Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 6 de maio de 2015

Carta aberta ao conselleiro de Facenda sobre o secuestro do dereito á promoción interna do persoal da Xunta

O que están facendo coa promoción interna de persoal funcionario de corpos xerais da Xunta é "de traca". En realidade na Xunta, hai moitas cousas "de traca", si pero está é paradigmática de como funciona esta Administración (ou como non funciona, en realidade).

Hai 4 ofertas de emprego público (2009, 2011, 2012 e 2015) con prazas ofertadas para estes procesos das que non se convocou ningunha en todos estes anos; houbo borradores, varias edicións, houbo previsións de remisión de borradores, previsión de convocatoria dadas polo director de Función Pública de "no primeiro trimestre", "antes do verán", "á volta de verán", "antes de final de ano"... e así durante 5 anos. Pero non se cortaban, seguían ofertando máis prazas mentres non convocaban as anteriores. Realmente peculiar nun proceso selectivo na Xunta, pero na Xunta cabe agardar de todo.


O peor, o que realmente desconcerta, é que estas continúas desprevisións (mentiras reiteradas, ao fin e ao cabo) non permiten saber ao persoal funcionario que agardar. Total só falamos do lexítimo dereito á promoción profesional, ese que na Administración xeral do Estado seguiu desenvolvéndose con normalidade durante todos estes anos de "crise oficial", onde houbo unha convocatoria con cada oferta de emprego público.

Como o director xeral da Función Pública non é demasiado resolutivo, por decilo amablemente, recurrimos ao seu inmediato superior, e se seguen sen contestar seguiremos co seu superior e así reiteradamente... Temos argumentos de sobra e para facelos valer diante de quen queira escoitalos e se non queren teremos que facer algo de ruído para que nos escoiten.

 

Reprodución literal da carta remitida ao conselleiro con relación á promoción interna do persoal funcionario


Señor Conselleiro de Facenda, 

Na Mesa Xeral do 27 de febreiro o director xeral da Función Pública mostrábase disposto a publicar "si ou si" en marzo as convocatorias da promoción interna, houbera ou non "acordo cos sindicatos" e engadía que “en breve” remitiría os borradores. Precisamente nesa Mesa Xeral anunciou tamén o número de prazas da promoción interna separada da nova Oferta de Emprego Público para 2015 cun total de 108. Porén, asegurou que estas prazas non ían ser acumuladas ás das ofertas que aínda están pendentes de convocar (2009, 2011 e 2012)
 
Posteriormente, o 13 de marzo, na última Mesa Xeral informou o director xeral da Función Pública que ía facer cambios importantes nos últimos borradores das convocatorias da promoción interna de corpos xerais de persoal funcionario no sentido do demandado polas organizacións sindicais, que estes novos borradores serían remitidos nas “seguintes semanas” e que as convocatorias serían previsiblemente en abril.
 
Estamos en maio e as convocatorias non foron publicadas. De feito, os únicos borradores dos que dispoñemos actualmente datan de agosto do ano pasado e supoñen a intención de convocatoria das prazas de promoción interna acumuladas das Ofertas de Emprego Público de 2009, 2011 e 2012. Todo isto, cun cambio moi substancial sobre a referencia das anteriores convocatorias de promoción interna (2007 e 2009)  tanto en número de exercicios como no desenvolvemento destes.

A postura das organizacións sindicais non é vinculante para a Administración. Sabemos que estas convocatorias son materia de allea á negociación colectiva consonte ao artigo 37 do Estatuto Básico do Emprego Público (EBEP), co que, como calquera outra convocatoria dun proceso selectivo, é potestade exclusiva da Administración o que se convoca, cando e como, dentro dos límites legais. Porén, a normativa non trata á promoción interna como unha convocatoria calquera:
 
A promoción interna é un dereito do persoal funcionario consonte ao artigo 14 do EBEP e a súa promoción un deber do Goberno da Xunta consonte ao artigo 13.12.j da Lei de Emprego Público de Galiza (LEPG).
 
O artigo 8.4 do EBEP que di que as Administracións Públicas adoptarán medidas que incentiven a participación do seu persoal nos procesos selectivos de promoción interna.
 
Ademais, agora mesmo están enriba da mesa uns borradores de convocatoria de promoción interna que inclúen exercicios que propoñen temas que xa foron pedidos para acceder ao corpo inmediatamente inferior, incumprindo así o artigo 24 do Decreto 93/1991 que recolle que nas convocatorias para o acceso a corpos ou escalas por este procedemento [promoción interna] deberá establecerse a exención de probas encamiñadas a acreditar os coñecementos xa esixidos no corpo ou escala de orixe.

Por último,  e dentro deses límites legais da Administración está o artigo 70.1 do EBEP e o artigo 48 da LEPG que recolle a obriga da execución das ofertas de emprego público no prazo improrrogable de tres anos, contado a partir do día seguinte ao da publicación daquela no correspondente diario oficial.
 
Ben é certo que a xurisprudencia pon por diante a potestade de autorganización da Administración por riba deste prazo, na práctica, “orientativo”. Porén, a discrecionalidade para incumprir este prazo non exime a motivación, senón que a esixe, e máis cando estamos falando de cercenar, de xeito reiterado e sen xustificación obxectiva e concreta, o exercicio do lexítimo dereito de promoción profesional.
 
Compre valorar, por último, o contexto no que nos atopamos: foron precisamente estes 5 anos ausentes de convocatorias de promoción interna, 5 anos de duros e continuos recortes sobre os dereitos do persoal público e a Xunta nin sequera foi capaz, como na Administración Xeral do Estado, de garantir o normal desenvolvemento das oportunidades de promoción profesional do seu persoal que ela mesma ía ofertando. Ademais, que non se esgrime ningunha razón técnica ou organizativa para non convocar, senón reiterados incumprimentos na súa previsión que acumulamos desde vai anos.
 
Por último, non poden agardar 5 anos (ou os que virán se persiste na súa postura de ir escorrendo o vulto) e logo vir cunhas convocatorias radicalmente distintas ás últimas realizadas onde o deseño é practicamente idéntico ao  dun acceso libre.
 
Para maior abundancia, hai prazas de promoción de corpos xerais que pertencendo á mesma Oferta de Emprego Público (2009) aínda fican sen convocar mentres as prazas de acceso libre desa OEP xa foron convocadas e resoltas e a xente xa está traballando nos seus novos postos. Comentamos isto porque non poden esgrimir razóns económicas xa que a promoción interna ten menos custo cós procesos de acceso libre.
 
A pesar de ter evidentes discrepancias co actual director xeral da Función Pública no modelo da promoción interna, así como na frecuencia da convocatoria destas, cremos que o conselleiro estará de acordo connosco en que o persoal funcionario merece unha resposta para organizar a súa vida familiar persoal e laboral, máxime cando falamos do noso dereito á promoción profesional. 

Sirvan os dous primeiros parágrafos deste escrito como exemplo da continua dilación que se leva producido coas convocatorias de promoción interna durante estes últimos 5 anos. A forma de non-actuar da consellaría con relación á promoción interna está creando malestar en xeral e inseguridade, en particular, entre o persoal que está preparando estas convocatorias. Preocupa ver eses repentinos cambios nas previsións e nos borradores e a xente pregúntanos que hai realmente detrás desa falta de seriedade coas datas e a que vén esa obsesión da Administración de converter a promoción interna nunha sorte de acceso libre cando hai xente que se está colando pola porta de atrás da Administración sen tan sequera ter feito un exame.

O Presidente da Xunta dixo en xullo de 2012 que “xa non se lle podía pedir máis esforzos ao persoal funcionario” e desde aquela bastantes máis esforzos se lle ten pedido,  entre eles renunciar sen xustificación e sen data algunha ao seu dereito de promoción profesional.

Agardamos que tome cartas no asunto, que deixe de acumular prazas de diferentes ofertas sen convocar nada, que, a pesar de legalmente non  ser esixible, convoque á Mesa de Negociación para tratar de chegar a un acordo xusto e equilibrado, non para pasar o rodillo. En calquera caso, e se o director xeral da Función Pública non quere facelo, correspóndelle a vostede informar ao persoal funcionario de cales son as intencións reais do seu departamento para a promoción interna: se teñen prevista convocala, en que tempos e en que condicións. 


Que podes facer agora mesmo? Axúdanos a presionar


 Descarga, imprime e pega, por exemplo, algún destes cartaces no teu centro:

Ningún comentario:

Publicar un comentario