Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 21 de maio de 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tomas de posesión


Este luns 18/05/2026, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solucións e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto.

As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021 non van poder acceder ao destino definitivo por unha decisión da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Das oito promocións de corpos xerais que están pendentes de obter o seu destino definitivo, unha delas, a promoción interna de 2023 non vai poder facelo, coa conseguinte perda de dereitos.

E todo isto pola decisión ou, mellor dito, pola indecisión e inhibición da directora xeral de Emprego Público. Descoñecemos os motivos pois o argumento empregado en primeiro lugar foi que “non toca”. Despois, que “os procesos aínda non están aínda rematados”, cando si o van estar antes de que se convoquen todos os actos de elección de destino (as resolucións coas relacións de persoas que superaron os procesos publicouse no DOG do 30 de abril e a entrega de documentación remata a final de mes).

Ao mesmo tempo, esta directora xeral non nos proporcionou datos nin de cantas persoas teñen que elixir posto nesta promoción interna, nin de cantas na anterior (hai persoas que no concurso obtiveron postos abertos), nin de cantas prazas concretas faltarían para poder levar adiante todas as eleccións de destino, xa que a información foi xenérica.

Ás persoas que aprobaron a promoción interna hai que darlles destino definitivo e adiar esa decisión non soluciona o problema da falta de prazas e resta dereitos ás persoas funcionarias, problemas causados por unha decisión inxusta e incomprensible.

E se unha dirección xeral se inhibe nas súas funcións, o conselleiro ten que chamala á orde e obrigala a dar unha solución, aínda que moito nos tememos que despois de 3 días sen resposta o problema tamén debe ser o conselleiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario