Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Transparencia nos convenios públicos

Que si, está moi ben publicar o nome, data e cantidade económica cada 4 meses no DOG, pero mellor sería publicar o convenio en si e o resto do expediente.

Son moitos os convenios que en todo un ano asinan as Administracións e moitos os cartos públicos que flúen por esta vía. En varias ocasións, temos visto algúns realmente chocantes pola entidade ou pola finalidade coa que se asina, pero pouco máis podemos saber porque non temos acceso ao convenio en si. Dos máis criticados polas traballadoras e traballadores públicos resultan os realizados cos medios de comunicación para “promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional". Nestes convenios a única colaboración é que a Xunta paga e o medio publica o que lle mandan.

Nesta época na que tanto se fala de "rexeneración democrática", bótase en falta un auténtico "portal da transparencia" no que, por exemplo, haxa información completa dos distintos convenios subscritos polas diferentes Administracións, a súa xustificación e o seu resultado.


Actualmente na Xunta publícase no DOG cada 4 meses a listaxe de convenios realizados por cada departamento, citando a súa denominación, a data e a achega económica e máis nada. Pouca transparencia se pode agardar dos convenios con só esta información que tamén se pode atopar esparexida polas distintas páxinas web dos distintos departamentos da Xunta. Isto fano para dar cumprimento ao artigo 11 da actual Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Desde o 2006 cambiaron moitas cousas e aínda que tras moitos e longos nomes de convenios se poida esconder unha finalidade máis ou menos loable, a transparencia é próxima a cero. Temos dereito a saber en que se gastan os nosos cartos públicos e este dereito case se converte nunha obriga cidadá de vixiar certos gastos que aínda que legais son inmorais nun contexto de corruptelas, recortes e desigualdades sociais galopantes. 

Ata cando temos que esperar para ver unha transparencia real nos convenios das Administracións públicas? Que si, está moi ben publicar o nome, data e cantidade económica cada 4 meses, pero mellor sería publicar o convenio en si e o resto do expediente. Sería un escándalo que nos contratos administrativos só publicasen unha listaxe e non os pregos, as distintas ofertas e a resolución final, por exemplo. Pois facer o que fan cos convenios é un ESCÁNDALO MAIUSCULO e máis polas cantidades millonarias de cartos públicos que fluén por estas canles.

Non chega con facer un rexistro de convenios como o do actual do Portal da Transparencia, que ademais só chega aos ministerios É necesario un portal no que figure todo o expediente do convenio como no caso dos portais de contratación. Isto como obxectivo de mínimos pero non como solución final, pois ben vimos que aínda con certa transparencia, a contratación administrativa segue sendo un prato moi lambón para as persoas que se adican profesionalmente ao atraco de luva branca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario