O venres 21 de maio tivemos unha xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais coa seguinte orde do día:
1. Aprobación da acta anterior
2. Informe dos asuntos tratados na reunión anterior
3. Dación de conta da elaboración e rexistro do Plan de autoprotección do Edificio Administrativo de San Caetano
4. Dación de conta das últimas avaliacións de riscos emitidas correspondentes a este comité
5. Renovación dos cargos de presidencia e secretaría do Comité
6. Rolda aberta de intervencións
A presidenta iniciou a sesión pedindo desculpas por desconvocar unha xuntanza do Comité onde se incluía na orde do día tratar sobre as medicións do radon e alegou que o motivo foi non dispor de todos os datos para poder informar. Como tampouco dispoñía aínda deles, indicou que se realizará unha reunión extraordinaria sobre esa cuestións. A CIG preguntou por unhas xornadas realizadas sobre o radon ás cales non foron convocados os sindicatos e alegou que foron técnicas e relacionadas con solucións construtivas.
A continuación, aprobouse a acta anterior coas abstencións das persoas que non estiveron presentes na sesión anterior. En canto ao informe dos asuntos tratados na reunión anterior, indicouse que se recolocaron os colectores do contorno do Edificio Administrativo. Así mesmo, informaron de que enviarán o informe sobre que os menús da cafetaría son saudables.
Canto á situación do Complexo de San Lázaro, o representante de SEPGA indicou que non hai indicadores de velocidade nun lugar con circulación complicada cunha gardaría moi preto. Tamén aludiu á sinaléctica cos nomes antigos das consellerías.
Outra das cuestións tratadas na reunión anterior foi a zona de estacionamento para motos/motocicletas no edificio novo de San Caetano, así como que vai acontecer co aparcamento cando rematen as obras da nova construción. Informan de que o número previsto de persoas que ocuparán o novo predio será de 600 persoas e as prazas de aparcadoiro serán 30, pero a maioría para altos cargos. Isto vai producir unha gran saturación no aparcadoiro de San Caetano cando as persoas ocupen o novo edificio.
CIG preguntou polas motos que aparcan fóra do aparcadoiro porque non hai unha área habilitada para iso, problema que pode aumentar ao viren máis persoas cando se ocupen as novas dependencias.
Canto ao punto 3, informouse de que o Plan de autoprotección do Edificio Administrativo de San Caetano está feito e está pendente de pór en práctica.
Das últimas avaliacións de riscos, indicouse que no centro situado na praza de Mazarelos, 15 (Emigación), se solucionou todo excepto un estante no corredor que incumpre coa normativa de prevención de riscos, pero aseguraron que se vai quitar. No relativo ao radon, a medición superaba os límites no soto ao estar pechado, pero nese lugar non hai traballadoras nin traballadores.
No Instituto Galego de Consumo e da Competencia, sito na avenida Gonzalo Torrente Ballester, 1-5, solucionáronse todas as cuestións, excepto o relativo ao radon e situar o punto de encontro. Está pedido un orzamento para medir o radon.
En relación co edificio denominado “Edificio dos Espellos”, no Complexo de San Caetano, informaron de que está solucionado o que dependía da Consellería de Presidencia, do resto indicaron que carecían de datos.
No parque móbil quedou por solucionar o tema do radon.
O penúltimo punto foi a renovación de cargos. A presidencia recae agora na Consellería de Facenda e Administración Pública e a secretaría, en SEPGA.
Na rolda de intervencións abertas a CIG informou con apoio documental (fotografías) da situación da Oficina de Turismo da rúa do Vilar. Propuxo, dadas as carencias e o incomprimento da normativa, que as traballadoras sexan trasladadas para a outra Oficina de Turismo da Xunta, onde hai postos vacantes tras varias xubilacións.
Os riscos da oficina da rúa do Vilar son: risco de esvarar por patio que se inunda, o cal deben cruzar para ir ao baño e a outro edificio anexo; humidades en paredes; riscos ergonómicos; risco de padecer agresións (pola situación da oficina precisan un garda de seguridade)...
Tamén deu conta de que na Agacal non se cumpren as distancias que deben ter os lugares de paso entre o mobiliario. No soto tamén hai unha grande acumulación de caixas.
A CIG puxo, así mesmo, de manifesto que hai carros de limpeza con produtos nos baños de San Caetano. Estes carros non poden estar aí. A Oficina Técnica debe proporcionar un lugar para gardalos. Comprometéronse a solucionalo. Ademais, tamén indicou que o local sindical continúa sen cumprir coa normativa de accesibilidade ao non haber un ascensor.
SEPGA aludiu ás deficiencias no consentimento informado das revisións médicas. A Administración indicou que se corrixiron a redacción e os erros tipográficos e que Vitaly como servizo de prevención alleo consta coa acreditación debida. Tamén aludiu á avaliación de riscos para mulleres en período de lactación. A Xunta indicou que nos informes específicos non deben incluírse medidas.
Outra cuestión que se comentou foi a demora na resolución dos casos que competen ao Comité de Protocolo de Acoso. Trátase dunha cuestión moi delicada e debería axilizarse o procedemento.
A CIG ten moitas dúbidas sobre se solucionaron todos os problemas. Faremos as comprobacións oportunas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario