Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 3 de maio de 2022

Vacacións e concursos de traslados

A ninguén se lle escapa que as tomas de posesión do concurso de traslados de corpos xerais anunciadas para finais de maio / principios de xuño van provocar inconvenientes na xestión dos cadros de vacacións dos centros. Iso por non falar de que pode chegar xente nova a desempeñar novas funcións cunha inminente ausencia de persoal para formalo. Na maioría de centros os cadros de vacacións fican sen facer debido a situación volátil das tomas de posesión.

Non está de máis recordar dúas cuestións: as vacacións son irrenunciables e a Administración ten obriga de formar ao seu persoal para os novos postos. Con relación ao primeiro, os cadros de vacacións deberán reordenarse (se estiver xa elaborados) coa nova realidade do novo persoal e tendo en conta a normativa vixente que establece unhas preferencias e criterios de desempate na selección das datas. Que non vola intenten colar con iso de que sodes as novas e de que "aquí xa eliximos todas, ti colle o que queda". Iso non é así.

As actuais instrucións recoñecen o período que vai desde o 1 de xuño ao 30 de setembro como o período preferente no goce das vacacións, sen maior implicación nin detalle. E claro, son estas datas complexa polo final dos coles. Onde si detalla bastante a norma, non sen insitencia da CIG cando negociamos estas instrucións foi na orde de prelación na eleccións das datas.

O apartado 6 da instrución quinta recolle unhas preferencias en función de criterios de conciliación e situación familiar e como criterio de desempate a "antigüidade na Administración", ollo, non a "antigüidade no servizo ou no posto". Pero sempre, como criterio de desempate, o que dá a preferencia son as situacións de familiares ou de conciliación.  As mulleres xestantes teñen un dereito absoluto á elección.

6. Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou persoas maiores dependentes ao seu coidado directo. Terán prioridade as persoas que reúnan a condición de persoa proxenitora de familia numerosa, dentro deste grupo. Para estes efectos, a dependencia acreditarase:

– Co certificado de empadroamento que acredite a convivencia co familiar, e

– Co documento oficial que acredite a necesidade de asistencia do familiar: certificado médico ou informe de saúde, certificado expedido pola consellería competente en materia de política social ou, na súa falta, informe social dos servizos sociais comunitarios municipais.

No caso de que haxa varios beneficiarios con preferencia de elección, elixirá o de máis antigüidade na Administración, debendo establecerse un ciclo rotativo entre todos os traballadores da unidade administrativa afectada.

No caso de que os/as traballadores/as dunha unidade administrativa en que ningún deles teña preferencia de elección soliciten o mesmo período vacacional, elixirá o de máis antigüidade na Administración, debendo establecerse un ciclo rotativo entre todos/as os/as traballadores/as da unidade administrativa afectada.

No réxime laboral, os cadros de vacacións teñen que ser acordados entre as direccións dos centros e a representación do persoal, algo que aínda recolle o artigo 20 do maltreito Convenio Colectivo do persoal da Xunta. Para o persoal funcionario, poderíase facer unha interpretación extensiva máis o certo é que estes órganos de representación nin recibimos información dos feitos consumados. Porén, a lei que regula as exiguas funcións das xuntas de persoal só recolle de xeito xenérico o de ser "oídas" no establecemento do réxime de instrucións, réxime que xa está establecido.

Sexa como for, na CIG estamos aquí para axudarvos na defensa dos nosos dereitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario