Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 16 de novembro de 2023

Para UGT os trienios son para paliar a perda de poder adquisitivo

 

Non é que escriban as notas na barra dun bar, é que intelectualmente son uns palanquíns e non dan artellado unha mellor desculpa para convencernos de que non sufrimos unha perda de poder adquisitivo.

Na última nota de UGT sobre o incremento do 0,5% nos din varias cousas de interese, como que no ano 2022 nos subiron un 6,66% as retribucións e no 2023 un 4,5%, co cal a perda de poder adquisitivo pásanos de largo ao persoal da Xunta. Todos os anos, nos orzamentos xerais do Estado e con carácter básico se establece unha suba (ou non) das retribucións co fin de paliar (outra vez ou non) a inflación.

Pero contarnos que un complemento de carreira ou de desempeño é para iso é o mesmo que dicir que os trienios teñen por función evitar a perda de poder adquisitivo e non retribuír a antigüidade.

Pois isto é o que fan os amigos da UGT, sumar á suba salarial do 3,5% do 2022 e do 3% en 2023, os incrementos da carreira profesional. Resulta entón que o complemento de carreira profesional non é unha retribución adicional ao complemento de destino, senón que existe “para non perder tantos cartos”.

As preguntas son: que lles di UGT aos traballadores doutras administracións que quedaron coa suba pelada e cunha perda de poder adquisitivo? Ou que lles di ás empregadas públicas da Xunta ás que lles negou a carreira por ser interinas ou temporais (e que accederon ao grao I ao gañar a CIG as demandas)?. E tamén, que lle di ao persoal laboral fixo que non se quere funcionarizar, ou que obrigaron a funcionarizarse en subgrupos inferiores con perdas salariais importantes como ao persoal coidador do III-99?

O que si sabemos é o que din da paralización da carreira profesional durante un ano: “...un dereito cercenado por un gravísimo erro sindical sen antecedentes”. Son moi benevolentes consigo mesmos e o que deberían dicir é que foi un dereito cercenado CONSCIENTEMENTE por eles e a administración para ver si colaba a ilegalidade cometida.

Para colarlle tal cantidade de bulos ao persoal da Xunta hai que ter máis sofisticación intelectual. Quod natura non dat UGT non praestat.

Ningún comentario:

Publicar un comentario