A actual lei socava, aínda máis, a tan necesaria independencia do persoal ao servizo da Administración autonómica
Despois de ser aprobada o martes, 28 de abril, chega nun tempo record ao DOG a nova lei da función pública galega. O obxectivo político era tela aprobada antes das eleccións municipais e poder devolver en maio ata o 24% da paga extra suprimida en Nadal de 2012.
Descarga a lei
Esta lei non só rexerá os destinos de boa parte do persoal das Administracións públicas, sobre todo o persoal funcionario de Administración Xeral da Xunta de Galiza que se lle aplica de cheo, senón que afectará á como se prestarán os servizos públicos que se prestan desde esta. Como vimos denunciando desde que saltou á dominio público aló por 2013, este texto supón a consolidación dunha Administración clientelar que socava aínda máis a independencia e profesionalización do persoal funcionario na que para chegar a progresar na carreira nin sequera hai que aprobar unha oposición (véxase o persoal directivo).
A lei caracterizouse na forma pola falta total de consenso á hora de deseñala e sacala adiante. Primeiro, polo Goberno da Xunta na negociación colectiva do proxecto de lei coas organizacións sindicais e logo, no Parlamento de Galiza. O resultado foi un proxecto de lei de emprego público que contou co voto en contra de todos os sindicatos presentes na Mesa Xeral e co voto en contra dos grupos parlamentares da oposición. Para maior abundancia, no Parlamento rexeitáronse todas e cada unha das 800 emendas presentadas por estes grupos.
A Lei de emprego público e a vulneración da independencia do persoal funcionario
Actualmente sabíamos que cada vez ía habendo máis postos de libre designación con relación a postos por concurso, que os concursos non son permamentes nin regulares, que se agochan postos, e que as comisións de servizo pasan do tempo máximo regulamentado, fanse cadeas de favores e cúbrense postos públicos sen atender a criterios obxectivos de mérito e capacidade. Tamén temos o caso das integracións do persoal dos chiringuitos e dos enchufes varios a través de empresas que privatizan a prestación dos servizos públicos.
Coa Lei de Emprego Público, crease a figura do persoal directivo onde poden meter xente de fóra, sen ter pisado nunca unha Administración, a dirixir a Xunta con boas remuneracións; consolídanse os concursos específicos como unha sorte de libres designacións encubertas (a metade da valoración é discrecional) e aínda por riba establece un sistema de avaliación do rendemento completamente subxectivo do que dependerá a permanencia no posto e as nosas retribucións.
A potenciación do dedo na nosa Administración non vai facer máis que poñer outra alfombra vermella máis grande aínda para favorecer a corrupción pois socava a independencia e profesionalidade do persoal público. Así pois, teñen novos elementos cos que aumentar o control político e se perde a tan necesaria independencia nunha Administración pública que debe estar ao único servizo da cidadanía.
Descargar boletín
Ningún comentario:
Publicar un comentario