Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 4 de decembro de 2014

Recuperaremos as pagas extras fóra dos xulgados?

Feijóo anunciou no Pleno de onte do Parlamento que o persoal da Administracións públicas galegas recuperaremos “paulatinamente” as mordidas que nos foron metendo nas nóminas desde o 2012. Basicamente fala de crear un fondo retributivo que ir alimentando non se sabe moi ben como nin cando.

A día de hoxe, no proxecto de lei de Orzamentos para o 2015 está só previsto a recuperación do 12,5% da paga extra de Nadal de 2012.  Tamén é certo que a finais do mes pasado unha das emendas dos grupos da oposición que ficaba sen contestar nin resolver era a da devolución para 2015 de todo o que recoñecen os xulgados da paga extra do 2012 e non só da metade.

Así que supoñemos que o que pode anunciar Feijóo tralo Consello do 4 de decembro será a presentación dunha emenda ao texto dos Orzamentos, ou ben á través da lei de acompañamento, no que se incluirá unha destas disposicións de “boa fe” que nin indicarán orixes dos fondos, nin achegas mínimas, nin prazos. Porén, as súas verbas literais falan "dunha lei que aprobarán hoxe no Consello da Xunta". Ben sabemos que o Consello non aproba leis e que seguramente se estará referindo a un proxecto de lei. Todo isto coa información da que dispoñemos ata o de agora, que para non variar, é pouca e a través de comparecencia pública.

A ninguén se lle escapa que o 2015 é ano de eleccións (municipais e estatais) pero non chega só con manter de bo humor ás preto de 100.000 empregadas e empregados públicos galegos (contando Sanidade e Ensino). É necesario que os “cantos de serea” da recuperación económica se fagan cribles en toda a sociedade e para dar unha mensaxe de bos datos económicos, qué mellor que anunciar que ata o persoal das Administracións vai cobrar as súas polémicas pagas extras?

mércores, 3 de decembro de 2014

Aparecen as primeiras sentenzas para persoal funcionario da recuperación de parte da paga extra 2013

Estas primeiras sentenzas recaeron no ámbito no Ensino e recoñecen o dereito a cobrar o complemento específico devengado na extra de xuño de 2013 ata que entrou en vigor a Lei de Orzamentos en marzo; é decir a devolución dun terzo dese complemento.

Inicialmente o que cuestionaban as nosas demandas era que a Xunta non tiña competencia para eliminar os complementos específicos das dúas extras porque o artigo 22.4 do EBEP establece que as pagas extras deben incluír necesariamente este complemento, polo que sería unha lei, a dos Orzamentos galegos, que invadiría unha competencia estatal.

As sentenzas son do contencioso-administrativo da Coruña, en primeira instancia, e pola contía son firmes e obrigan á Administración a pagar os xuros legais desde a presentación da reclamación en vía Administrativa.

Perigo de desprendemento: ou sae na prensa ou pasan do tema

Se queremos que solucionen algo a mellor manera é que saia na prensa. Esto é tan certo como triste. A raíz da nota que difundimos onte e ante chamada dos medios, a Xunta respondeu á caída de cachos de fachada do edificio de San Caetano. Respondeu, ao estilo de sempre, con moita xente mirando e escusas. Despois do sucedido, solicitamos que non esperen ata primaveira (co que aquí chove), que fagan xa unha revisión exahustiva e que tomen as medidas oportunas, máis aló de poñer unha sinal de "perigo".

LVG: Caen restos de revestimento da fachada de San Caetano
Praza:"San Caetano cae a cachos"
Faro de Vigo: La CIG denuncia que caen ´trozos´ de la sede central de la Xunta
GC: Caen restos do edificio da Xunta en San Caetano nunha das portas de acceso

Dinos a Xunta que non pasa nada, que o que caeu non foi pedra, senón argamasa. En fin, gustaríanos que a persoa que fixo esas declaracións probase na súa cabeza que efecto ten que che caia desde 5m un rectángulo de 60x40x4cm de argamasa como o que se desprendeu onte.

martes, 2 de decembro de 2014

O edificio de San Caetano cae a cachos

Hoxe pola mañá volveron aparecer cachos de fachada desprendidos, desta volta na parte dianteira do edificio de San Caetano, diante da porta de acceso á Consellaría de Educación. Cando chegamos, os servizos de limpeza exterior estaban xa retirando os restos.

Cómpre destacar que na actualidade non se cumpre coa limpeza e mantemento anual da fachada. Vimos de meter por rexistro o enésimo escrito avisando a Administración para que non espere a facer algo a que haxa danos persoais. Evitar gastos de mantemento e rehabilitación, nestes casos, pode resultar máis caro.


Non é a primeira vez, nas seguintes fotos pódesde ver outros desprendementos da parte lateral e posterior do edificio, por sorte, por onde non pasa xente habitualmente. Non sabemos se isto é unha premonición do derrumbamento das vellas institucións da falsa transición do 78 pero, alegoría ou non, esto pode provocar danos persoais e materiais que deben ser evitados.

Por un comité con forza e independente - VOTA CIG

Estes últimos catro anos foron moi difíciles para o persoal laboral. Partindo dunha situación brutal de recortes laborais e económicos, durante este tempo tivemos que sofrer aínda máis recortes económicos, aquela paga extra do 2012 e os recortes na parte equivalente ao complemento específico nas nosas extras actuais, ademáis da conxelación do resto de conceptos salariais. Mentres a vida sobe e nós temos que afrontar máis con menos. Tamén perdimos moitísimos dereitos do noso convenio por culpa daquela Lei de Medidas.

Pero se temos que destacar algo como mostra máis significativa dos ataques ao persoal laboral, ao longo deste tempo, podemos dicir que foi o ERE que efectou a Consellaría de Traballo e Benestar que se levou a cabo na primeira metade de 2013. Esta agresión aos Servizos Públicos representou a destrución de 129 postos de traballo e o despedimento de 59 laborais da Xunta de Galiza. Unha grande parte deles eran compañeiras e compañeiros dos Servizos Centrais, da desmantelada Unidade da Dependencia que estaba en Área Central e persoal tamén da Consellaría.

luns, 1 de decembro de 2014

A realidade da "recuperación económica" entre o persoal da Xunta

Levamos cumpridos máis da metade dos obxectivos para este mandato (Alberto Núñez Feijóo)  

Na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas


Levamos máis dun ano escoitando cantos de sereas sobre o "inicio da senda da recuperación económica", porén na vida diaria, non vemos cambios en positivo, senón cada vez máis desigualdades.  Foron e están sendo anos difíciles para a maioría da cidadanía. Ofrecéronse os recortes das nosas condicións de traballo e retribucións como un sacrificio necesario para o mantemento de servizos públicos esenciais e de axuda ás persoas máis necesitadas. O que vimos en cambio foron: repagos e copagos, aumento de listas de espera, aumento do paro e diminución das prestacións, conxelación das pensións ou subas ridículas de 1€, suba de taxas e recortes de persoal... recortes de moito persoal en todos os eidos dos servizos públicos.

Agora parece que as contas das Administracións están máis saneadas e mesmo a nosa Administración, a Xunta, ofrece uns datos de déficit e de crecemento superiores a media. "Galicia recollerá os froitos do que sementamos" dixo recentemente Feijóo. E cales van a ser eses froitos?  En fin, viven noutro planeta. Podemos tomalo en serio e preguntar se se refire ás sementes de corrupción esparexida por todas as Administracións e se os froitos son os "regalos de la hostia" ou os sobres cheos de diñeiro negro. 

Pero se o tomamos aínda máis en serio, non vemos que se estea recollendo máis que traballo precario, emigración, desigualdade, xente sen casa... E na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas. Unha hipocrisía só ao alcance de quen se ve seguro no seu posto. Xa o dixemos co motivo de recuperación do "quinto moscoso", ao final actúan por medo a perder o sillón. E agora mesmo proclámanse "invencibles". Porén, torres máis altas caeron...

Reunión da Comisión de Seguimento de Flexibilidade e Telebrallo

Tal e como estaba avisado, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa convocounos para a reunión da Comisión de Seguimento da Flexibilidade e Teletraballo para o martes, 9 de decembro. Esta comisión que non se reúne desde febreiro, está formada tamén por representantes da Dirección Xeral da Función Pública e as 4 organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral.

Achégannos tamén os últimos datos de implantación da flexibilidade e teletraballo na Xunta e os motivos das denegacións. Cómpre destacar que o último envío de información foi en agosto, a pesar de que a Orde recolle unha periodicidade mensual.

Os grandes temas candentes son:
  • A negativa para poder flexibilizar os venres pola tarde a pesar de que non existe impedimento material ou xustificación lóxica
  • A imposición de horarios de presenza fixo nalgúns casos da flexiblidade familiar.
  • A imposibilidade de flexibilizar nos horarios de tarde.
  • As escasas xustificacións das “necesidades do servizo” que substancian nunha liña a xeito de "muletilla" coa que denegan a flexibilidade e sobre todo o teletraballo, a implantación do cal é máis ben anecdótica.