No 2014 foron un total de 1054 comisións de servizo as que se tramitaron, 577 prórrogas, 19 revogacións e 96 as adscricións provisionais. Estes son datos para persoal funcionario, que son os únicos que Función Pública ofrece de xeito informatizado. Tralas sucesivas resolucións e tomas de posesións dos diferentes concursos de traslados fóronse producindo diversos picos nas tramitacións de novas comisións de servizo. Cómpre recordar que no 2014 resolvéronse, non sen tempo, os concursos de administración especial, administración xeral, escala de finanzas e escala de informática.
Con estes números cabe preguntarse para qué vale un concurso de traslados. A realidade é que o concurso de traslados non vale de moito cando se fai cada lustro e non cada ano. É máis, nunha Administración moderna e racional, o que debería imperar sería o concurso de traslados permanente, no que sairíamos gañando o 99%, incluíndo a propia cidadanía.
No referente ao último mes do ano pasado, temos 48 comisións novas por 64 que tivemos o mes de novembro; de prórrogas de comisións de servizo fixéronse 79 por 39 de novembro; houbera 62 en outubro. Adscricións houbo tan só 3 e revogacións ningunha.

