xoves, 14 de marzo de 2019

A CIG critica o recurso a persoal funcionario alleo á Xunta para conformar os tribunais de oposicións

Tribunal  do A1 decidindo a nota de corte
Propoñemos a selección do tribunal por sorteo entre o persoal que cumpra os requisitos legais 

O pasado 8 de marzo publicáronse no DOG unha gran cantidade de tribunais para os vindeiros procesos selectivos. Xa é "vox populi" que Función Pública fixo toque de corneta entre a "súa xente de confianza" para ocupar os postos nos tribunais pero sexa porque a xente non quere, sexa por outro motivo quedouse sen canteira.

E que fai a Administración?, chama a outro persoal?, artella un sistema público? Pois non, adécase a rebuscar no fondo do armario e trae xente dos concellos, da universidade ou do ensino medio; así temos por exemplo que no proceso selectivo ao A1 hai máis xente de fóra que de dentro da Xunta: 1 profesor de Dereito (presidente), 1 profesora de secundaria e 1 arquitecta municipal; logo xa a secretario e un vogal do propio corpo...

Que pasa? Non existe persoal capacitado na Administración da Xunta de Galicia? Xa chamaron a todas as posibles persoas capacitadas?Supoñemos que a moitas das que ledes esto tampouco vos chamaron... e ise é o problema, que os tribunais se elixan a dedo, ou sexa, arbitrariamente.

A nosa proposta

Dende a CIG levamos anos reclamando que se siga o mesmo sistema de selección que a Administración do Estado onde existe, para os procesos máis numerosos, unha Comisión de Procesos selectivos con persoal formado, profesional e de carácter público e rotativo.

Todos recordamos as desfeitas dos tribunais de turismo, delineantes, vixiantes de arquivos e bibliotecas e ultimamente a de inspección urbanística, onde ante a desfeita foi tal que se tiveron que repetir exámenes e aprobar a novos opositores.

Que fácil sería artellar unha formación por parte da EGAP, un curso habilitante, e contar cunha bolsa de persoal voluntaria. Todo sería máis ético, democrático, propio dunha Administración moderna e os procesos irían moito mellor. Pero claro, así con xente non posta a dedo, non se controla o proceso e nas Administracións caciquís, gosta o control e a arbitrariedade.

Amáis desto tamén temos que denunciar a selección do persoal de vixiancia. Non pode seguir sendo "chamo aos amigos"; esiximos que se articule unha bolsa de persoal interesado (podería recibir un pequeno curso da Egap) e que se rote nos chamamentos. O traballo que xeneran as oposicións debe ser repartido por igual entre o persoal funcionario.

En resumo, isto non pode seguir sendo o cortello de alguén, isto é a Administración Pública e debe comportarse como tal: publicidade, igualdade e libre concorrencia son principios moi esquencidas na súa aplicación práctica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario