Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 17 de xaneiro de 2023

Convocatorias de estabilización: o xogo das cadeiras

   

Na Mesa Xeral do 10/01/2023 tratouse a modificación das RPT co fin de posibilitar tomas de posesión de procesos en curso e a inclusión dunhas cláusulas para adicionar ás convocatorias de estabilización da Lei 20/2021. Ademais aportamos cuestións para buscar dar solución ás eivas destes procesos.

1. Modificación de 7 postos nas RPT Emprego e Igualdade, Medio Rural, Política Social, Cultura e Educación para dar destino as persoas que superaron un proceso selectivo. Ante o noso cuestionamento pola laboralización de postos Función Pública aclara que están previstos para a funcionarización polo que van poder ser ofertados en concurso de traslados ao persoal funcionario de carreira.

2. Cláusulas para incluír nas convocatorias de estabilización (que intentan resolver o que non deixaron ben na Lei de medidas urxentes e nos criterios xerais).

1) Valoración da experiencia ao persoal transferido (INEM e Illas Atlánticas) como en distinta administración (0,125). Ante a demanda de valorar igual o tempo traballado na Xunta que noutras administracións ao persoal que transferiron de xeito obrigatorio din que o van repensar.

2) Persoal das 3 convocatorias da Lei 4/1988 de Función Pública: consideran que son laborais fixos polo que non computan as súas prazas e as retiran da oferta. Que revisen ben e que o fagan xa. Lembramos que hai persoal interino das tres oportunidades que non pasaron aínda a laboral fixo.

3) Prazas das brigadas de 6 meses do SPIF: consideran o tempo prestado en extinción de incendios en SEAGA como tempo traballado noutras administracións (0,125) así que non retiran as prazas como pedíamos.

Medio Rural deixou de facer unha encomenda anual de xestión en incendios forestais con SEAGA e polo tanto non hai subrogación do servizo, non son nin da DA 6ª nin da 8ª . De seguir as prazas produciríase unha competencia inxusta sen apenas oportunidade para que poidan optar a ela os compañeiros e compañeiras que xeraron a praza.

Na CIG sempre fomos cautelosas coa inclusión destas prazas na OEP e para emendalo agora non queda outra que a retirada das prazas.

 
3. Rogos

Cuestións sobre as convocatorias de estabilización

Dende a CIG remitimos este 9 de xaneiro un novo documento de alegacións pola falla de prazas publicadas no web de Función Pública e fixemos propostas de mellora das convocatorias.

Ademais:

  • Rexeitamos o potencial desconto de prazas durante o proceso sobre as xa publicadas na convocatoria do DOG, que xustifican en base aos procesos selectivos pendentes de rematar.

  • Esiximos algún mecanismo de compensación da puntuación do tempo traballado nas prazas con xornada inferior á completa ou fixas-descontinuas.

  • Na quenda de prazas de diversidade funcional non se tiveron en conta os datos de discapacidade do persoal que as ocupa. Ademais solicitamos que nesta estabilización extraordinaria se acumulen á quenda xeral as prazas que non se cubran.

  • Defendemos baremar unicamente os cursos das universidades públicas (estase a promover un negocio e prexudicando o principio de igualdade).

  • Temos unha serie interminable de dúbidas sobre como vai ser a autobaremación: solicitamos unha guía de consulta e instrucións e rexeitamos as sancións a quen erre no procedemento.

  • Aclaramos que podes presentarte a todas as convocatorias, concurso e concurso-oposición, categorías e escalas equivalentes, etc. O que non sabemos é como vai valorar a puntuación da proba superada e tampouco o tempo traballado (outra cousa que queda pendente para a vindeira reunión).

  • Tamén queda sen resolver o que vai pasar coas persoas que están en situación de incapacidade permanente con reserva de posto no caso de que lle revisen a incapacidade e volvan ao posto.

  • Sobre as prazas en escalas/categorías a extinguir que foron retiradas e non saen convocadas, defendemos que non se perdan e que se convoquen nas categorías/escalas sucesivas. Función Pública di agora que hai problemas de titulación das persoas que xeran as prazas pero antes dixo que tiñan estabilidade: que aclaren.

  • Teñen que deixar clara a repercusión legal da listaxe publicada no web de Función Pública e se vai valer como comunicación ao interesado/a, xa que sufriu cambios e non esta validada. E tamén corrixir no listado de prazas as localidades ou centros que veñen mal.

Sobre titulacións, persiste o caos

  • Segue existindo un enorme caos nas titulacións requiridas. Van corrixir a titulación específica de xerocultor/a mais non di nada na de oficial de cociña (2ª) que sigue coa ESO.

  • Para os/as profesores/as numerarios/as de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros requirimos que validen a docencia como mestrado de formación do profesorado nos mesmos termos que fai a Consellería de Educación nos seus procesos selectivos.

  • Escala de técnicos/as en educación infantil. Na normativa é requisito o título técnico/a superior en educación infantil ou equivalente. Si Función Publica mantén que vai aceptar diplomaturas de mestras debe achegar a equivalencia ao grao superior do EBEP. Na CIG cuestionamos a validez da habilitación académica ou profesional. Denunciamos que se están a dar falsas expectativas ao persoal que ocupa as prazas e que ao final vai quedar fóra. O máis lóxico é darlle ás persoas que carezan del a oportunidade de sacar o título antes do prazo de presentación deste requisito. Ao final Función Pública dixo que valoraría a proposta do prazo e que revisaría a cuestión da equivalencia.

 Sobre as prazas, segue o xogo das cadeiras

Seguen a faltar por incluír unha morea de prazas (e a vista queda despois da enorme cantidade de alegacións que recibimos estes días).

Debido a desastrosa xestión do persoal temos, por poñer un exemplo, prazas de oficial 2ª cociña no C1 e o resto no C2 facendo as mesmas funcións. Ante esta incoherencia solicitabamos que se valorara igual en escalas alternantes coas mesmas funcións pero non se atendeu a nosa proposta. Hoxe teñen o problema das persoas con postos reclasificados, así que finalmente… como van puntuar o tempo traballado?

Para a vindeira semana teremos unha nova reunión coa DXFP polo que se queres facernos chegar algunha consideración sobre as prazas podes facelo aquí (antes do venres). E esperemos que atendan a algo porque xa levamos milleiros de alegacións feitas con este asunto das prazas dende o mes de maio e seguimos no xogo das cadeiras: faltan centos de prazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario