Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 14 de febreiro de 2014

Propostas de mellora de accesibilidade, mantemento e servizos comúns dos centros dos servizos centrais da Xunta de Galiza

Desde a Xunta de Persoal dos servizos centrais impulsáronse varias cuestións relacionadas coa accesibilidade, mantemento e servizos comúns dos diferentes centros dos servizos centrais da Xunta de Galiza. A meirande parte fican parados por cuestión orzamentarias, outros porque hai que estar continuamente enriba para que conseguir pequenos cambios.

Aparcamento San Caetano
O aparcamento a cuberto que ten a Xunta en San Caetano contratado só conta con 400 prazas e os problemas para aparcar polos arredores son evidentes para as traballadoras e traballadores de San Caetano pero tamén para o resto do persoal doutros centros dos servizos centrais que teñen que vir a San Caetano por cuestións xerais, sindicais, de persoal, servizo médico, etc.
Temos queixas de traballadoras e traballadores públicos que se lle desactivou a tarxeta mentres persoal que non é Xunta fai uso gratuíto. Solicitamos criterios de uso e acceso a este aparcamento.

Café solidario na cafetaría da estación de autobuses de Compostela

Ao lado mesmo do edificio administrativo de San Caetano está tendo lugar un peche dos seus traballadores na cafetaría da estación da autobuses

A empresa actual renunciou, o concurso da concesión quedou deserto e as instalacións teóricamente pechadas desde o martes, 11 de febreiro. Porén, os 6 traballadores esíxen unha solución xa que se atópan en terra de ninguén: non están despedidos e non poden cobrar o paro nin tampouco teñen nómina.

Dedidiron pecharse no local para que este non peche e seguen atendendo aos usuarios co material que lle resta de xeito totalmente gratuíto.

Pedíronnos aos traballadores e traballadoras de San Caetano e arredores o noso apoio. Se queres, podes parar a tomar un café solidario e asinar o seguinte escrito de apoio dirixido ao Concello de Santiago. 

ÚLTIMA HORA: O luns, 17 de febreiro, ás 17:00h podería producirse un intento de desaloxo. 

luns, 10 de febreiro de 2014

Despilfarro da EGAP na distribución "deluxe" do seu plan de formación 2014

Nos corredores do edificio administrativo de San Caetano aparecereon tirados varios exemplares en papel satinado e a toda cor do Plan de Formación EGAP 2014.

A publicidade deste plan foi feita mediante medios electrónicos e pódese atopar no seguinte enderezo. Porén, a EGAP fixo unha tirada indeterminada en formato libriño coas páxinas satinadas e a toda cor. Parte da dita tirada, que teñamos coñecemento, foi distribuída polo edificio administrativo de San Caetano (edificio dos espellos, corredores de Facenda, etc.).

venres, 7 de febreiro de 2014

A Xunta de Galiza permite o incumprimento do contrato de limpeza anual dos edificios administrativos por preto de 7 millóns de euros

A Xunta de Persoal dos servizos centrais denuncia na seguinte nota de prensa que a Xunta de Galiza está a pagar por uns servizos que non se prestan sen que a esta lle importe demasiado a pesar da elevada cantidade deste contrato. Din que cabe preguntarse se á Xunta lle sobra o diñeiro ata tal punto de poder permitirse este incumprimento ou se estamos ante un indicio de prevaricación.

O 31 de maio de 2012 formalizouse o contrato de limpeza dos distintos edificios administrativos da Xunta de Galicia. A empresa gañadora foi a única que se presentou: Limpiezas Pisuerga Grupo Norte, S.A. por valor de 5.597.861,00 € (IVE excluído); só 2.139€ por baixo do orzamento base de licitación 5.600.000,00 € (IVE excluído). Actualmente o dito contrato encontrase prorrogado.

Logo da lectura dos pregos, podemos asegurar que o mencionado contrato está sendo incumprido, sen que por parte da Administración se impoñan ao adxudicatario ningún tipo de penalización ou se teña resolto este, con perda da garantía, tal e como establecen os pregos e a lexislación correspondente.

venres, 25 de outubro de 2013

Bolsas de formación si pero para persoal directivo: continúa o abuso das bolsas de "formación" nos servizos centrais

Resulta curioso que a Xunta nunca teña cartos para crear os postos necesarios nunha RPT e opte por contratar asistencias técnicas e convocar bolsas de formación pero sempre atope os cartos necesarios para crear postos de persoal directivo que son moito máis caros.

O luns, 28 de outubro, a Xunta aprobará na Comisión de Persoal as primeiras RPTs de Axencias con persoal directivo, mesmo de fóra da Administración e cunhas retribucións superiores. Mentres, no DOG do 23/10/2013 publica a resolución de adxudicación de dúas bolsas para traballar na EGAP: a) unha vinculada á xestión de sistemas de teleformación e b) outra de documentación e biblioteconomía.

As ditas bolsas convocáronse no DOG do 25 de abril.  O que se pide basicamente é xente nova hipercualificada (titulación superior con bo expediente, cursos, comunicacións congresos, publicacións, idiomas, etc.) e a cambio ofrecen 1200€ brutos/mes, sen ataduras de contratos e durante uns poucos meses. A súa etapa formativa vai ser breve ou inexistente, máis tendo en conta, no caso da biblioteca, que na recentemente reformada RPT da EGAP non hai postos especializados para formar á nova bolseira.

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?

martes, 13 de agosto de 2013

A Xunta de Persoal de SSCC insta a implantación 100% telemática na tramitación de permisos, vacacións e licenzas

A DXARA (Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema Kronos.

Actualmente, nos Servizos Centrais, na tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos (que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.

Por outra banda, cómpre destacar a falta de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos, vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin obriga de resolución.

Proxecto Morpheo

A directora da DXARA informou á Xunta de Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas (xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións, permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será posible ata xaneiro de 2014.

O atraso vén motivado porque aínda non se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os permisos ou os prazos.