Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 6 de outubro de 2014

A casta rise de nós

Loxicamente nos referimos á casta brahamán, esa casta suprema que ocupa os postos de poder e que utiliza a figuras públicas como monicreques e cabos furrieis para a defensa dos seus intereses económicos particulares.


Achegamos cartaz de protesta polas recentes declaracións de Feijóo moi preocupado polo plus dos altos cargos e non "facer de menos" aos altos cargos da Xunta con relación aos do Estado e moi pouco con relación ao que nos fai de menos ás traballadoras e traballadores públicos da Xunta respecto aos compañeiros e compañeiras da Administración Xeral do Estado en cousas como as pagas extras ou a promoción interna.

E logo lles soprenden que lle chamen "casta". E non vai sorpreder con declaracións coma as que recollemos no CIG-Informa ou con realidades coma que gastan máis en asesores da Xunta que en diputados e diputadas do parlamento galego.
Que se lles ve o plumero, que o de reducir o número de parlamentares é para quedar 4 anos máis na poltrona. Se queren aforrar que reduzan primeiro o gasto público en persoal que elixen a dedo desde o partido e non no persoal que elixe a cidadanía, ou aquel que demostrou mérito e capacidade a través dunha oposición ou concurso-oposición.

Pobriños os altos cargos da Xunta

Di Feijóo na prensa que vai manter o plus dos altos cargos na nova lei de emprego público porque é de xustiza. As súas declaracións exactas foron que "non quere facer os da Xunta de peor condicións que os do Estado".

Porén, as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza estamos demasiado afeitas a que nos faga de peor condición que na Administración Xeral do Estado: nas pagas extras (nós non as cobramos completas), na devolución do que a Xustiza recoñece que nos roubaron na paga extra de Nadal de 2012 (nós o imos recibir en 2 “cómodos” prazos no 2015 e 2016, no Estado no 2015), na promoción interna (nós cada 5 ou 6 anos con sorte), nos concursos de traslados (nós cada 3 con moita sorte)...

Que non o vai pagar nesta lexislatura, vale, pero xa non é o gasto que ocasionará no futuro, senón a falta de respecto á cidadanía que cada día o pasa peor. Unha cidadanía a que fai de menos, de moito menos, cos seus dispendios públicos, as súas corruptelas e a súa política por e para a casta financeira.

Non te acostumes a que te fagan de menos, imprime e coloca o seguinte cartaz non teu posto e que así chegue tamén a cidadanía.

mércores, 1 de outubro de 2014

O persoal da Xunta está farto de ver a policía rexistrando os seus centros de traballo por casos de corrupción

A semana pasada dábase a coñecer tralo Consello da Xunta a dimisión “por motivos persoais” do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá. Ese mesmo día, traballadores do edifico administrativo San Lázaro puxéronse en contacto coa CIG para amosar a súa preocupación porque estivera a policía rexistrando as dependencias de Traballo. Comentáronos que, xunto coa marcha de Odilo, cesaran tamén ao xefe de servizo de Formación e mostraban o seu malestar pola situación de falta de información.

Posteriormente, a prensa daba a coñecer que o director xeral fora a declarar ante a policía sobre a trama de falsa axudas para cursos de formación sobre a que hai un proceso xudicial aberto no xulgado de instrución nº6 da Coruña. Curiosamente, e semella que o Gabinete que nos custa a todas e todos 350.000€/ano non ten ben informada á conselleira, pois ao día seguinte Beatriz Mato aseguraba non saber nada deste tema.
Aínda así, resulta difícil de crer que non saiba nada pois Odilio Martiñá era home de máxima confianza da conselleira de Traballo e Benestar. Cómpre recordar que antes de ser director xeral de Traballo e Economía Social ocupara o cargo de director xeral de Relacións Laborais, tamén con ela. Porén, foi de 2003 a 2005 cando exerceu o cargo de director xeral de Formación e Colocación.

Cremos que a conselleira debe acudir a dar explicacións ao Parlamento, que debe cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas, pero cremos que tamén lle debe unha explicación aos seus traballadores e traballadoras públicas.

venres, 26 de setembro de 2014

Feijóo, paga o que debes!!!




O Goberno da Xunta insiste no seu plan de devolvernos o 25% da paga extra de Nadal de 2012 en dous cómodos prazos no 2015 e 2016.

Ese 25% coincide coa parte devengada desa extra antes do recorte, eses 44 días que a Xustiza recoñeceu en diferentes ámbitos que non podían quitarnos con carácter retroactivo e que algunhas Administracións xa devolveron.

A Xunta non é unha charcutería, e aínda que chourizos habelos, hainos, non queremos “metade de cuarto” de paga extra, queremos o que é noso, o que se nos debe... ou non hai que pagar o que se debe, Sr. Feijóo, e máis cando estamos falando das nóminas das que dependen moitas familias e comen as nosas fillas e fillos? 

Por iso, animamos ás traballadoras e traballadores públicos galegos a colocar nos seus postos de traballo cartaces como os que acompaña esta publicación. 

Descargar cartaz

Teñen cartos para rescatar aos bancos e logo botan á xente da súa casa

O Instituto Galego de Vivenda e Solo recorta 800.000€ en gastos de persoal


En plena situación de emerxencia social coa vivenda, con centos de desafiuzamentos ao ano no noso país, o organismo autónomo da Xunta con competencias nesta materia amortiza 36 postos de persoal funcionario, 10 dos cales están ocupados, co que dificulta a atención, xestión e o asesoramento necesarios.
 
O 25 de setembro houbo unha primeira reunión para tratar a modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Nesta modificación proponse a amortización de ata 36 postos de persoal funcionario fronte aos 11 que se crean, o que supón un recorte no capítulo de persoal de máis de 800.000€.

A conclusión que loxica é que esta proposta concreta que nos achega a Xunta, con este brutal recorte, non resulta moi coherente coa continúa mensaxe de recuperación económica e boa marcha da Administración autonómica.

xoves, 25 de setembro de 2014

Tres encomendas de xestión da Subdirección Xeral de Metereoloxía a Tragsatec en 6 meses para suplir a falta de persoal público

O sector da Autonómica da CIG de Compostela denuncia o abuso deste mecanismo e asegura que son prazas estruturais


O sector da Autonómica da CIG-Administración de Compostela vén de denunciar o “abuso” das encomendas de xestión nas consellarías. Sinala que se vén de publicar unha nova da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Medio Ambiente con Tragsatec para apoiar á Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Investigación. Denuncia que esta sería a terceira encomenda de xestión coa mesma empresa en menos de 3 meses e que se recorre a este mecanismo para suplir a falta de empregadas e empregados públicos.
Segundo explican, esta subdirección xeral conta só con 5 persoas (incluído o subdirector e secretaria) e recentemente se retocou a relación de postos de traballo sen engadir máis persoal. Engaden que outras encomendas con esta empresa xa derivaron nesta consellaría na creación de até 14 prazas por sentenza xudicial só nos servizos centrais, o que entenden que demostra que “este tipo de traballos son estruturais e polo tanto son necesarios máis empregados e empregadas públicas”.


xoves, 18 de setembro de 2014

Grazas, Montoro!



No BOE do 17/09/2014 publícase a "Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de Reforma Administrativa". Con esta linguaxe mentirosa que se emprega desde o goberno quere dicer "de restricións", "de control" e "de contrareforma" das Administracións públicas.


En calquera caso, como guinda do pastel trae un carameliño hipócrita (un moscoso máis, despois de roubarnos un lote deles). Xa que logo, a cousa para este ano e para os seguintes (mentres non volva a cambiar) queda tal como sigue: 5 por lexislación estatal e 2 polas instrucións de permisos, vacacións e licenzas (DOG 20/03/2013), facendo un total de 7. 


Ollo porque xunto con este caramelo veñen modificacións substanciais no EBEP: regulamentación do persoal interino, a introdución do persoal militar na administración ou sobre a mobilidade do persoal entre Administracións.


Xa que logo, parece que agora interesa estar a ben coas empregadas e empregados públicos porque a semana pasada saltaba tamén a seguinte nova, a raíz da preparación da Lei de Orzamentos do Estado: