Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 30 de xaneiro de 2015

A conselleira Beatriz Mato ou minte ou descoñece a grave situación que están a sufrir os usuarios e o persoal de todos os centros de Traballo e Benestar

Ante as declaracións da conselleira de Traballo e Benestar nas que afirma que as protestas contra as quendas de traballo abusivas e machacadoras só se refiren a dous centros da provincia de Coruña (R.M. Oleiros e R.M. Torrente Ballester), por parte do Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña, e acolléndose ao dereito de réplica,  remítennos a seguinte reseña informativa:

"Durante o ano 2014 as protestas do persoal laboral foron xeneralizadas e visibles en todos os centros da provincia da Coruña contra as quendas de traballo con imposición de xornadas abusivas, machacadoras e temerariais, a escasez de persoal e a falta de cobertura do persoal de baixa.

O persoal tamén ten denunciado a escasez e deterioro do material co que se traballa, o recorte na disposición de cueiros ata só 3 por persoa e día (1 só pola noite) e as graves deficiencias e carencias das infraestruturas de moitos destes centros.

Carta de agradecemento ao Presidente da Xunta pola paguiña extra de xaneiro

Estimado Sr. Presidente,

Queremos transmitirlle a nosa máis sincera gratitude por ter cumprido a súa promesa para cos seus traballadores e traballadoras públicas respecto da devolución da paga extra de 2012. Comprendimos xa no seu momento e seguimos comprendendo agora que suspender temporalmente o abono daquela paga extra era un mal menor para nós para que o país poidese saír da crise e alcanzar as cotas de esplendor das que hoxe en día xa disfrutamos. Sabe que sempre terá a súa disposición as nosas nóminas para o que precise.

Agora ben, e xa aproveitando a confianza que nos une, sendo vostede tamén compañeiro funcionario e estando tan ben relacionado con grandes emprendedores como Marcial Dorado, a familia Baltar, Pablo Crespo ou Gerardo Crespo, gustaríanos que nos transmitise algún consello sobre no que poder investir as xenerosas cantidades que tivo a graza concedernos. Así mesmo, e mentras tanto, gustaríanos saber se poderíamos usar a valixa interna do seu partido para manter o diñeiro a bo recaudo nalgún banco suízo ou calquera outro país no que, haxa ou non neve, sexa do agrado do Presidente.

Sen máis, reciba un caluroso e afectuoso saúdo.



Os cartos que aínda nos debe a Xunta: asembleas nos Servizos Centrais

Xa conseguimos que nos devolvan de oficio a metade do que os xulgados nos recoñecen con respecto á paga extra de 2012 pero que pasa coa outra metade? E coas reclamacións xudiciais da paga extra do 2013? A CIG ten gañadas demandas que recoñecen o dereito a cobrar a parte devengada do complemento específico da paga extra de xuño de 2013, ou sexa, a loita nos xulgados non rematou.

Por outra banda, unha cousa é o que nos din que imos recuperar nas extras e outra o que está escrito. Falaremos do que informan que imos recuperar, do que só recuperaremos nos xulgados e do que non pensan pagar se non facemos nada, así como do escaso reflexo normativo de tanta promesa.

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Que é o TTIP e como afectará aos nosos dereitos

O TTIP é o acrónimo en inglés do Tratados de libre comercio entre a Unión Europea e os estados de América do Norte. Este tratado comezou a negociarse en segredo vai uns anos entre as principais multinacionais e a UE. Basicamente trata de flexibilizar a lexislación europea en materia laboral, medioambiental e de seguridade alimentar para que as multinacionais americanas poidan ter un mercado completamente dispoñible no vello continente, mesmo nos grandes servizos públicos da sanidade e educación.

A CIG vén de iniciar este mércores en Vigo unha campaña informativa para divulgar os seus contidos e consecuencias. Na primeira fase desta campaña,  ata o 24 de febreiro, convocamos actos abertos nas 7 cidades galegas. Acude e descobre máis sobre como che pode afectar este tratado na túa vida diaria.

Función Pública vai chamar das listas de substitución para o Servizo Público de Emprego

A semana pasada facíamonos eco no noso Facebook e correos informativos da seguinte nova: "Pese aos esforzos, a cada xestor do Servizo Público de Emprego 'tocaránlle' 442 parados". Nesta nova falábase da contratación de 120 empregadas e empregados públicos interinos interino para reforzar o Servizo Público de Emprego con cargo a fondos da UE.

Con estes profesionais reforzaríase "un equipo de case 450 xestores que se reparten polas 55 oficinas de atención distribuídas por toda a comunidade, aos que se suma unha cifra máis modesta na Consellería de Traballo, os seus servizos centrais".

Na Consellaría de Traballo confirmáronnos o anterior e precisaron que se trata dun total de 131 contratacións (75 orientadores e 56 técnicos/as de emprego). Os chamamentos faranse a través das listas de contratación que regula o Decreto 37/2006, concretamente das listas do A2. Non indicaron nada de esixir unha titulación específica coma no caso do último chamamento para plans de orientación laboral.

mércores, 28 de xaneiro de 2015

Medio Rural amortizará 130 postos de traballo en plena "recuperación económica"

A estes 130 postos únense os 86 xa amortizados no 2013

Desde os Gobernos do PP teñen unha gran obsesión eleitoral con que xa estamos na "recuperación económica" cando nas súa política de persoal dentro das Adminsitracións non vemos máis que axustes e amortizacións. Isto é así porque realmente non hai ningunha recuperación que valla e iso o sabemos ben a xente do común.

Unha nova proba desto na Xunta de Galiza é a proposta que nos remitiu a Consellaria de Medio Rural para modificar, de novo, a súa relación de postos de traballo (RPT).  Nesta documentación propoñen a amortización de 130 postos por valor de 3,2 millóns de €. Dentro destes hai de todo: peóns do servizo contra incendios,  técnicos/as investigadores, limpadores/as, oficiais agrarios, persoal veterinario, enxeñeiros/as técnicos industriais, persoal administrativo... de todos os niveis (postos base, negociados, seccións) e condicións (persoal laboral e funcionario).

O sistema é perverso: deixan sen cubrir as vacantes (nin as ofertan publicamente, nin chaman das listas) porque contratan os servizos necesarios con asistencias técnicas como TRAGSA ou empresas privadas coma Natutecnia, por exemplo. O que non gastan no capítulo I de persoal propio gástano polo capítulo VI como "inversións reais" que na realidade son subcontratacións de persoal que acaban en sentenza de cesión ilegal. Estas contratacións son moito máis flexibles desde todos os puntos de vista, tamén desde o enchufismo e a corrupción, como estamos fartos de ver.

martes, 27 de xaneiro de 2015

Centenares de números da revista Medio Rural tiradas polas esquinas

Actualmente fican na entrada das oficinas de Medio Rural situadas no Camiño Francés nº10 en Compostela varias caixas do exemplar nº1 da revista oficial da consellaría; este número é de xullo-setembro de 2011.

Medio Rural iniciou a súa andainda da revista de información institucional homónima co chisco característico de autobombo propagandístico. A comezos de 2012, en plena voráxine da lei de medidas, atopáramos na entrada da consellaría (en San Caetano) uns cantos palés amontoados con centenares de exemplares do seu número 2 que cabrearon moitísimo ao persoal público. Decíase aquelo de "pídennos esforzos a nós para que eles poidan seguir despilfarrando".

Daquela mandarámos un escrito á consellaría e denunciáramos o feito. Xa que nos pedían esforzos a nós, que menos que as consellarías deixaran de gastar cartos en edicións impresas que logo nin sequera chegaban aos destinatarios. Nuns días desapareceron de alí. Porén, a Xunta de cando en cando segue facendo edicións impresas de publicacións que quedan amoroadas en corredores, arquivos e que non lee ninguén.