A semana pasada dábase a coñecer tralo
Consello da Xunta a dimisión “por motivos persoais” do director xeral de
Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá. Ese mesmo día, traballadores
do edifico administrativo San Lázaro puxéronse en contacto coa CIG para
amosar a súa preocupación porque estivera a policía rexistrando as
dependencias de Traballo. Comentáronos que, xunto coa marcha de
Odilo, cesaran tamén ao xefe de servizo de Formación e mostraban o seu
malestar pola situación de falta de información.
Posteriormente, a prensa daba a coñecer
que o director xeral fora a declarar ante a policía sobre a trama de
falsa axudas para cursos de formación sobre a que hai un proceso
xudicial aberto no xulgado de instrución nº6 da Coruña. Curiosamente, e
semella que o Gabinete que nos custa a todas e todos 350.000€/ano non ten ben informada á conselleira, pois ao día seguinte Beatriz Mato aseguraba non saber nada deste tema.
Aínda así, resulta difícil de crer que
non saiba nada pois Odilio Martiñá era home de máxima confianza da
conselleira de Traballo e Benestar. Cómpre recordar que antes de ser
director xeral de Traballo e Economía Social ocupara o cargo de director
xeral de Relacións Laborais, tamén con ela. Porén, foi de 2003 a 2005
cando exerceu o cargo de director xeral de Formación e Colocación.
Cremos que a conselleira debe acudir a dar explicacións ao Parlamento, que debe cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas, pero cremos que tamén lle debe unha explicación aos seus traballadores e traballadoras públicas.
Cómpre recordar que recentemente a Xunta
publicou o seu Código Ético e de Conduta para o persoal que traballa na
Administración autonómica, co obxecto basicamente de discernir entre o
que é un agasallo de cortesía e o que poder ser un suborno. Porén, non
vemos que as persoas representantes da Xunta lle esixan un comportamento
exemplar aos seus altos cargos que aparecen citados en casos de
corrupción e nin sequera aclaren porque aparecen a declarar diante da
policía.
En calquera caso, máis molesto
resulta para as traballadoras e traballadores públicos da Xunta ver nos
seus centros cada pouco a policía facendo rexistros ou ver como
compañeiras e compañeiros de traballo son chamados a declarar en casos
de corrupción no máis absoluto mutismo por parte dos seus superiores;
antes do de Traballo polo fraude nos cursos de formación, estivo o da
Axencia de Infraestruturas co caso Pokemon ou o da Axencia de Innovación
co caso Campión.
Desde a CIG-Autonómica Compostela lle
demandamos á conselleira de Traballo e Benestar que deixe de tomar o
pelo á cidadanía e declare a que se debeu este último rexistro e como de
grande é o iceberg do que só lle estamos a ver a punta a este caso. Por
outra banda, fai un chamamento ao Goberno da Xunta a que deixe de botar
terra sobre os casos de corrupción e evite a mala imaxe pública que
lle está dando a esta Administración autonómica cada vez que aparece a
policía rexistrando as súas instalacións sen dar unha mínima
explicación. Por outro lado, facemos un chamamento ás traballadoras e
traballadores da Xunta a combater a corrupción e poñer en coñecemento
xudicial calquera destas prácticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario