Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 25 de outubro de 2013

Bolsas de formación si pero para persoal directivo: continúa o abuso das bolsas de "formación" nos servizos centrais

Resulta curioso que a Xunta nunca teña cartos para crear os postos necesarios nunha RPT e opte por contratar asistencias técnicas e convocar bolsas de formación pero sempre atope os cartos necesarios para crear postos de persoal directivo que son moito máis caros.

O luns, 28 de outubro, a Xunta aprobará na Comisión de Persoal as primeiras RPTs de Axencias con persoal directivo, mesmo de fóra da Administración e cunhas retribucións superiores. Mentres, no DOG do 23/10/2013 publica a resolución de adxudicación de dúas bolsas para traballar na EGAP: a) unha vinculada á xestión de sistemas de teleformación e b) outra de documentación e biblioteconomía.

As ditas bolsas convocáronse no DOG do 25 de abril.  O que se pide basicamente é xente nova hipercualificada (titulación superior con bo expediente, cursos, comunicacións congresos, publicacións, idiomas, etc.) e a cambio ofrecen 1200€ brutos/mes, sen ataduras de contratos e durante uns poucos meses. A súa etapa formativa vai ser breve ou inexistente, máis tendo en conta, no caso da biblioteca, que na recentemente reformada RPT da EGAP non hai postos especializados para formar á nova bolseira.

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?

martes, 13 de agosto de 2013

A Xunta de Persoal de SSCC insta a implantación 100% telemática na tramitación de permisos, vacacións e licenzas

A DXARA (Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema Kronos.

Actualmente, nos Servizos Centrais, na tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos (que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.

Por outra banda, cómpre destacar a falta de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos, vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin obriga de resolución.

Proxecto Morpheo

A directora da DXARA informou á Xunta de Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas (xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións, permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será posible ata xaneiro de 2014.

O atraso vén motivado porque aínda non se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os permisos ou os prazos.

xoves, 18 de xullo de 2013

Volve o plus dos altos cargos

Pero non estaba suspendido o plus dos altos cargos? Pois si, pero hai outro.

O mércores, 17 de xullo, rebentou na prensa a existencia dun plus b dos altos cargos, que non en b. O plus ao que nos referimos aparece recoñecido no artigo 19 da Lei galega de Orzamentos para 2013 e chámase “complemento de persoal”. Este complemento trata de compensar a “perda retributiva” do persoal funcionario que pase a formar parte da élite de altos cargos e, sensu estricto, retribúe un traballo que non se está realizando. Semella unha brincadeira pero non o é:

martes, 16 de xullo de 2013

Os minijobs nos servizos centrais da Xunta: Dirección Xeral de Comercio

Baixo teóricas bolsas de formación a Dirección Xeral de Comercio pon a traballar no seu centro a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer desde introdución de datos para Comercio ata Powerpoints para o Gabinete.

No DOG do 15 de xullo publícase a resolución de concesión de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. O punto álxido tivo lugar en 2010 con 8 bolsas cunha retribución brutas de 1.300; actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 900€ e as persoas bolseiras teñen que pagar do seu peto tanto un seguro de saúde como de accidentes laborais.

xoves, 11 de xullo de 2013

Feijóo non quere persoal funcionario tramitando as reclamacións das preferentes

Prefire a empresa da súa irmá, EULEN

Máis dun terzo do persoal que traballa no Instituto Galego de Consumo son asistencias técnicas. Apártase ao persoal funcionario que non é de confianza de temas políticamente sensíbeis como a tramitación de expedientes das preferentes.

O 4 de abril a sección sindical da CIG de persoal funcionario nos Servizos Centrais da Xunta rexistraba un escrito dirixido tanto ao Instituto Galego de Consumo como á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa. No dito escrito expuñamos que tiñamos constancia, porque así o vemos cada vez que acudimos as súas instalacións de visita sindical, que na sede central do instituto está traballando un bo número de persoas que non son persoal funcionario. Este persoal alleo incrementouse en boa medida coa tramitación dos expedientes de reclamacións das preferentes como se o persoal funcionario dos Servizos Centrais non estivese capacitado para facer ese traballo.

venres, 5 de xullo de 2013

Boletín Servizos Centrais - xuño 2013: Feijóo e o narco do barco

  • Lei do emprego público: alfombra vermella para a corrupción.
  • Empregados públicos contra a corrupción.
  • Novas breves (concursos de traslados, procesos selectivos, listas substitución, normativa aplicable ao persoal)
  • Humor (paquete mato, onde ir de vacacións este ano sen o específico da túa extra?)

Para descarga pinchar aquí