas/categorías que sexa necesario (por exemplo, en escalas de incendios).
- Os entes instrumentais, caso de convocar separadamente, aplicarán os mesmos criterios que os de Función Pública. Apunta a que todos os entes do artigo 45.a. da LOFAXGA serán convocados xuntos, mentres que os do artigo 45.b. (Portos de Galiza ou Seaga, por exemplo), poderían ter convocatoria diferente aínda que cos criterios comúns. Non é unha decisión pechada.
- O que si farán será detallar os entes por separado no decreto de oferta, o que lles permitirá tomar a decisión posterior de convocar unido ou non.
- Acepta a proposta da CIG de separar a OEP de estabilización da OEP ordinaria.
- O director preguntoulle ás OOSS a súa opinión sobre a inclusión na OPE extraordinaria das prazas de persoal fixo descontinuo de 6 meses do SPIF do ano 2019. É curioso, porque o outro día dera por feita esta inclusión.
- Informa de que a oferta ordinaria será dunhas 700 prazas.
- Insiste en que a oferta extraordinaria non pode implicar incremento de costes.
- Os postos ocupados por persoas con sentenza de indefinición posterior ao 31/12/2020 irá incluídos na oferta.
- Teñen intención de ofertar as prazas que veñen de Seaga sempre que sexa xuridicamente posible.
- Os erros existentes na data de ocupación das prazas, non teñen importancia neste intre, xa que o importante agora é definir a forma de acceso aos postos. Afinar a data será algo posterior.
A CIG manifestou o seguinte:
- Mantemos que hai que retirar a data do 30/12/21 como referente, pois iso non o di a Lei 20/21.
- Por non ter sido identificadas en convocatorias anteriores, hai que retirar a observación de “convocadas” que consta en moitas prazas dos listados que nos facilitou a DXFP.
- Precisamente para que non pase o exposto no punto anterior, nesta oferta hai que identificar as prazas, ben na publicación da oferta, ben da convocatoria.
- O persoal empregado público ten que estar en condicións de atender á cidadanía no idioma que estes elixan. Por iso, o idioma galego ten que ser un requisito.
- O concurso de traslados previo ten que ser resolto simultaneamente aos procesos selectivos. Así evitariamos os destinos provisionais.
- Non concordamos co epígrafe de que se ofertarán as prazas comezando polas de maior antigüidade. Propoñemos que se oferten tódalas vacantes e non as de maior antigüidade primeiro.
- Apoiamos a convocatoria separada dos entes (cos mesmos criterios que os de Función Pública)
O DXFP négase a
falar agora dos aspectos concretos das convocatorias. Mantén que a súa
máxima vai ser a seguridade xurídica. O luns enviarán o borrador do
decreto de OEP. Partidarios de esixir, con carácter xeral, o idioma
galego como requisito (están en consultas coa asesoría xurídica), pero
non irá no texto da oferta. A decisión de modular os servizos prestados
segundo a Administración tamén está na mesa da asesoría xurídica.
Manteñen 3 meses como o máximo para considerar a interrupción.
Respecto da integración nas bolsas de substitución das persoas que non superen os procesos, o DXFP manifesta dúbidas de interpretación. Unha interpretación está na inclusión de quen supere un exame. Pero tamén hai que interpretar sobre o concurso de méritos (incorporar a quen supere unha puntuación mínima?).
O baremo xeral negociarase con posterioridade á convocatoria da OEP. No mes de xuño teremos unha primeira reunión con algunhas das cuestións que poidan ir no baremo. Tentarán ter o mesmo sistema nuns procesos e noutros. Intentarán modular ao máximo que permita a seguridade xurídica.
Teñen a intención de unir as prazas de persoal laboral e funcionario, ofertándoas como persoal funcionario. Valorarán igual a experiencia entre escalas de persoal funcionario e categorías de persoal laboral que sexan equivalentes. O DXFP solicita a opinión dos sindicatos. A CIG comunicará a súa postura unha vez valorado.
A representación da CIG manifestou que queremos entrar a negociar xa agora, e que conste no documento de criterios, moitos aspectos das convocatorias, porque as decisións que se tomen van repercutir no resultado final. Queremos falar do requisito de galego, puntuacións, probas, cortes, tribunais, tipo de probas... Tamén é fundamental ter a lista dos postos con todos os datos correctos, tal e como lle pediramos xa en febreiro.
A maiores, na OEP convocarán unhas 100 prazas para a funcionarización do persoal laboral fixo que quedaron atrás.
A promoción interna
Respecto da promoción interna, o DXFP di que en moitas escalas haberá moi poucas vacantes para a oferta ordinaria e promoción interna. Di que terán os datos dentro duns meses.
A CIG reclama a reconsideración dos criterios manexados por Función Pública, pola historicamente ridícula oferta, pola súa dureza e desprazamento, que converte a promoción interna nunha carreira de obstáculos. O DXFP advirte que en moitas escalas haberá moi poucas vacantes para promoción interna (calcularano dentro duns meses). Farán unha referencia a promoción interna posteriormente cando saiban o que queda nas escalas respectivas.
Reclamamos tamén unha maior permeabilidade entre escalas, permitindo que calquera empregado/a poida presentarse por promoción interna a calquera escala para a que cumpra os requisitos.
O percorrido da OEP
A intención do DXFP é remitir aos sindicatos o luns 16 o borrador de Decreto da OEP. Non falou de novas xuntanzas, e sabendo que a oferta ten que estar publicada en DOG antes do día 1 de xuño, poderían querer aprobar o decreto nun Consello da Xunta o xoves 26, o que deixa pouca marxe de días tendo presente que primeiro ten que pasar por Mesa Xeral e Comisión de Persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario