Función Pública confirma que os primeiros exames, comezando pola funcionarización do persoal laboral fixo, van ser na primeira semana de outubro.
A Xunta decidira por maio aprazar todos os procesos selectivos ata pasar o 1 de outubro. Segundo o conselleiro de Facenda, porque llo pediron algúns sindicatos nunha conversa entre amigos (non existiu negociación). Daquelas a CIG defendeu que non era bo paralizar todo ata unha data determinada, que o correcto era reactivar todo en canto as condicións o permitisen, fose antes ou despois do 1 de outubro.
Chegamos a esa data, e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos?
A maioría das consultas que recibimos do persoal laboral fixo que se presenta á funcionarización é que se adie o seu proceso (que segundo informan en Función Pública, vai ser xa na primeira semana de outubro). Por contra, entre a xente que se presenta por acceso libre hai intereses contrapostos entre quen quer retomar xa os procesos e quen pensa que a situación non o aconsella.
A decisión que tomaron o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública, non negociada (polo menos coa CIG, o sindicato maioritario da Administración Autonómica), ten moitas eivas:
- Están prohibidos certos eventos que agrupan a moita xente, como verbenas, espectáculos deportivos, etc. É máis seguro que eso xuntar a facer un exame a varios milleiros de persoas nun recinto por moi grande e amplo que sexa?
- Teñen previsto un plan preventivo ante o COVID-19 que garanta a saúde das persoas que se presenten aos exames? Se existe, a CIG non o coñece.
- Que solución lle van dar ás persoas que ainda non estando contaxiadas teñan obriga de gardar corentena e por tanto non se poidan presentar? Vanlle dar a opción de presentarse pasada a corentena? Ou obrigarán á xente a saltarse a corentena, mesmo a non acudir ao médico ante unha sospeita de contaxio ou contacto para que non lles decreten un confinamento?
- A Xunta de Galiza lánzase a retomar os procesos selectivos. A pesares da dificultade que suporá vincular posíbeis contaxios co evento masivo, van asumir responsabilidades coas persoas que se contaxien?
Ningún comentario:
Publicar un comentario