Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 8 de maio de 2015

Paremos o TTIP, recollida de sinaturas

Dille á Unión Europea que non queres o TTIP, imos a polos 2 millóns de sinaturas. Asina e difunde (final da páxina).


A Unión Europea está negociando cos Estado Unidos (EEUU) un “Tratado de Libre Comercio e Investimentos”, coñecido popularmente polas siglas en inglés como TTIP. Hai uns meses concluíu a negociación con Canadá dun tratado similar (CETA).

Estamos diante de dous tratados que se negocian en absoluto secreto, supeditan a soberanía nacional aos intereses das multinacionais, impoñen moitas máis dificultades ás nacións que, como Galiza, non teñen Estado de seu, restrinxen gravemente a democracia, favorecen a privatización de todos os servizos públicos, rebaixan a protección social a límites impensábeis, dan vía libre aos transxénicos e aos organismos xeneticamente modificados, reducen drasticamente a protección medioambiental,...

Estes tratados, con orientación e contidos absolutamente neoliberais, queren rebaixar ao mínimo a protección laboral e social, igualándonos ao modelo de EEUU e eliminando así as conquistas conseguidas en máis de 100 anos de loita da Clase Traballadora. Xunto a isto,  permiten ás empresas presentar demandas contra os estados, que van ser resoltas en tribunais de arbitraxe internacionais de carácter privado, pero os estados non poderán demandar as empresas. Estabelecen, ademais, mecanismos para impedir que novas leis condicionen ou limiten os investimentos empresariais e os seus lucros.

O pasado 18 de abril celebrouse unha Xornada de Loita contra estes tratados, con máis de 800 actos en Europa e Norteamérica. A CIG, xunto con numerosas organizacións sindicais e sociais, participou activamente nesta xornada celebrando concentracións en todas as cidades galegas. Igualmente, a CIG, como membro da rede social europea ALTER SUMMIT, está a ter presenza permanente nos espazos europeos de divulgación, denuncia e combate a estes tratados.

Do 8 ao 10 de xuño, o Parlamente Europeo discutirá unha proposta que, aínda que non é vinculante para a Comisión Europea, marcará as liñas xerais dos contidos do TTIP. Por toda Europa, a plataforma “Stop TTIP”, apoiada tamén pola CIG, está recollendo sinaturas contra destes tratados para presentalas aos europarlamentarios e europarlamentarias antes das votacións previstas para o día 10 do próximo mes.

O obxectivo é recoller 2.000.000 de sinaturas en toda a Unión Europea. Nestes momentos as sinaturas recollidas superan xa o 1.700.000; necesitamos pois, un último esforzo para chegar ao obxectivo fixado.

Animámosvos a asinar a petición a través da ligazón que podedes encontrar na páxina web da CIG,  nunha nova iniciativa para conseguir a non aprobación de tan destrutivos tratados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario