Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 1 de decembro de 2014

A realidade da "recuperación económica" entre o persoal da Xunta

Levamos cumpridos máis da metade dos obxectivos para este mandato (Alberto Núñez Feijóo)  

Na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas


Levamos máis dun ano escoitando cantos de sereas sobre o "inicio da senda da recuperación económica", porén na vida diaria, non vemos cambios en positivo, senón cada vez máis desigualdades.  Foron e están sendo anos difíciles para a maioría da cidadanía. Ofrecéronse os recortes das nosas condicións de traballo e retribucións como un sacrificio necesario para o mantemento de servizos públicos esenciais e de axuda ás persoas máis necesitadas. O que vimos en cambio foron: repagos e copagos, aumento de listas de espera, aumento do paro e diminución das prestacións, conxelación das pensións ou subas ridículas de 1€, suba de taxas e recortes de persoal... recortes de moito persoal en todos os eidos dos servizos públicos.

Agora parece que as contas das Administracións están máis saneadas e mesmo a nosa Administración, a Xunta, ofrece uns datos de déficit e de crecemento superiores a media. "Galicia recollerá os froitos do que sementamos" dixo recentemente Feijóo. E cales van a ser eses froitos?  En fin, viven noutro planeta. Podemos tomalo en serio e preguntar se se refire ás sementes de corrupción esparexida por todas as Administracións e se os froitos son os "regalos de la hostia" ou os sobres cheos de diñeiro negro. 

Pero se o tomamos aínda máis en serio, non vemos que se estea recollendo máis que traballo precario, emigración, desigualdade, xente sen casa... E na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas. Unha hipocrisía só ao alcance de quen se ve seguro no seu posto. Xa o dixemos co motivo de recuperación do "quinto moscoso", ao final actúan por medo a perder o sillón. E agora mesmo proclámanse "invencibles". Porén, torres máis altas caeron...
 

O paradoxo da lei de medidas


A  Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia supuxo o primeiro envite de recortes ao persoal da Administración da Xunta, no que se aplicaron medidas de escaso ou nulo impacto económico.

Esta lei de medidas sinala na súa disposición derradeira única “As medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos.”. Pois ben, os dous anos se fixeron en marzo de 2014.

A pesar das continúas mostras e datos tanto do déficit como do PIB, a conselleira de Facenda leva durante todo este ano declinando o levantamento ou modificación de ningunha destas medidas, nin sequera unha das máis polémicas (a do desconto por enfermidade). Iso si, nas subvencións aos medios de comunicación non tomaron medidas de recorte. Parece que as contas da Xunta non están tan ben como din, e iso é o que vemos a diario as traballadoras e traballadores públicos. Canto menos, que teñan a vergonza de non seguirlle mentindo a cidadanía.

Descargar formato CIG-Informa


Ningún comentario:

Publicar un comentario