A chulería e ignorancia de Función Pública non ten límite, ou se lle descoñece teito.
Despois de que nas catro últimas promocións internas ao corpo auxiliar (subgrupo C2) quedaran prazas desertas e que o sistema selectivo se demostrara un desastre, inxusto e ineficiente, e que se detectara claramente o problema, este director xeral segue queréndose rir das persoas empregadas públicas do corpo subalterno.
O problema é que a proba de coñecementos informáticos é un obstáculo infranqueable, e non por falta de coñecemento dos opositores, senón porque así está deseñada para facer de barreira, cun nivel de esixencia que non se corresponde coas necesidades reais que vai ter o persoal para traballar no corpo auxiliar.
O da proba de coñecementos ofimáticos do C2 vén herdado de cando as persoas do corpo auxiliar tiñan que saber mecanografía porque o resto dos corpos non tiñan por que usala. E os aspirantes tiñan que ir cargados ata Compostela, A Coruña ou Silleda, segundo onde fora o exame, coas súas máquinas de escribir Olivetti 98 de 14 kg de peso, que era o modelo estándar que se usaba nas administracións.
No século XXI onde TODAS as persoas funcionarias, dende a AP ata o A1 UTILIZAN A DIARIO ordenadores no seu traballo, a pregunta que se deberían facer en Función Pública é: por que unha persoa do C2 ten que acreditar coñecementos informáticos e as do C1, A2 e A1 non?
A CIG pedíu que se retire o exame de informática, pero Función Pública segue a manter un copipega das bases anteriores sen mudar absolutamente nada.
Que uns xestores públicos sexan incapaces de detectar cal é o problema que impide utilizar recursos humanos internos xa formados sen ter que recorrer a recrutamento externo se supón que é de ignorantes. E se coñecen cal é ese problema e seguen para adiante significa que son uns chulos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario