Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 8 de maio de 2015

Paremos o TTIP, recollida de sinaturas

Dille á Unión Europea que non queres o TTIP, imos a polos 2 millóns de sinaturas. Asina e difunde (final da páxina).


A Unión Europea está negociando cos Estado Unidos (EEUU) un “Tratado de Libre Comercio e Investimentos”, coñecido popularmente polas siglas en inglés como TTIP. Hai uns meses concluíu a negociación con Canadá dun tratado similar (CETA).

Estamos diante de dous tratados que se negocian en absoluto secreto, supeditan a soberanía nacional aos intereses das multinacionais, impoñen moitas máis dificultades ás nacións que, como Galiza, non teñen Estado de seu, restrinxen gravemente a democracia, favorecen a privatización de todos os servizos públicos, rebaixan a protección social a límites impensábeis, dan vía libre aos transxénicos e aos organismos xeneticamente modificados, reducen drasticamente a protección medioambiental,...

Estes tratados, con orientación e contidos absolutamente neoliberais, queren rebaixar ao mínimo a protección laboral e social, igualándonos ao modelo de EEUU e eliminando así as conquistas conseguidas en máis de 100 anos de loita da Clase Traballadora. Xunto a isto,  permiten ás empresas presentar demandas contra os estados, que van ser resoltas en tribunais de arbitraxe internacionais de carácter privado, pero os estados non poderán demandar as empresas. Estabelecen, ademais, mecanismos para impedir que novas leis condicionen ou limiten os investimentos empresariais e os seus lucros.

Concentracións contra a violencia machista, sábado, 9 de maio, ás 20.00h

Desde a CIG facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego este sábado 9 de maio ás 20 horas en repulsa ao asasinato machista de María Isabel Fuentes, en Ourense


Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, e no Consello da Muller de Pontevedra, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao asasinato de María Isabel Fuentes, a primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista no 2015.

Isabel foi acoitelada polo que era o seu marido, Aniceto Rodríguez, nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada desde o 3 de abril logo de ter sido agredida na súa propia casa. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala.

mércores, 6 de maio de 2015

Análise sobre os postos que ofertan e os que non van ofertar no concurso de corpos xerais do persoal funcionario

ÚLTIMA HORA (06/05/2015): recibida convocatoria de Mesa Xeral para este venres, 8 de maio, coa proposta de convocatoria do concurso.

Existen 1673 postos vacantes dos que 402 aparecen con algunha coletilla de que "non se ofertarán"; 302 destes "non se ofertarán" porque van ser, ou xa foron, amortizados.

Tras varios meses traballando neste tema, deulle a Administración aos sindicatos acceso ao buzón de postos vacantes de persoal funcionario de corpos xerais. Deste buzón, poden sacarse listaxes e, para non variar, sempre se botan en falta algúns e tamén, para non variar, aparecen unha chea deles coa coletilla de "non se ofertará por vindeira amortización"(ou semellante).

Así pois, ollo, a primeira observación que queremos facer é que estes días podedes ver rular por aí multitude de versións de follas de cálculo con lixeiros cambios entre unhas e outras. De feito, o martes, 5 de maio, Función Pública comunicounos que faltaban una serie de comentarios nalgunhas prazas do buzón, que estaban no estado de pendentes e por iso non os recolleu a aplicación. Son fundamentalmente os da Consellería de Facenda, ainda que hai tamén algúns doutras consellerías.

Descargar buzón de postos actualizado a 05/05/2015

Carta aberta ao conselleiro de Facenda sobre o secuestro do dereito á promoción interna do persoal da Xunta

O que están facendo coa promoción interna de persoal funcionario de corpos xerais da Xunta é "de traca". En realidade na Xunta, hai moitas cousas "de traca", si pero está é paradigmática de como funciona esta Administración (ou como non funciona, en realidade).

Hai 4 ofertas de emprego público (2009, 2011, 2012 e 2015) con prazas ofertadas para estes procesos das que non se convocou ningunha en todos estes anos; houbo borradores, varias edicións, houbo previsións de remisión de borradores, previsión de convocatoria dadas polo director de Función Pública de "no primeiro trimestre", "antes do verán", "á volta de verán", "antes de final de ano"... e así durante 5 anos. Pero non se cortaban, seguían ofertando máis prazas mentres non convocaban as anteriores. Realmente peculiar nun proceso selectivo na Xunta, pero na Xunta cabe agardar de todo.

luns, 4 de maio de 2015

Desmontando as bondades da lei de emprego público

O Goberno, e posteriormente o grupo parlamentario popular insistiu en 4 frentes fundamentais: a profesionalización,  a supresión do plus dos altos cargos, a conciliación da vida familiar e laboral e como non, a recuperación do poder adquisitivo.

Sobre a profesionalización, citan a avaliación do desempeño e o desenvolvemento da carreira administrativa (ao redor desa avaliación). O problema é que ista avaliación do desempeño vai ser totalmente subxectiva atendendo a criterios tan pouco cuantificables como o "interese", "iniciativa" ou "esforzo". Non houbo receptividade ningunha por parte da Xunta nin do Parlamento a incluír algunha garantía a nivel legal da súa obxectividade, da independencia do seu tribunal ou da contradición dos informes. Queda o groso da materia a desenvolver vía regulamentaria nun prazo máximo de 3 anos. E precisamente, mentres non se desenvolva este regulamento, entre outros, tampouco o fará a nosa carreira profesional.

Sobre a eliminación do plus dos altos cargos. Costou, pero ao final sacárono da lei. Non era para menos, tendo en conta o contexto de recortes sociais e a a presión mediática exercida sobre a corrupción e os privilexios políticos que ía deixar ao executivo galego nunha evidencia demasiado grande.

En todo caso, en vía parlamentar aproveitaron para meter un apartado no artigo 169.3 que podemos cualificar como "plusiño de altos cargos".  Independnetemente do posto ao que reingresen, garánteselles ás persoas que fosen altos cargos (e só a elas) a percepción dun complemento específico (agora complemento do posto de traballo) non inferior a un nivel do último posto que viñeran ocupando. Algunha ventaxe tiña que ter o de ter sido alto cargo....

Publicada no DOG a Lei de Emprego Público con cero consenso

A actual lei socava, aínda máis, a tan necesaria independencia do persoal ao servizo da Administración autonómica


Despois de ser aprobada o martes, 28 de abril, chega nun tempo record ao DOG a nova lei da función pública galega. O obxectivo político era tela aprobada antes das eleccións municipais e poder devolver en maio ata o 24% da paga extra suprimida en Nadal de 2012.

Descarga a lei

Esta lei non só rexerá os destinos de boa parte do persoal das Administracións públicas, sobre todo o persoal funcionario de Administración Xeral da Xunta de Galiza que se lle aplica de cheo, senón que afectará á como se prestarán os servizos públicos que se prestan desde esta. Como vimos denunciando desde que saltou á dominio público aló por 2013, este texto supón a consolidación dunha Administración clientelar que socava aínda máis a independencia e profesionalización do persoal funcionario na que para chegar a progresar na carreira nin sequera hai que aprobar unha oposición (véxase o persoal directivo).

A lei caracterizouse na forma pola falta total de consenso á hora de deseñala e sacala adiante. Primeiro, polo Goberno da Xunta na negociación colectiva do proxecto de lei coas organizacións sindicais e logo, no Parlamento de Galiza. O resultado foi un proxecto de lei de emprego público que contou co voto en contra de todos os sindicatos presentes na Mesa Xeral e co voto en contra dos grupos parlamentares da oposición. Para maior abundancia, no Parlamento rexeitáronse todas e cada unha das 800 emendas presentadas por estes grupos.

Agora si, recuperaremos o 24% da paga extra de Nadal de 2012

Tralo seu trámite parlamentar a lei de emprego público veu a igualarnos ao persoal público do resto de Administracións, e aínda que, meses máis tarde, todo o mundo, laboral e funcionario, cobraremos o 24% daquela xa lonxana paga extra de 2012 deixada de percibir para maior gloria dos mercados.

No proxecto de lei o que se recollía era que cando entrase en vigor a lei de emprego, modificaría a lei de Orzamentos e cobraríamos a outra metade da parte devengada da paga extra de 2012. Como xa analizamos pormenorizadamente, a parte devengada da paga extra non era exactamente o 25% da paga extra que segundo os medios íamos recuperar este ano. Esto provocou un pequeno cachondeo coas porcentaxes que chegou a resultar ofensivo. O que pasou en xaneiro foi que o persoal laboral cobrou sobre un 4% da paga extra do 2012 e o persoal funcionario un 9%. Aquí tedes a explicación. Tentamos explicárllelo aos medios, pero preferiron a versión da Xunta.

O que vai pasar "agora" é que cobraremos a % restante ata o 24%, co cal será máis do que cobramos coa extriña de xaneiro deste ano. O quiz da cuestión, e polo que todas e todos nos preguntades, é cando será ese "agora". O que comunicaran as persoas representantes do Goberno foi que "en canto estivera publicada a lei". Non ocultaron o seu desexo, evidente, de que esta lei estivera publicada antes das eleccións municipais.