Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 17 de setembro de 2020

Esta a Xunta de Galiza preparada para retomar a realización dos procesos selectivos con todas as garantías sanitarias?

Función Pública confirma que os primeiros exames, comezando pola funcionarización do persoal laboral fixo, van ser na primeira semana de outubro.

A Xunta decidira por maio aprazar todos os procesos selectivos ata pasar o 1 de outubro. Segundo o conselleiro de Facenda, porque llo pediron algúns sindicatos nunha conversa entre amigos (non existiu negociación). Daquelas a CIG defendeu que non era bo paralizar todo ata unha data determinada, que o correcto era reactivar todo en canto as condicións o permitisen, fose antes ou despois do 1 de outubro.

Chegamos a esa data, e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos?

mércores, 16 de setembro de 2020

Seguen paralizados os procesos selectivos de corpos xerais pendentes de resolución

381 persoas pendentes da decisión de Función Pública de rematar os procesos selectivos de corpos xerais; destas, 267 son de promoción interna.

Función Pública prometeu o 29 de xullo que estaban a estudar a proposta que lle facíamos, pero que non terán resposta ata a primeira quincena de setembro. Rematou a primeira quincena e seguen sen dar sinais de vida.

É máis, hoxe 16 de setembro, publican no DOG os tribunais dos procesos selectivos dunha OEP posterior, entre eles os dos corpos xerais, e seguen sen resolver o que teñen pendente.

martes, 15 de setembro de 2020

A CIG non asinará o acordo para regular o teletraballo nas administracións públicas

Rexeita que se formule como medida de conciliación e demanda evitar a súa feminización

A Área Pública da CIG non asinará o acordo co Ministerio de Administracións Públicas sobre traballo a distancia tras fracasar as negociacións na Mesa Xeral. O seu portavoz, Xabier Picón, explica que o Ministerio presentou unha proposta inicial “bastante cativa” á que a central sindical presentou unha serie de alegacións que “foron asumidas en boa parte” pero só para a súa inclusión na exposición de motivos, mais “sen carácter vinculante para as distintas administracións públicas”. Fronte a isto, a CIG demanda que se teñan en conta para a súa inclusión no articulado e que obriguen ás administracións ao seu cumprimento. Demanda coa que coinciden as outras organizacións sindicais presentes na mesa de negociación.

luns, 14 de setembro de 2020

A CIG-Ensino chama a toda a comunidade educativa a participar masivamente nas concentracións deste mércores día 16

Ás 19 horas en 24 localidades de todo o país


As catro organizacións sindicais convocantes da folga no ensino, que se adiou para o día 23,  xunto coas dúas confederacións de ANPAs do ensino público e as organizacións estudantís ERGUER e ANEGA chaman a participar masivamente nas concentracións que este mércores 16 se realizarán en 24 localidades de todo o país en rexeitamento á nefasta xestión da Xunta e ao seu protocolo de volta ás aulas.

Aínda que o pasado venres a CIG-Ensino acordara con CCOO-Ensino, STEG e CSIF adiar a folga convocada en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial para o día 23, coincidindo coa nova data avanzada pola Consellaría como comezo de curso nestas etapas educativas, "os bandazos e as mentiras do conselleiro" fan que decida manter as concentracións previstas para a tarde do mércores día 16. As protestas serán ás 19 horas simultaneamente en 24 localidades de toda a xeografía galega e están convocadas en conxunto tamén polas dúas principais confederacións de ANPAs de colexios públicos, ANPAS galegas e CONFAPA, e polas organizacións estudantís ERGUER e ANEGA.
 

luns, 7 de setembro de 2020

Solicitude Comisión de Seguimento do Protocolo para a reincorporación do persoal público e as medidas de prevención Covid-19

Pasou a época de vacacións e a maior parte do persoal xa está reincorporado ao seu posto nos centros de traballo. Función pública comprometérase a regular o teletraballo adaptando a situación sanitaria. Desde entón non tivemos ningunha nova, nin borradores nin reunións da comisión de seguimento.

A evolución da pandemia do Covid-19 na Galiza nos últimos días aconsella implantar medidas urxentes en relación coa presencialidade do persoal nos centros de traballo.

xoves, 3 de setembro de 2020

Setembro: volta ás oficinas cheas, teletraballo no limbo e Barreiro polos Cantóns

Estamos a principios de setembro, a pandemia por desgraza non fai máis que aumentar (novas medidas onte no DOG para Compostela), para a semana que vén volta a meirande parte das traballadoras/es ás unidades e a xestión do señor Barreiro foi NULA neste tempo. Foi este un agosto como o de outros anos, como se non pasara nada, todos os temas quedaron aparcados...

Onde quedan aquelas reunións da Comisión de seguimento do protocolo? e a previsión de reunión do grupo de implantación do teletraballo? Desde xullo non se fixo nada máis e os gromos, contaxios ou confinamentos que xa están a suceder nas consellerías (Cultura, Traballo..) están sendo agochados e disimulados.

luns, 1 de xuño de 2020

Permanente da Xunta de Persoal: Teletraballo e conciliación.

Despois dun longo paréntese de actividade na Xunta de Persoal, debido ás circustancias excepcionais que vivimos e ao traballo de cada delegada/o no seu sindicato, nesta época de moitas dúbidas para o persoal; voltamos pouco a pouco á normalidade.
Así tivemos hai uns días unha reunión telemática da comisión permanente da XXPP para analizar o protocolo xeral de volta ao traballo presencial centrando o tema, tanto nas medidas de seguridade e hixiene que se estaban a realizar nos edificios administrativos de servizos centrais como na
regulación do teletraballo.
O texto aprobado pola Adminsitración e as OOSS queda moi curto nas demandas que entendemos que teñen as traballadoras e traballadores no tocante ao teletraballo.
Cando remate a Fase III e todo o mundo volte ao traballo presencial, vai a haber un gran problema de conciliación tanto para o persoal con cativos como o persoal con maiores a cargo, pois os centros asistenciais e educativos van a permanecer pechados.
Neste contexto remitimos un escrito tanto a dirección xeral da función pública como á vicepresidencia da Xunta de Galicia, para que no marco da Comisión de seguimento do acordo artellen novas medidas para posibilitar a tan necesaria conciliación ampliando todos os supostos do teletraballo.
A Administración nestes tres meses de pandemia non parou e iso foi gracias ao traballo diario de todoo persoal funcionario dende a súa casa, o que demostra que o teletraballo é posible e non representa nengunha mengua na eficiencia da Administración, ´máis ao contrario, supón aforro de instalacións e en moitos casos mellora o rendimento laboral.
Esperemos que nestes días a cousa vaia collendo forma, pois é un problema moi serio, senón seguiremos reclamando unha solución.