Non era sen tempo, na Comisión de Persoal do 24/05/22, o director xeral da Función Pública confirma que o día 6 de xuño será a data de comezo do prazo de cesamento e toma de posesión
Despois de convocarse en novembro de 2019, o concurso xeral máis longo e berlanguiano da historia da Administración Xeral da Xunta de Galiza parece que chega ao seu final en xuño de 2022. No punto de rogos e preguntas da Mesa Xeral do 20 de maio, falouse deste tema mais foi na Comisión de Persoal do 25 cando deu a data definitiva. O venres 27 publicarase no DOG a resolución de cesamentos e tomas de posesión e a partir do 6 de xuño abriranse os prazos (o 6 os cesamentos e a partir do 7 as tomas de posesión). Estas datas afectan non só ao persoal que obtivo posto no concurso xeral senón tamén a quen estaba en destino provisional tras superar un proceso selectivo previo.
A situación non deixa de ser vergoñenta e a xestión nefasta, xestión que non tivo consecuencias máis que para centos de persoas participantes e para as que estaban en destino provisional. Dous anos e medio para resolver un concurso. Esto era o que entendía o director xeral por "concurso permanente"? Esiximos responsabilidades ao máis alto nivel e un cambio de rumbo na xestión dos nosos dereitos e senón terannos en fronte.
A totalidade das informacións e demandas da CIG na Mesa Xeral do 20/05/22 foron as seguintes:
Das tomas de posesión do concurso de traslados e do destino definitivo de corpos xerais (actualmente en provisional), pedimos datas concretas. O DXFP resposta que o 27 publicarán en DOG. Pero en canto as datas de cese e toma de posesión négase a ser máis concreto. Insiste en que non o teñen decidido, que para a semana que ven terían unha xuntanza coas consellerías (xa lles remitiron instrucións), e que a cousa sería para a última de maio (por cachondearse, supoñemos) ou primeira de xuño. Nota: na Comisión de Persoal do 24/05/22, o DXFP confirma que o día 6 de xuño será a data de comezo do prazo de cese e toma de posesión.
Preguntamos polo destino definitivo do persoal subalterno con discapacidade intelectual. Non temos resposta.
Preguntamos polos procesos selectivos que levan meses parados na fase de concurso. O DXFP di que en unha ou dúas semanas sairán varios procesos en DOG. Fala de 4 probables nunha semana, 8 en dúas, e tentarán que ao longo de xuño saian todos ou a maioría. Menciona corpos xerais e OEP-social.
Previsión de datas de exames das escalas sanitarias. Insistimos en preguntar pola previsión de datas de exames da OEP-Lei 17, que non ven na convocatoria. O DXFP xa nos ten respondido en múltiples ocasións que preguntaría “mañá” ou “para a semana”, e seguimos igual. Ou ben o DXFP nos toma o cabelo, ou en Sanidade llo toman a el.
Promoción interna de corpos xerais: na xuntanza do día anterior afirmara que na OEP ordinaria (pendente de negociarse e publicar), habería limitacións na promoción interna. Di que o asunto non toca tratalo agora. A CIG esixe o 50% da oferta para promoción interna (iremos ao xulgado se non cumpren o mínimo legal, que é do 25%). A CIG quere que a maiores, se aplique un 25% para promoción interna na OEP-extraordinaria (adicional, non restando prazas), en condicións similares (o que inclúe tamén concurso de méritos).
Decreto flexibilidade. Isto foi á MX do 09/06/2021. Rexistramos alegacións o 17/06/2021 a un documento que é practicamente igual ao que enviaron agora, que estaba cheo de eivas e incluso rebaixaba algúns dereitos creados pola Lei de igualdade. A CIG considera que as alegacións están sen responder e non poden aprobalo sen mais. Aceptan a petición da CIG. Teremos algunha reunión (1 ou 2), con intencións de pechalo no vindeiro mes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario