Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 29 de marzo de 2019

Situación dos concursos de traslados, e borrador do de corpos xerais

Comezando polo máis xeral, esta é a situación dos concursos de traslados:
  • Corpos xerais: temos o primeiro borrador, e a previsión do DXFP é que estea convocado en maio (sen máis especificación). É dicir, que se cadra estaría convocado antes do verán. Veremos.
  • Corpos especiais e escalas: estamos a finais de marzo de 2019, e nada se sabe. Non hai previsión, o director xeral de Función Pública nada di. O último que tiñamos (fai xa varios meses), era que prevían convocar o de veterinarios antes do de corpos xerais. Agora xa nin iso. Para os compañeiros e compañeiras destas escalas, é interesante botar un ollo ao concurso de corpos xerais, pois ese sería o modelo que previsiblemente lles será de aplicación no futuro (lonxano?).
  • Persoal laboral: por se a alguén non lle quedou claro, co Acordo de Concertación que asinaron CCOO e UGT, este concurso pasou a mellor vida. As categorías a funcionarizar non o van ter nunca máis. E se quedase algunha categoría non funcionarizable, xa veremos no futuro lonxano que é o que pasa.

mércores, 27 de marzo de 2019

Queres estar na candidatura do CSIF?

A falsificación de documento público é un delito moi grave
As votacións as Xuntas de Persoal son o vindeiro 11 de abril, polo que a estas datas xa están os listados definitivos de candidatas e candidatos. Aquí en Servizos Centrais a candidatura que presenta CSIF é a máis numerosa; isto non sería ningún problema se a todos ás persoas que van na citada lista se lle explicara antes de asinar que estaban a formar parte dunha candidatura, que iba a ser pública e que figurarían na papeleta electoral.

Polos indicios que ten a CIG non foi así; temos sospeitas fundadas da "presunta falsificación" dalgunha que outra sinatura e por outro lado houbo persoal que asinou ao que non lle explicaron ben para que era a sinatura. No primeiro caso imos a proceder a tomar as medidas legais oportunas; no segundo é unha tacha moral que queda no lombo de cada persoa. 

Así, dende a CIG de Servizos Centrais recomendámos que revisedes a candidatura da CSIF (que está colgada en todos os taboleiros de información sindical), se apareces nela e non deches o teu consentimento, ponte en contacto connosco.

Comisión de Persoal e Mesa Xeral do 25/03/2019: oferta de emprego público, carreira profesional...

Esta semana, como xa avanzábamos, ía ser unha semana intensa e o 25 de marzo concretouse nunha Comisión de Persoal e Mesa Xeral na que se trataron temas diferentes. Iso si, os concursos de traslados pode esperar para este Goberno, aínda que algo comentaron ao final de todo de que "en breve nos poderían avanzar unha data...", pra mexar e non botar gota.

Na Comisión de Persoal aprobáronse cos votos da Administración e UGT e CCOO, o sistema de extraordianrio de acceso ao grao I da peor carreira profesional da nosa contorna, a maldita funcionarización, as bases para os procesos selectivos da escala téncica de estatística e de letrados/as.

Na Mesa Xeral fíxose que se neogociou algo da oferta de emprego público para 2019 e tamén desinformaron de varios temas, do máis variado, e coa fiabilidade e precisión a que xa nos ten acostumbrados o director.


Comeza a campaña eleitoral: na CIG seguimos traballando

Este ano tocan eleccións para elixir representantes do persoal funcionario; en servizos centrais imos votar o vindeiro 11 de abril.

Estes días notarás un incremento notable de actividade sindical pero a CIG segue ao seu ritmo. Nos facemos o mesmo traballo día a día; non queremos gañarnos o voto nun mes senón en catro anos. Sempre somos fieis aos nosos ideais: ser transparentes e  explicar o noso traballo, e así nos vindeiros días delegadas e delegados da CIG van a pasar, como coma no resto de ocasións, polo teu centro informándoche do que fixemos estes catro anos para que cada un decida o sentido do seu voto.

Asimesmo vos explicaremos as nosas propostas para o futuro e o que opinamos dos problemas xerais que temos enriba: carreira profesional, funcionarización, estabilización, concursos, etc. Tamén vos daremos datos (aínda provisionais) dos lugares de voto e unidades que votan en cada Mesa.

Disposición provisional das mesas eleitorais: 11 abril 2019

Imos votar pola nosa dignidade
O horario de votación será de 9:00h a 16:00h salvo a mesa itinerante que pecha ás 15:30 h. 
O persoal elector conta co "tempo indispensable" para exercer o seu dereito a elexir o seu persoal representante.

Para as eleccións da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, esta é a proposta da Administración sobre as mesas de votación o 11 de abril. Aínnda hai cousas sen concretar, pero vos adiantamos a información definitiva en canto nola facilite a Administración.

martes, 26 de marzo de 2019

O caso Villarejo chega ao despacho do director xeral da Función Pública

“Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento” (director xeral da Función Pública na Comisión de Persoal do 25/03/19)

Resulta que CCOO e UGT están repartindo “confidencialmente” un papeliño cos asuntos que cociñan na comisión de seguimento do acordo de concertación. E como outras veces, resulta tamén que ese papeliño chegou á CIG. Pois resulta que o director xeral da Función Pública nega que esa información saíra voluntariamente do seu despacho, senón que deixa entrever que lla furtaron.

luns, 25 de marzo de 2019

Que demo pasa cos concursos de traslados?

A última semana de marzo vai estar ben completiña de asuntos a discutir cos responsábeis políticos da Administración. Vamos tratar a orde de convocatoria do sistema extraordinario de carreira profesional, os criterios xerais de funcionarización do persoal laboral fixo, a convocatoria de varias oposicións, unha xuntanza co conselleiro do Medio Rural, RPTs e até a oferta de emprego público de 2019.

Nos últimos meses, os asuntos da Función Pública galega van a un ritmo frenético nada propio. Todo un espellismo porque normalmente as cousas logo soen ir lentas, extraordinariamente lentas (salvo os recortes, claro). Porque o caso é sacar a oferta de emprego público e as convocatorias, que despois xa se verá como anda o proceso (lento, normalmente, moi lento). Será que veñen aí as eleccións. E non nos referimos ás sindicais do 11 de abril, senón as municipais, europeas, as do Congreso e do Senado... E por último, por que demo non lle dá o mesmo impulso aos concursos de trasaldos? Mellor ter a milleiros de empregadas e empregados públicos en comisión de servizo ou adscrición?

xoves, 21 de marzo de 2019

A folga que non existiu o xoves 21 de marzo

Fai uns dias que algunhas persoas están a chamar aos locais da CIG preguntando por unha folga convocada para o xoves día 21 de marzo. A única información que tiñamos era algún papeliño que apareceu nalgún centro, ata que fai dous ou tres días comezaron a notificar servizos mínimos a algunhas persoas.

Non era moita a información que circulaba, pouco máis que unhas pistas que falaban dunha folga convocada en todas as administración públicas do estado.

luns, 18 de marzo de 2019

Ir aos exames das oposicións na Xunta coas preguntas e cos temarios na man

Causa polémica a funcionarización na Xunta de Galiza froito do Acordo de concertación social. Pódese ler a diario nos medios de comunicación pero sobre todo nas conversas non só entre o propio persoal funcionario, senón entre boa parte do persoal laboral. Querer ignorar esta polémica, tentando atribuila únicamente aos sindicatos non asinantes é unha opción, pero non por negala ou atribuila a outras orixes, vai desaparecer. Se molesta será por algo.

Que nalgunhas categorías hai unha promoción interna con cambio ao grupo superior, que hai batería de preguntas, que se poden levar os temarios aos exames e preguntas con 3 respostas alternativas nas que 4 mal descontantan unha ben é unha realidade. Tratar de decirlle ao persoal o contratio ou que noutras probas da Xunta tamén poden levar os temarios, que non hai promoción interna encurberta, que tamén para o persoal funcionario ou para a xente de fóra hai importantes melloras grazas ao acordo de concertación, ou que noutras partes do Estado se fai así, pode resultar insultante. Máis insutante aínda tendo en conta a realidade da Xunta e o puteo constante ao que somete a todo persoal, con carácter xeral, que non é a realidade que hai noutras partes do Estado, non só coa promoción interna, nin co acceso ao emprego público, senón co resto de dereitos como o da mobilidade e os concursos de traslados.

Segunda labazada do Tribunal Supremo aos asinantes da carreira profesional

Outra sentenza do Tribunal Supremo, agora contra un acordo de carreira profesional do Institut Català de la Salut que excluía ao persoal interino.

A semana pasada informamos aquí de que o Tribunal Supremo fallou en contra dun acordo de carreira profesional que excluía ao persoal interino e temporais nas Illes Balears. Pois ben, nunha sentenza de data 21/02/2019, o Tribunal Supremo volve sobre os mesmos argumentos sobre a discriminación salarial por vínculo laboral, esta vez para declarar discriminatorio o acordo de carreira do Institut Català de la Salut.

venres, 15 de marzo de 2019

Mesa Xeral 15/03/2019: carreira profesional, funcionarización, procesos selectivos

O venres 15 de marzo houbo Mesa Xeral onde se "negociaron" os seguintes asuntos: carreira profesional, funcionarización e procesos selectivos de Estatística e de Letrados/as. En varios demandamos a bolsa de horas positivas do Kronos dun mes para outro para fomentar a conciliación e a publicación inmediata do Decreto de listas.

A Xunta crea 13 novas prazas por sentenza de cesión ilegal nos Servizos Centrais

Augas de Galiza achéganos unha proposta de modificación da súa RPT basicamente para crear 13 prazas de execución de sentenza por cesión ilegal nos seus Servizos Centrais. 

Aínda recordamos as sucesivas peticións de información sobre sentenzas por cesión ilegal e a maioría das consellarías sen informar ou mesmo algunha, como Medio Ambiente, decindo que non había. A parte da mentira que supón, temos que destacar que ista é a política principal de creación neta de prazas nesta Administración. E é que dos pós da privatización, agora veñen estes lodos dos que coma sempre, non depuran responsabilidades, como esixe a lei desde 2015.

Resultado do derradeiro partido: CIG 8 - outras organizacións sindicais representativas 0

Portería baleira na Xunta de Persoal
Quizáis poida parecer un título presuntuoso pero ten a súa explicación obxectiva. O pasado día 7 de marzo tivo lugar a derradeira reunión da Xunta de Persoal de Servizos Centrais. A Xunta de Persoal consta de 25 delegadas e delegados co seguinte reparto: CIG 11; CSIF 5; CCOO 5 e UXT 4.

Pois ben a esa xuntanza só acudiron delegadas e delegados da CIG; vale que na CIG faltaron 3 persoas (unha delas con xustificación médica) pero é que do resto faltaron todas. Polo que como se pode entender, aprobouse toda orde do día por 8 votos a favor e 0 en contra (de aí o título). Aínda que por culpa da non asistencia do resto de delegadas e delegados non se cumpreu o quorum necesario e a aprobación foi oficiosa (ata faltou o secretario, membro da UGT).

xoves, 14 de marzo de 2019

A CIG critica o recurso a persoal funcionario alleo á Xunta para conformar os tribunais de oposicións

Tribunal  do A1 decidindo a nota de corte
Propoñemos a selección do tribunal por sorteo entre o persoal que cumpra os requisitos legais 

O pasado 8 de marzo publicáronse no DOG unha gran cantidade de tribunais para os vindeiros procesos selectivos. Xa é "vox populi" que Función Pública fixo toque de corneta entre a "súa xente de confianza" para ocupar os postos nos tribunais pero sexa porque a xente non quere, sexa por outro motivo quedouse sen canteira.

E que fai a Administración?, chama a outro persoal?, artella un sistema público? Pois non, adécase a rebuscar no fondo do armario e trae xente dos concellos, da universidade ou do ensino medio; así temos por exemplo que no proceso selectivo ao A1 hai máis xente de fóra que de dentro da Xunta: 1 profesor de Dereito (presidente), 1 profesora de secundaria e 1 arquitecta municipal; logo xa a secretario e un vogal do propio corpo...

Primeira labazada do Tribunal Supremo aos asinantes da carreira profesional

O Tribunal Supremo ven de fallar a favor de incluír ao persoal interino e temporal na carreira profesional das Illes Balears.

Un mes e pico despois de que CCOO e UGT decidiran coa Xunta que o persoal interino e temporal non ten que cobrar a carreira profesional, o Tribunal Supremo, nun caso similar ao noso vén de fallar que si teñen que cobrala e que existe discriminación de non facelo.

En concreto:
  • "que a carreira profesional establecida nos acordos ratificados polo acordo do Consello de Goberno das Illes Balears de 8 de maio de 2015 está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."

martes, 12 de marzo de 2019

Por que non unha batería de preguntas tamén para a promoción interna do persoal funcionario?

Funcionarizacións e reclasificacións, deixando de lado a gran parte do persoal laboral e a todo o persoal funcionario. Por que reclasificacación dunhas categorías si e outras non? Por que non unha batería de preguntas tamén para o persoal funcionario?

CCOO, UGT e Xunta acaban de negociar un documento no que se regulan os criterios do proceso de funcionarización do persoal laboral. E sabémolo porque estes sindicatos fan resumos onde afirman que na comisión de seguimento do acordo de concertación tratáronse eses e outros temas, como as ofertas de emprego, o decreto de provisión, etc, ..

Este documento de funcionarización que nos envía a Xunta o luns 11, xa cociñado, para unha mesa xeral o próximo mércores 13, xa circulaba polas redes a semana pasada, porque representantes de CCOO e UGT compartírono en varios grupos de whatsapp, polo que moita xente puido velos.

luns, 11 de marzo de 2019

A desaparición do Fondo de Acción Social: vamos a polo noveno recorte

A proposta de criterios de reparto do FAS 2018 presentada pola Dirección Xeral de Función Pública é a novena repetición do que foi a práctica desarticulación do FAS no ano 2011. Naquela convocatoria a Xunta golpeou ao persoal da administración autonómica co recorte de 7.136.392 €, liquidando o Fondo e limitando as axudas a unha única modalidade, a de atención a persoas con discapacidade. Desde aquel ano o persoal da Xunta leva perdidos máis de 57 millóns de euros de masa salarial.

En ningún destes oito últimos exercicios orzamentarios amosou a Xunta a máis mínima intención de reverter eses brutais recortes nos dereitos sociais do persoal. Tampouco se aproveitou ese caixón de xastre no que converteron o acordo de “concertación social” para, non xa presentar un plan de recuperación dese montante que formaba parte da nosa masa salarial, senón nin sequera para restabelecelo neste ano 2019.
 

Comisión de Persoal 06/03/2019: oposicións, decreto de mobilidade, funcionarización, carreira...

Os cronogramas aceleran cando chegan as eleccións...
O 6 de marzo celebrouse unha comisión de Persoal onde se levaban dous procesos selectivos (persoal ordenanza e persoal subalterno) e o Decreto de mobilidade do persoal funcionario. A parte disto, en varios, tratáronse outros asuntos como os xa habituais da carreira profesional, novas sobre procesos selectivos, a funcionarización etc. 

Coma sempre a información vai en dous tempos, a que xa recibiron primeiro os sindicatos pactistas e a que recibimos as que nos negamos a asinar o que nos poñen enriba da mesa porque "é o mellor posible".

mércores, 6 de marzo de 2019

Convocatoria actos CIG-SSCC- 8 de marzo - Folga de Mulleres

¡¡¡¡¡8 de marzo MULLERES EN FOLGA!!!

A CIG convoca folga de 24 horas no marco do PARO INTERNACIONAL DE MULLERES que terá lugar o vindeiro 8 de marzo, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

Este 8 de marzo faremos folga de 24 horas por todas as mulleres que son agredidas polas súas  parellas, exparellas, xefes ou descoñecidos, insultadas, perseguidas, cuestionadas, maltratadas, acosadas, violadas, explotadas; aldraxadas pola xustiza patriarcal que dita sentenzas machistas espallando a sensación de impunidade, multiplicando as agresións; por todas as mulleres asasinadas polo mero feito de ser mulleres.

Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!


ACTOS EN COMPOSTELA:

    11:00  na Xunta de Galicia (San Caetano)
    11:30  diante do Hospital Clínico
    12:00  na Praza de Galiza





Carreira profesional: procedemento para acceso anticipado ao grao I

Función Pública enviounos o proxecto de orde sobre o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza. Descargar. Temos ata o martes 12 para enviar alegacións. Se queres dicirnos algo, contacta coa CIG.

O procedemento refírese ao persoal funcionario de carreira. E como novidade, xa que o acordo non o prevé ata que se funcionaricen, tamén van incluír ao persoal laboral fixo ao que se lle recoñecerá o grao I de xeito provisional "mentres non se convoquen os procesos de funcionarización", tendo a consideración de pagamento "a conta". Non aprobar a funcionarización suporá a suspensión dos pagamentos, aínda que non se establece de xeito expreso si nese caso terán que devolver os importes cobrados.

martes, 5 de marzo de 2019

Novo Decreto de mobilidade: unha oportunidade perdida, vai seguir o enchufismo

Nestes días estamos "negociando" coa Administración o Decreto que vai regular a mobilidade do persoal da Xunta de Galicia e dos entes instrumentais. De feito, o mércores 6 d marzo, levarase a unha Comisión de Persoal onde será aprobada pola maioría dos votos da Administración. Trátase dun decreto marco que dá as pinceladas básicas para os concursos, e que terán unha concreción maior nas convocatorias propias. 

Aquí dexiamos un resumo e a ligazón á última versión do documento.

Tiñamos razón outra carreira profesional si que era posible: Concello de Santiago

Na Xunta, máis que carreira é un maratón
Recentemente tense aprobado no Concello de Compostela a súa carreira profesional, a CIG foi pioneira na súa demanda dende hai tempo, e consigueuse un Acordo, como sempre, mellor que o da Xunta de Galicia. 

Como temos demandando, éste é un acordo específico de carreira profesional onde non se mesturan outros temas e que permite conquerir melloras laborais ostensibles, por exemplo: elimina as diferenzas salariais e as discriminacións nos cobros entre grupos, rebaixa a antigüidade para cambair entre cada grao, etc.

luns, 4 de marzo de 2019

Listas de substitucións. Resolucións do 27 e 28 de febreiro

Recentemente publicáronse varias resolucións no DOG que afectan ao funcionamento das listas de subsitución, en concreto a do Servizo de Gardacostas pero tamén a actaulización provisional de méritos e a a apertura e peche de varias listas.

No DOG do mércores 27 de febreiro publicouse a Resolución pola que se acorda o peche e a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e escala operativa do servizo de  Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (Subgrupo C1).

Modificación da xornada dos días 5 e 6 de marzo de 2019

Tal e como todos os anos, publica a Dirección Xeral de Función Pública,  o tradicional aviso anual de modificación de xornada para luns e martes de entroido (festivo local en moitos concellos).

En teoría, a dita modificación está dirixida a todas as empregados e empregadas públicas da Administración xeral e consiste nunha redución de xornada de 1:15 á partires das 14:00h o martes e de 1:15h ata as 9:00h do mércores. A esta redución habería que aplicarlle as peculiaridades do réxime de flexibilidade horaria tal e como figura no aviso da Dirección Xeral da Función Pública.

Mesa Xeral Extraordinaria 01/03/2019: procesos selectivos, carreira profesional e outros asuntos

Todo vai ir moi rápido, asegura o director
da Función Pública
O venres, 1 de marzo, tivo lugar unha mesa xeral extraordinaria para "negociar" as bases dos procesos selectivos de persoal funcionario subalterno e de persoal laboral ordenanza. Estas convocatorias aglutinas varios proceso (estabilización, consolidación e libre). 

En varios tamén se deu información da carreira profesional e outros asuntos como o horario reducido de Entroido.