Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 7 de novembro de 2014

Pasando de negociar nada: caso do CIXTEC

Quedamos flipando do que nos comentan as compañeiras e compañeiros do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-financeira e Contable (CIXTEC) que ten aquí a súa sé en Compostela., pretiño do Parlamento, aínda que tamén están de xeito permanetne por San Caetano, no edificio de Facenda. Por decilo así, rapidamente, levan todo o que ten que ver co aspecto técnico da Consellaría de Facenda. 

A Dirección vén de facer unha modificación da RPT da que ten o visto bo de Función Pública sen terse reunido coa representación do persoal; simplemente llo comunicaron a título informativo. O comité de empresa vén de poñer un recurso e desde a CIG se lle solicitou ao director de Función Pública que cumpra as leis sobre a obrigatoriedade de negociar colectivamente as RPTs, tanto o EBEP como o Estatuto dos Traballadores, e máis o propio V Convenio Colectivo (ao que están adherido o seu persoal).

En fin, vale que andiveron co CIXTEC aos tumbos, que non sabían se convertilo en Axencia, se fusionalo coa AMTEGA, se co IGE... pero en temas de persoal non se aplica a potestade organizativa e teñen que negociar, lles guste ou non.

xoves, 6 de novembro de 2014

Promoción interna ou putada eterna?


Sorprendentemente, a finais de xullo mandou o director xeral da Función Pública os borradores das convocatorias da promo interna de corpos xerais. Como ben sabedes, estes borradores son infumables e xa non só polo fondo, que parecen máis unha convocatoria de acceso libre, senón polas formas.

E cales son as formas? Pois 5 anos sen convocar nada, 3 ofertas de emprego público acumuladas, e agora veñen cunha convocatoria completamente diferente á última.

E non só iso, despois das asembleas que fixemos en San Caetano e San Lázaro, de presentar unha chea de alegacións que nos achegáchedes, veñen cun segundo borrador practicamente igual que o primeiro. Falouse co resto de sindicatos e decidimos levantarnos en sinal de protesta pola falta de negociación.


mércores, 5 de novembro de 2014

Voceiro da CIG Traballo e Benestar da Coruña: conselleira pirata ao abordaxe dos dereitos do persoal laboral.

Xa está dispoñible para descarga un novo número do "Voceiro", o boletín informativo da sección sindical da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña.

Neste número:
  • Conselleira pirata: á abordaxe dos dereitos do persoal laboral
  • Paralización da reforma da residencia de maiores de Caranza
  • Compesación de domingos e festivos
  • Novas... novas... novas (concurso de traslados, solapamentos, orzamentos 2015, nova lei de función pública,etc.)
  • Contra: para o que hai cartos e para o que non hai cartos.
Descargar o Voceiro

Boletín sindical CIG San Caetano - SSCC: Metade de cuarto de paga extra


Temos xa unha nova edición do boletín da CIG nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. Este boletín sindical ten unha tirada de 2000 números no maior centro de traballo de persoal funcionario da Xunta de Galiza.

Neste número, aínda máis fresco e retranqueiro que nunca pero reivindicativo e transgresor coma sempre, temos:

- Editorial. Metade de cuarto de paga extra. 
- Promoción interna: cronoloxía dun acto presunto 
- Novas breves 
- A contra: Hai fotos... e fotos!!! (O pequeno Nicolás)

Descargar o Boletín

A CIG solicita a dimisión de Beatriz Mato por exclavismo e crueldade laboral

Beatriz Mato, a conselleira que acepta regalos de empresarios, imponlle ao persoal laboral das residencias de maiores, centros de menores e Benestar social unhas condicións laborais de escravitude e de crueldade física e psicolóxica.

 

Desde a CIG de Traballo e Benestar da Coruña solicitamos a dimisión dunha conselleira que prioriza a súa vida social e mundana e despreza a situación das traballadoras e traballadores de atención directa dos servizos sociais e dos usuarios destes centros.


A situación do persoal laboral en Traballo e Benestar é calificada polos represetantes sindicais da CIG como "o colectivo máis castigado polos recortes e roubo de dereitos conqueridos historicamente, dentro do persoal laboral da Xunta. As traballadoras e traballadores das residencias da terceira idade dos entros de menores, todos os que estamos en atención directa e facemos quendas de traballo somos tratados como parias exclavizados, pola conselleira Beatriz Mato".


martes, 4 de novembro de 2014

Novidades flexibilidade e teletraballo

A semana anterior nos dirixiamos á dirección xeral da Función Pública solicitando os datos da implantación da flexibilidade e teletraballo que nos remiten desde principios de agosto (deberán ser mensuais). Tamén solicitábamos información sobre o proxecto Morpheo  que tiña previsto a partir de comezos de 2014 permitir a tramitación telemática tanto da flexibilidade como do teletraballo, así como as vacacións, permisos e licenzas, a través da sinatura dixital incorporada nas tarxetas das empregadas e empregados públicos.

Pois ben, responden que en breve van convocar a chamada "comisión de seguimento" da Orde de xornada, flexibilidade e teletraballo,  que non volveu a reunirse trala súa constitución aló por febreiro.

Solicitan que se temos calquera pregunta, consulta, proposta, puntos para a orde do día, etc, que llas enviemos antes da celebración da comisión de seguimento para que o poidan mirar e así darnos unha resposta na propia comisión.

Por outra banda, o 31/10/2014 presentamos recurso diante das Instrucións de flexibilidade, teletraballo e xornada laboral, na liña do recurso xa presentado contra a orde que o regulamenta por vulneración na lei de igualdade con relación á flexibilidade familiar.

luns, 3 de novembro de 2014

Recoñecemento da antigüidade por servizos prestados noutras Administracións

Para o persoal funcionario viña sendo recoñecido en base a unha normativa do Estado bastante antiga. Porén, para o persoal laboral, o recoñecemento da antigüidade por servizos prestados en Administracións fóra da Xunta de Galiza era "Misión imposible", o que obrigaba ao persoal laboral a acudir á Xustiza, máxime trala directiva europea 1999/70 que así lle recoñece o dereito.

Ben, agora a Administración está tendo reunións co Comité Intercentros e di que "asume a súa responsabilidade" e con esta orde pretende amañalo. Por suposto que estamos de acordo e pedimos celeridade na tramitación e entrada en vigor, agora ben que implica a "asunción de responsabilidade"?  Quen lle vai devolver o tempo e diñeiro perdido ás traballadoras e traballadores que tiveron que reclamar este dereito en vía xudicial?

Actualización: o 11 de novembro, reunida a Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo para o Persoal da Xunta de Galiza, acordou por unanimidade, informar favorablemente esta Orde que recoñecerá os servizos prestados en calqueira administración pública a efectos do cómputo para o recoñecemento de trienios do persoal laboral.

Actualización 15/12/2014: publicada no DOG a ORDE do 1 de decembro de 2014 pola que se ditan normas relativas ao recoñecemento do complemento salarial de antigüidade ao persoal laboral temporal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.