mércores, 27 de marzo de 2019

Comisión de Persoal e Mesa Xeral do 25/03/2019: oferta de emprego público, carreira profesional...

Esta semana, como xa avanzábamos, ía ser unha semana intensa e o 25 de marzo concretouse nunha Comisión de Persoal e Mesa Xeral na que se trataron temas diferentes. Iso si, os concursos de traslados pode esperar para este Goberno, aínda que algo comentaron ao final de todo de que "en breve nos poderían avanzar unha data...", pra mexar e non botar gota.

Na Comisión de Persoal aprobáronse cos votos da Administración e UGT e CCOO, o sistema de extraordianrio de acceso ao grao I da peor carreira profesional da nosa contorna, a maldita funcionarización, as bases para os procesos selectivos da escala téncica de estatística e de letrados/as.

Na Mesa Xeral fíxose que se neogociou algo da oferta de emprego público para 2019 e tamén desinformaron de varios temas, do máis variado, e coa fiabilidade e precisión a que xa nos ten acostumbrados o director.


Comisión de Persoal 25/03/2019

Proposta de orde sobre o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional do persoal empregado público da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifican algúns prazos e crean unha comisión de seguimento. Non aceptan ningunha das alegacións da CIG. Denunciamos que este acordo exclúe a parte do persoal e que, nese senso, estanse a obviar recentes sentenzas xudiciais do Tribunal Supremo que condenan esa discriminación. 

CIG e CSIF en contra, CCOO e UGT a favor.

Criterios xerais dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo

O director expón cambios no número da batería de preguntas e nas preguntas por cada grupo. CIG reiterase nas alegacións presentadas e manifesta que hai moitas particularidades do persoal afectado ás que este documento non dá unha solución e que segue sendo un agravio. Resposta do DXFP: “Xa se verán no seu momento”.
CIG denuncia que xa tivo coñecemento deses cambios dende hai días e pide explicacións e denuncia falta de negociación real e que este é un exemplo máis do oscurantismo das negociacións paralelas que manteñen Xunta, CCOO e UGT. Resposta do DXFP: “Mi despacho suele quedar abierto y esposible que alguien entrara y se hiciera con el documento”.

CIG e CSIF en contra, CCOO e UGT a favor.

Proceso selectivo A2, escala técnica de estatística

CIG, CCOO, CSIF e UGT en contra.

Proceso selectivo A1, escala de letrados/as

Tratándose dunha oposición pura e dura, CIG pregunta pola razóns de mudar a data de realización do primeiro exercicio de 10 a 4 meses posteriores á data de publicación da convocatoria no DOG. O director di que a última oposición xa rematou hai un ano, que o dos 10 meses foi un erro no seu momento e que resposta a unha petición expresa da Asesoría Xurídica Xeral.

CIG e CCOO en contra, CSIF a favor e UGT abstención.


Mesa Xeral Extraordinaria de Empregados Públicos

Proposta decreto Oferta de Emprego 2019

As alegacións da CIG van no senso das da OEP 2018.

Con respecto aos datos referidos á tasa de reposición, o director informa de 282 xubilacións de persoal laboral, 219 de persoal funcionario, 38 falecementos, 47 excedencias sen reserva de praza, que suman 586 prazas menos 43 reingresos dá o total de 543 prazas de acceso libre. 

Retiran o da PI separada para o acceso á Escala de Axentes de Inspección na especialidade de vixiancia de estradas e enviarán unha proposta para modificar o acordo de legoeiros.

Se no acceso libre (anexo I) hai prazas de corpos e grupos que coincidan con prazas dos anexos II e III, os procesos serían por concurso-oposición, de non ser así, serían por oposición. Di o director que en dúas ou, como moito tres escalas, o proceso selectivo sería oposición.

No anexo II salvo erro están incluídas o 100 % das prazas de funcionarios e de persoal laboral.

No anexo III (consolidación indefinidos non fixos por sentenza xudicial) en teoría están incorporadas todas as prazas creadas en RPT ou pendentes de creación.
CIG esixe dispor dun buzón de postos de postos de todos os  postos. Denunciamos que, por exemplo, na escala de arquivos non figuran todos.

Funcionarización (anexo V):
Están incluídas todas as escalas non só de Política Social, tamén as do resto de consellerías. Quedarían por incluír as prazas de auxiliares coidadores/as pendentes de crear a escala (171 prazas).
Pretenden acumular procesos de distintas OEP. A funcionarización será no grupo equivalente de persoal funcionario, coa salvedade do recollido nos acordos de bombeiros forestais (grupo V a C2) e de legoeiros (grupo IV a C1). Comentan que pola normativa educativa algunha escala ten que ser do grupo B. Ao longo de abril queren pechar a negociación do decreto de funcionarización. Pretenden ir ao máximo de funcionarización do persoal laboral. Contemplan crear algunha escala máis. Manifesta o director que se están a rexir polo disposto na lexislación básica do EBEP e na LEPG. Di que practicamente o 100 % do persoal laboral fixo cumpre o disposto nesa lexislación.
As 577 prazas de funcionarización da OEP 2018 mais as 11 prazas de admón. Xeral da funcionarización desta OEP 2019 virán a negociación coas OOSS no mes de abril.
Unha vez funcionarizado o persoal laboral fixo, o persoal laboral temporal pasará a funcionario interino, tal e como contempla a Lei de Medidas do 2017.


Promoción interna: Descontento e desconcerto total. Deberían meter máis prazas. Está por ver se o persoal laboral fixo se pode funcionarizar na categoría que adquira por PI e que pasará se non colle a praza obtida.


SPDCIF: di o director que con esta OEP e coas anteriores están contempladas todas as prazas de 12 meses do SPDCIF. Apunta que non sacaron ningunha praza de xefe de brigada porque están pendentes de saber como vai quedar o número de brigadas no conxunto do servizo.

Inspectores consumo: valorarán a posibilidade de sacar un PI separada.


Proposta decreto Oferta de Emprego 2019 persoal sanitario funcionario da Lei 17/1989, do 23 de outubro

CIG pregunta de onde saen estas prazas e pola promoción interna. Di FP que son prazas da taxa de reposición ordinaria e que darán os datos na CP do mércores 27, e que a PI negociarase cando as convocatorias.


Rogos e preguntas


  • Carreira Profesional: están a facer xestións coa Intervención Xeral e co CIXTEC para pechar as nóminas máis tarde e que así se poida cobrar xa na nómina de abril. Publicarana no DOG o venres ou o luns.
  • Batería de preguntas de funcionarización: publicarán parte nesta semana e o resto na que vén.
  • Convocatorias estatísticos A1-A2 e letrados/as A1: publicaranse na vindeira semana.
  • Procesos selectivos: en abril-maio virán a negociación varias convocatorias de prazas de Servizos Sociais, veterinarios, administrativos C1 e auxiliares de clínica.
  • Concurso de traslados de admón. Xeral: o mércores podería avanzar a data deste concurso e da negociación das bases.
  • Concurso de gardacostas: pendente de publicar as bases.
  • OEP extraordinaria: contemplan aprobar unha no segundo trimestre coas prazas do Consorcio (unha vez aprobada a RPT), coas prazas do acordo de legoeiros e con máis prazas a funcionarizar.
  • Seaga: pregúntase se é certo que vai seguir facendo extinción este ano. FP non ten unha resposta.
  • RPT Medio Rural: contan pechala en abril.
  • Publicación da modificación do decreto de listas: Continúa pendente do informe da Asesoría Xurídica para remitir ao Consello Consultivo.
  • Comisións seguimento acordo técnicos SPDCIF, veterinarios e axentes ambientais: unha vez rematadas todas as negociacións abertas.
  • Habilitación da bolsa de horas por conciliación: non o contemplan a corto plazo.
  • Ruxe ruxe eliminación dos comedores escolares de menos de 250 comensais: non hai resposta.
  • Aplicación V Convenio persoal Fundación Cidade da Cultura: tería que negociarse.
  • Carreira profesional Consorcio: non teñen dereito porque non están integrados na Xunta.
  • Proceso selectivo Subinspección Urbanística: primeiro exame antes de agosto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario