Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 31 de maio de 2022

O persoal funcionario de carreira tamén existe!!!!

Estes días estamos asistindo a unha verdadeira tormenta de actividade e tamén de despropósitos na Función Pública desta casa. Por un lado están os procesos de consolidación a través do concurso de méritos e concurso-oposición derivados da Lei de estabilización de emprego e por outro lado están a desenvolverse as funcionarizacións de todo o persoal laboral fixo.

Tamén, e por fin, está rematándose o concurso de traslados da Administración xeral e as tomas de posesión dos procesos en destino provisional mais seguimos a esperar pola promoción interna que a ver se está lista para setembro.

O caso é que ante maremagnum de actuacións, o persoal que aprobou no seu día unha oposición non podemos quedarnos atrás nas nosas reivindicacións.

Como membros da  CIG de Servizos Centrais, representantes do persoal funcionario, contamos nas pasadas eleccións co voso apoio maioritario e temos que seguir pelexando pola mellora da  situación do persoal funcionario, facer propostas nos órganos de decisión da CIG, presionar á propia administración e levar a cabo actuacións na  Xunta de Persoal (o verdadeiro órgano de defensa dos nosos intereses como colectivo funcionarial).  Por certo, órgano onde algúns sindicatos non aparecen NUNCA e aos que invitamos dende aquí a colaborar nas reivindicacións da Xunta de Persoal de servizos centrais.

Pero imos ao caso, como persoal funcionario imos a seguir esixíndolle ao Sr. Barreiro que:

- Faga cómo mínimo convocatoria anual dos concursos de traslados (de todos, pois as escalas tamén existen). So ten que mirar para os compañeiros de ensino. A CIG sempre defendeu o concurso aberto permannte, así, solucionariamos os tempos dos concursos, e en gran medida as comisións de servizo.

- Regule dunha vez por todas a concesión das comisións de servizo, seguindo os principios de publicidade, mérito e distribución rotatoria do posto entre os comisionistas que cumpran as condicións. So ten que mirar para os compañeiros laborais do V convenio.

- Convoque promocións internas áxiles, axeitadas en coñecementos ás funcións dos postos e asequibles na súa baremación, onde a antigüidade teña un peso relevante. Por que non un curso habilitante na EGAP en función do grupo que teña validez durante varias convocatorias e logo un concurso de méritos?

- Solucione dunha vez a situación dos centos de postos de xefatura de servizo e se convoque un proceso de estabilidade para a súa cobertura (que foi do concurso específico?). Queremos que os niveis 28 solucionen a súa situación para que non teñan secuestradas as prazas de nivel 25. Dende a CIG non estamos de acordo co concurso específico formulado no ano 2018 polo seu elevado peso discrecional na valoración dos méritos pero algo haberá que facer; quedar paradas non é unha opción e parece que Barreiro desfruta con este acaparamento de prazas, pero o persoal que ten lexítimas aspiracións de ter unha carreira administrativa, xa non desfruta tanto!!!

- Desbloquee  xa a carreira profesional, demandamos sentarnos dunha vez para abrir o acceso aos graos superiores. Senón máis que carreira vai ser unha mini carreiriña e non valen escusas da sentenza gañada pola CIG. So ten que mirar para os compañeiros do SEGAS.

Faga algo Sr. Barreiro, que para iso lle pagamos un salario. E se non sabe, marche, que hai moita xente válida.

O persoal funcionario existe, pero para iso  temos que levantar a voz de vez en cando. E levantala colectivamente, non basta só que o fagan as delegadas e delegados da CIG. Convidámosvos a amosar a vosa indignación e participar en todas as accións que convoquemos, tanto como CIG como desde a Xunta de Persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario