Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 14 de setembro de 2020

A CIG-Ensino chama a toda a comunidade educativa a participar masivamente nas concentracións deste mércores día 16

Ás 19 horas en 24 localidades de todo o país


As catro organizacións sindicais convocantes da folga no ensino, que se adiou para o día 23,  xunto coas dúas confederacións de ANPAs do ensino público e as organizacións estudantís ERGUER e ANEGA chaman a participar masivamente nas concentracións que este mércores 16 se realizarán en 24 localidades de todo o país en rexeitamento á nefasta xestión da Xunta e ao seu protocolo de volta ás aulas.

Aínda que o pasado venres a CIG-Ensino acordara con CCOO-Ensino, STEG e CSIF adiar a folga convocada en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial para o día 23, coincidindo coa nova data avanzada pola Consellaría como comezo de curso nestas etapas educativas, "os bandazos e as mentiras do conselleiro" fan que decida manter as concentracións previstas para a tarde do mércores día 16. As protestas serán ás 19 horas simultaneamente en 24 localidades de toda a xeografía galega e están convocadas en conxunto tamén polas dúas principais confederacións de ANPAs de colexios públicos, ANPAS galegas e CONFAPA, e polas organizacións estudantís ERGUER e ANEGA.
 
A este acto está chamada a participar toda a comunidade educativa: profesorado de infantil, primaria e educación especial que están xa nestes intres nos centros aplicando os grupos de convivencia estábel e aos que a Xunta lles nega definitivamente o cumprimento da distancia mínima de metro e medio e a redución de ratios nas aulas. E tamén está chamado todo o profesorado de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial que, despois de que o anterior equipo da Consellaría aceptara realizar desdobres onde non se puidera garantir ese distanciamento mínimo, agora ve como o novo conselleiro os empraza a empregar mamparas ou recorrer á semipresencialidade para evitar contratar máis persoal docente.

A consellaría antepón o aforro á seguridade


Este novo criterio choca radicalmente co acordado co Ministerio por vez primeira o 22 de xuño, que de novo se acordou no Consello Interterritorial o pasado 27 de agosto,  que a Consellaría recolleu por escrito na última versión do seu Protocolo o pasado 31 de agosto e que o conselleiro Román Rodríguez dixo no Consello Escolar de Galiza o 9 de setembro. Desde a CIG-Ensino consideran “ruín e miserábel”  a última estratexia de botarlle a culpa ao Ministerio para xustificar a volta atrás nas medidas que se ían aplicar en secundaria, bacharelato e FP, "cando o que está claro é que a única intención da Xunta é afrontar esta crise sanitaria no ensino a custe cero e sen protexer realmente a seguridade e a saúde da comunidade educativa, como é a súa obriga".

Até o momento, critica a CIG-Ensino, a Consellaría sempre aprobou as directrices do Ministerio sobre o papel pero despois obcecouse con reducir a distancia mínima ao metro ou aplicar os chamados grupos burbullas nas etapas educativas para apartarse do metro e medio que acababa de acordar e coa única finalidade de non investir en contratar máis profesorado.

Así mesmo, as familias e o alumnado, as outras grandes prexudicadas desta xestión, tanto polos bandazos dados pola administración como pola falta de seguridade nas aulas, tamén están chamadas a participar masivamente nestas accións que pretenden presionar o goberno galego para que aplique a distancia mínima e os desdobres en todas as etapas educativas como principal medida de redución do risco de contaxio, "como así se está a demostrar en todos os países nos que xa se retomaron as clases e como manifestan as autoridades sanitarias e as persoas especialistas en epidemioloxía a nivel internacional".

Ningún comentario:

Publicar un comentario