Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 29 de xullo de 2016

Borrador do acordo de creación da categoría laboral de bombeiro/a forestal

Achega a Dirección Xeral da Función Pública outra proposta máis de acordo, e ogallá todos os días fosen período preelectoral, na que ao final admiten a demanda da creación desta categoría laboral entre as traballadoras e traballadores do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais.  Do da reclasificación do resto de categorías de persoal laboral ou do concurso de traslados, nada de nada.

E é que o que non se di é que isto é de obrigado cumprimento para a Xunta de Galiza dado que a lexislación vixente require tal recoñecemento aos traballadores e traballadoras forestais que desempeñan tarefas de prevención e extinción de incendios forestais. A dita proposta recolle tamén o establecemento dunha segunda actividade desligada da extinción directa dos incendios forestais.

O acordo en cuestión deberá pasar os trámites de aprobación da Mesa Xeral coma da Comisión de Persoal, antes da correspondente modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Conselleria do Medio Rural.

Texto da proposta do acordo

martes, 26 de xullo de 2016

Publicada no DOG a resolución do concurso de traslados de corpos xerais

Tal e como anunciábamos a semana pasada, no DOG de hoxe, 26 de xullo, publícase a resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia. O dito concurso foi convocado no DOG do 20 de maio do 2015.

Nesa resolución pódense consultar os listados de asignacións ás persoas que solicitaron postos tanto na primeira fase como na fase de resultas. Tamén tedes os listados noutro formato máis manexábel aquí.

A orde indica que difiren o prazo de toma de posesión ata que se publique no DOG unha resolución na que se indique a data de inicio dos ditos prazos, previsiblemente a mediados de setembro.

Borrador da convocatoria de 20 prazas do proceso selectivo de axentes de gardacostas

Achegounos a Dirección Xeral de Función Pública o primeiro borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza.

Trátase dun total de 20 prazas, das cales 5 están reservadas para a quenda de promoción interna. O sistema selectivo será o de oposición. A dita convocatoria resulta da execución da Oferta de Emprego Público para o ano 2015. Alegacións até o día 28 de xullo.

xoves, 21 de xullo de 2016

Concurso de traslados de corpos xerais: adxudicacións definitivas publicadas no web de Función Pública

Cun correo electrónico enviado pouco antes, e case por sorpresa, a Dirección Xeral de Función Pública colgou hoxe a última hora da mañán as listaxes de adxudicación definitiva de postos do concurso de traslados de corpos xerais.
Comunican tamén que a publicación da resolución e os anexos no DOG será o día 26 de xullo, coma estaba anunciado. Noraboa ás persoas que conseguiron o posto que buscaban.

Comisión de Persoal do 19 de xullo: mix de RPTs e recoñecemento do tempo do servizo militar a efectos de trienios

O martes 19 de xullo reuniuse a Comisión de Persoal para aprobar varios asuntos: RPT de Infraestruturas e Vivenda, RPT de Política Social, creación e Estatutos do Instituto Galego de Consumo e Competencia (IGCC),  e recoñecemento do servizo militar a efectos de trienios para persoal laboral e RPT de Economía, Emprego e Industria.

RPT de Infraestruturas e Vivenda

A CIG recoñece o talante negociador da consellería, pero mantemos a nosa disconformidade coa amortización de 8 postos de traballo (7 postos base de persoal funcionario e 1 de limpador). Rexeitamos tamén a cobertura de postos mediante Concurso Específico.

CIG, CCOO e UGT votamos en contra. CSIF abstívose.

A CIG reclama medidas excepcionais na loita contra os lumes coincidindo coas altas temperaturas

A central amosa a súa solidariedade cos feridos/as nos incendios de Ribas de Sil e Lobios


A CIG- Administración reclámalle á Xunta a adopción de medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios forestais coincidindo coas altas temperaturas, xa que nestas condicións a perigosidade no traballo aumenta exponencialmente, tal e como se puido comprobar nos recente lumes de Ribas de Sil e Lobios. Ao mesmo tempo, a central amosa a súa solidariedade cos brigadistas feridos/as nestes incendios e coas súas familias.

mércores, 20 de xullo de 2016

Chamamento da CIG ante a celebración do Día da Patria Galega

A CIG chama ás traballadoras e aos traballadores galegos a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Santiago de Compostela, e por Galiza adiante, o dia 25 de xullo, para conmemorar o Día da Patria Galega.


A celebración do Día da Patria Galega supón para a clase traballadora galega unha data de reivindicación, conxuntamente co resto das clases populares galegas, do dereito que temos os galegos e galegas a decidir por nós mesmos o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.

Proposta de RPT da Consellaría de Sanidade

A Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Sanidade convocou ás organizacións sindicais a unha xuntanza para discutir o venres 22 de xullo a súa proposta de Relación de Postos de Traballo. A proposta é ampla, afecta a moitos servizos e centros de destino.

Nunha primeira ollada moi rápida podemos observar que recupera parte do que contiña a proposta de modificación da RPT que xa discutiramos fai un ano (24/07/2015) e que ficou inconclusa.

luns, 18 de xullo de 2016

Concurso xeral: publicación no DOG da resolución definitiva

Ao final, nin na semana pasada nin nesta, informan hoxe desde Función Pública que a resolución do concurso de traslados de corpos xerais publicarase no DOG do martes 26 de xullo.

A toma de posesión quedaría para setembro.

Chamamentos para a cobertura temporal de 13 postos do SPDCIF

A Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar chamamentos para a cobertura temporal de postos do SPDCIF das categorías profesionais de Condutor/a de Motobomba, Peón/oa, Vixiante fixo/a e Emisorita.

O número de prazas xunto cos días e horarios dos chamamentos, que se realizarán de xeito simultaneo nas catro provincias, son os que figuran na seguinte táboa.

Adicionalmente, comunican tamén que chamarán para estoutro posto:

xoves, 14 de xullo de 2016

Mobilización en defensa do CGAI, os empregos e o sector audiovisual galego

Amortizacións e despidos da Xunta comprometen o futuro dun centro con 25 anos de historia


Ducias de persoas concentrábanse na tarde do mércores en rexeitamento ao desmantelamento do CGAI e contra as amortizacións e despedimentos aplicados pola Xunta do PP. Un novo recorte nos servizos públicos que compromete o futuro do único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos e asesta un golpe á memoria histórica da Galiza e á subsistencia do sector audiovisual galego.

mércores, 13 de xullo de 2016

Seguimos a cámara lenta nos procesos selectivos da Xunta: oferta do 2011, convocatoria de 2014 e toma de posesión no 2016

Achéganos Función Pública os dous postos que prevén ofertar para a elección de destino definitivo da persoa aspirante que superou o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de topógrafos/as, convocado por Orde do 9 de mario de 2014 (DOG nº 99 do 26 de maio).

En realidade neste proceso había unha soa praza en liza e ofertan dúas vacantes a escoller, as dúas en Santiago de Compostela. Proceso selectivo minimalista, ofertado en 2011, a pesar do cal, foi convocado en maio de 2014 e a toma de posesión aínda vai ser, con sorte, en xullo de 2016. Recordamos que, recentemente, na Administración Xeral do Estado, convocaron 365 prazas de Axente da Fancenda Pública, que veñen da OPE deste mesmo ano, onde se establece unha  previsión  sobre  a  duración  máxima  da  fase  de  oposición  do  proceso  selectivo  de  doce  meses.

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 20: Absentismo laboral: mentiras e manipulacións

Clica na imaxe para descargar o boletín
Xa está dispoñible para descarga electrónica o número 20 da revista de Saúde Laboral da CIG. Neste número trátanse os seguintes temas:
  • Absentismo laboral: mentiras e manipulacións
  • Alongamento da vida laboral, saúde e sustentibilidade do traballo
  • A comisión europea propón modificar a actuación directiva sobre canceríxenos e establecer novos límites obligatorios para 13 sustancias
  • Taboleiro: breves

Asesoramento técnico

Está a túa disposición a ferramenta “Asesoramento Técnico” que che permite realizarlle consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral ao noso Gabinete Técnico. O acceso ao formulario de contacto podes atopalo premendo aquí.

martes, 12 de xullo de 2016

Bases de proceso selectivo de delineantes

Achéganos Función Pública o Proxecto de Orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso corpo de axudantes facultativos/as de Administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de delineantes, correspondente á Oferta de Emprego Público do ano 2015. As prazas ofertadas son 2 de acceso libre e 1 pola quenda de promoción interna. Descargar borrador.

En breve deberían mandar tamén a de gardacostas, persoal veterinario e algo da OPE 2016 de persoal laboral, segundo información facilitada polo director xeral de Función Pública.

Mesa Xeral do 8 de xullo: concurso xeral a punto de caramelo

Na Mesa Xeral do 8 de xullo tratáronse os seguintes temas: RPT de Infraestruturas e Vivenda, RPT de Política Social, Acordo de trienios servizo militar, Estatutos do novo Insituto Galego de Consumo e da Competencia e tamén do concurso de corpos xerais.

Concurso de corpos xerais

Xa afinan máis e apuntan que será publicada a resolución definitiva no DOG da semana do 11 ao 15 ou como moito, a comezos da seguinte.

luns, 11 de xullo de 2016

Convocatoria de 365 prazas de Axentes da Facenda Pública (Administración Xeral do Estado)

No BOE do 7 de xullo publícase a convocatoria de procesos  selectivos  para  ingreso,  polos sistemas  de acceso    libre (165 prazas) e  promoción  interna (200 prazas),  no Corpo  Xeral  Administrativo  da Administración  do  Estado,  especialidade  de Axentes  da Facenda Pública.

O prazo para presentar solicitudes remata o 27 de xullo. A realización do primeiro exame será nun prazo máximo de 4 meses desde a publicación da convocatoria.


Novas relacionadas: 

venres, 8 de xullo de 2016

Situación dos concursos de traslados e procesos selectivos novos (e non tan novos)

Na última Comisión de Persoal o director xeral da Función Pública comentou algunhas cuestións sobre os concursos (xeral e de persoal laboral) e sobre varios procesos selectivos. O máis concreto no do concurso xeral, o resto vaguidades.

Concurso de persoal funcionario Administración xeral
A Comisión de valoración rematou o seu traballo o martes 5 de xullo.Vaise cumprir o prazo máximo de resolución o día 15 e están traballando para publicar no DOG a resolución definitiva antes de esgotalo; porén, o director, de xeito conservador fala simplemente de que a resolución definitiva se publicará en xullo.  Toma de posesión diferida para despois do verán, previsiblemente despois do 15 de setembro.

Concurso de persoal laboral
Só grupos IV e V que o resto non queren convocar. As bases ían mandalas xa vai tempo e agora insiste que, en canto acaben co concurso do persoal funcionario de corpos xerais, que se poñen con este...

Publicada no DOG a Lei da paga extra 2013 ou Lei "Pepe Gotera e Otilio"

Sae publicada no DOG do 6 de xullo a seguinte lei (collede aire): LEI 7/2016, do 1 de xullo, pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Resumindo, trátase da lei pola que nos devolven ao longo deste ano o terzo do complemento específico que nos roubaron na paga extra de xuño de 2013. Aquela na que nos quitaron por vez primeira o dito complemento específico (ou equivalente de persoal laboral) nas pagas extras e así seguimos hoxe. O problema foi que a lei de orzamentos dese ano entrou en vigor o 1 de marzo e pretenderon facer un recorte retroactivo ilegal. A que se parece ao que fixeron coa paga extra de 2012? Pois si, e volvérono facelo, a ver se colaba a chapuza. Pero, de novo, non volveu colar.

Segunda convocatoria de actividades de formación continua da EGAP

No DOG do 8 de xullo publícase a resolución  pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (ver anexo II).

O número máximo de actividades que se poden solicitar son cinco.  O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ás 8:00h e remata o 18 de xullo ás 14:00h. Coma sempre, as solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no web da EGAP

Novas relacionadas:
 

xoves, 7 de xullo de 2016

Publicado o calendario laboral galego para o 2017

No 2017, ao caer o 24 e 31 de decembro en domingo,  volverá haber dous días moscosos adicionais.

Xa informado en maio no Consello da Xunta publícase hoxe no DOG do 7 de xullo as festas no noso país para incluír no calendario laboral oficial do 2017. A novidade para o ano será que se volverá incluir como festivo propio o 17 de maio (Día das Letras galegas), desta volta en sustitución do 1 de xaneiro que caerá en domingo. Pola contra, o San Xoán (24 de xuño) o vindeiro ano non será festivo autonómico.

A estas festas, haberá que engadir tamén dúas festas locais,  retribuídas e non recuperables, que soen publicarse ao redor do mes de outubro/novembro nos boletíns oficiais da provincia e así mesmo no Diario Oficial de Galicia.

Actualización defintiva de méritos nas listas de substitución (agora a tirar delas)

No DOG do 7 de xullo publican a resolución de actualización definitiva de méritos para a cobertura temporal de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza consonte ao Decreto 37/2006. As listas que se actualizan son as que aparecen no anexo I e II da dita resolución; a puntuación total correspondente aos integrantes das listas pode consultarse na páxina web de Función Pública.

Agora só falta que tiren delas e comecen por empezar a cubrir vacantes, baixas e, con carácter xeral, calquera permiso relacionado coa conciliación da vida familiar e laboral. En beneficio dos servizos públicos e polo ben da persoas anotadas que pagan 16,98 € por apuntarse en cada lista coa espectativa de traballar algún día sen saír do seu país.

mércores, 6 de xullo de 2016

Publicada a listaxe provisional das axudas do que queda do Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza

No DOG do 6 de xullo publícase a resolución pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2015, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

As listaxes provisionais poden consultarse na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública. Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Outro acordo a base de reclamacións xudiciais: Tempo de servizo militar a efectos de trienios para persoal laboral

A CIG interpuxo no seu día un Conflito Colectivo para o recoñecemento do Servizo militar para o computo dos trienios do persoal laboral do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia, en aplicación do artigo 26.1 do V Convenio: "Para o cómputo de trienios [..] teranse en conta os servizos prestados durante o tempo de duración do servizo militar ou equivalente".

O persoal letrado da Administración contactaron cos servizos xurídicos da CIG para pospoñer o xuízo de cara a unha negociación. O xuízo foise aprazando ata lograr un acordo favorable as nosas pretensións e a aquelo que as sentenzas viñan recoñecendo.

Con este acordo a CIG comprométese a desistir do Conflito Colectivo presentado no seu día.

martes, 5 de xullo de 2016

Denuncian o desmantelamento do CGAI e o desprezo do Goberno galego do PP polo sector audiovisual

A Xunta convoca a Comisión de persoal o xoves 6 de xullo para aprobar o desmantelamento do CGAI, deixando en evidencia as mentiras e o desprezo do Goberno galego do PP polo sector audiovisual galego.

Tan só foron necesarias dúas semanas e unha victoria electoral para descubrir as mentiras do Sr.Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, o día 17 do mes pasado na prensa sobre os recortes no AGADIC, onde rebatía ás denuncias realizadas pola CIG sobre a documentación entregada pola Xunta e que tiña como último fin o desmantelamento encuberto do Centro Galego de Artes da Imaxe (Filmoteca de Galiza).

venres, 1 de xullo de 2016

Seguimos cos premios: 314.900€ máis en convenios coa prensa para publicidade

Se a finais de xuño publicaba os convenios coa prensa a Consellaría de Medio Ambiente, desta volta é a Consellaría de Economía, Emprego e Industria, por unha cantidade lixeiramente inferior: 314.900€. A listaxe destes convenios publícase no DOG do 4 de xullo entre a totalidade dos convenios subscritos por esta consellaría no primeiro cuadrimestre do ano.

De entre os premiados destaca La Voz de Galicia S.A. con case a metade da torta, para non variar, con 149.990,44 €.  Pola súa banda, o segundo premio é para Faro de Vigo, S.L.U. coa menos da metade de asignación do primeiro, con 68.468,10 €. Pecha o podio El Progreso de Lugo, S.L., a moita maior distancia, con 25.842,05 €.

Asinado outro megacordo: modificación das instrucións acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral

Acordo asinado o 30 de xuño de 2016 na liña de megacordos sobre pequenas cuestións de xustiza

Pequena modificación no apartado cuarto das actuais instrucións que regulamentan o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral. Actualmente, no caso de extinción do contrato da persoa remudista, acudíase directatmente ao Servizo Galego de Colocación, con esta modificación pásase primeiro polas listas do Decreto 37/2006.

Texto do acordo asinado

Novo megacordo: Non perder a situación nas listas en postos non vacantes cando coincida co permiso por parto, adopción ou acollemento

Continuando coa saga de macroacordos, agora vén o seguinte: non perder a opción de vacante nas listas de substitución no caso de parto, adoptción ou acollemento. Algo que parece de lóxica, polo menos desde a entrada en vigor das leis de igualdade, non o era, e se aproveita agora para acordalo. Ademais, parece ser que a partir de agora, todos estes acordos da Comisión de Listas van, como tamén resultar de lóxica, ser publicados na páxina web de Función Pública.