Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 29 de marzo de 2023

Concurso traslados, promoción interna, destinos, FISP, plan igualdade, excedencias, substitucións, grupo B, RPTs (máis información da CP 22/03/23 e MX 17/03/23)

 

Resumo dos “rogos e preguntas” da Comisión de Persoal do pasado 22 de marzo e Mesa Xeral do 17, onde o director xeral de Función Pública deu a información que trasladamos.

Concursos de traslados: esiximos comezar a negociar todos os concursos (xeral, especial, escalas, e persoal laboral). Hai que comenzar xa a negociación, máis tendo en conta os tempos que manexa Función Pública. Por poñer un dato, o último de Administración especial convocouse no ano 2012.

Promoción Interna: lembramos que hai que comezar xa coas convocatorias de promoción interna. Non admitimos que o persoal de acceso libre vaia ter mais opcións que o de promoción interna á hora de escoller destinos por elixir antes. O maltrato ao persoal propio esta a ser bestial.

Prazas para elección de destino: está a pasar que para as eleccións de destino (provisionais) están a ofertar moi poucas prazas, e tamén que están a xogar cos criterios para seleccionar as prazas. Publicaran uns criterios, pero están a cambialos segundo cada caso sen sequera comunicarllo á representación do persoal. As prazas ocupadas en comisión de servizo son ofertadas unhas si e outras non. As prazas ocupadas por persoal interino son ofertadas unhas si e outras non. Pode gustarnos ou non o criterio decidido, pero o que non poden facer é andar a cambialo segundo o proceso, e dentro do proceso, segundo a praza. Están a sinalar quen queda e quen marcha.

Negociación niveis Farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública (FISP): a CIG transmite a queixa de que os sindicatos solicitamos varias veces ser convocados por Sanidade para falar dos niveis do persoal da escala de FISP, e que a consellería o que está a facer son xuntanzas con particulares para tratar o asunto, saltándose as leis e sentenzas que regulan a negociación colectiva. Reclamamos do DXFP que medie con Sanidade para ser convocados. Este limítase a “tomar nota” e a comprometerse a transmitir a queixa.

Enquisa do plan de igualdade: non cumpriron coa data prevista para o seu envío. Resposta o DXFP que son problemas técnicos que tentarán solucionar de inmediato.

Actualización de listas de substitucións trala consolidación II-7: non incorporaron ás listas o resultado deste proceso selectivo, pero si o fixeron con outros. O DXFP resposta que a actualización é automática, pero non desbota a posibilidade de que fose un erro. Di que o revisarán.

Excedencia proceso selectivo superado: hai información contraditoria de se unha persoa que ocupa unha praza en interinidade pode quedar en excedencia noutra escala dun proceso superado. O DXFP di que vai revisar todos os casos e dará conta para a semana. Confirma que están a dar a excedencia por interese particular a interinos/as que están noutra administración ou Sergas. E dan excedencia por traballo no sector público cando é funcionario/a de carreira. Non esixen tempo traballado mínimo.

Grupo B: o concello da Coruña xa ten o persoal escollendo destino no grupo B (delineantes). Que pasa cos noso persoal delineante, maltratado cunha exclusión ridícula na LEPG? E ao persoal axente técnico ambiental o mesmo. E logo temos todas as funcionarizacións e procesos selectivos do B rebaixados ao C1. É inadmisible o mantemento sine die desta rebaixa profesional. Ata cando vai FP a negar o grupo B?

Estado de negociación de RPTs: informa o DXFP que neste momento teñen entre 10 e 12 RPTs pendentes en Función Pública. Tentarán liquidar 1 ou 2 por semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario