luns, 11 de marzo de 2019

A desaparición do Fondo de Acción Social: vamos a polo noveno recorte

A proposta de criterios de reparto do FAS 2018 presentada pola Dirección Xeral de Función Pública é a novena repetición do que foi a práctica desarticulación do FAS no ano 2011. Naquela convocatoria a Xunta golpeou ao persoal da administración autonómica co recorte de 7.136.392 €, liquidando o Fondo e limitando as axudas a unha única modalidade, a de atención a persoas con discapacidade. Desde aquel ano o persoal da Xunta leva perdidos máis de 57 millóns de euros de masa salarial.

En ningún destes oito últimos exercicios orzamentarios amosou a Xunta a máis mínima intención de reverter eses brutais recortes nos dereitos sociais do persoal. Tampouco se aproveitou ese caixón de xastre no que converteron o acordo de “concertación social” para, non xa presentar un plan de recuperación dese montante que formaba parte da nosa masa salarial, senón nin sequera para restabelecelo neste ano 2019.
 

A posición da CIG ao respecto da proposta da Xunta para este ano non pode, por tanto, diferir nada da que veu amosando desde o ano 2012, cando se negociou o FAS do 2011. As achegas que desde a CIG facemos ao documento presentado inciden, por tanto, nas que vimos defendendo nestes últimos anos:
  • Dotar o Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza co 1% da masa salarial.
  • Recuperar todas as axudas do Fondo de Acción Social que tiñamos antes da crise e aumentalas progresivamente.
  • Compatibilizar as axudas do Fondo de Acción Social que se reciban por parte dos e das empregadas públicas da Xunta con outras que poidan percibir como cidadán e cidadás beneficiarias.
  • Respectar a distribución segundo o nivel de renda das familias, tendo en conta que para a liña de axuda de atención de persoas con discapacidade queremos que se respecte a axuda mínima (1.020) e máxima (2.160) e incrementar as intermedias ata esgotar o créditototal desta axuda, tal e como se propón no texto para a modificación da Base Específica 1.2.
  • Inclusión no FAS da Xunta de Galiza dos beneficios ou axudas que existen noutras administracións ou mutualidades como MUFACE.
  • A solicitude de informes perante a Seguridade Social ou outro organismo para a xustificación da percepción das axudas do FAS debe facela directamente a Xunta de Galiza co permiso da persoa solicitante.
  • A resolución e aboamento do Fondo de Acción Social debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
Nestes últimos anos presentamos unha proposta que non se tivo en conta por parte da Xunta, coa intención de mellorar as exiguas contías, mesmo dentro do límites fixados pola Administración. Desde a CIG entendemos que hai unha posíbel mellora na redacción do texto que suporía incrementar as axudas no caso de que os fondos adicados a esta partida, na súa contía global, fosen abondo para evitar os baixos importes a que se ten dereito. Tendo en conta o límite da axuda máxima fixado en 2.160€ (180€/mes), facemos a seguinte proposta, para incluír despois do parágrafo que vai a continuación do cadro co baremo.

Norma específica 1.2.
No caso de que o orzamento establecido para esta axuda fose abondo para incrementar os importes que sinala a anterior táboa do baremo, sempre co límite da percepción máxima de 2.160€ (180€/mes), procederase a incrementar os importes dos diferentes niveis do baremo, seguindo a orde da escala de rendas familiares per cápita e do grao de discapacidade, desde o nivel inmediatamente inferior ao que dá acceso á axuda máxima até chegar ao nivel de ingresos máis altos das rendas familiares. En todo caso respectarase o importe mínimo de 1.020 euros.

Entendemos que esta redacción, ou outra similar, permitiría que toda a partida disposta para este fin puidese realmente repartirse e facelo respectando o principio do reparto por niveis de renda, evitando deste xeito que a xa de por si exigua axuda puidese quedar sen repartir na súa totalidade.

Obviamente esta posíbel mellora no texto non variaría a posición negativa da CIG ao texto presentado pola Administración, polo motivos xa expresados neste mesmo escrito e que reiteran o noso posicionamento deste últimos anos, logo da drástica redución dos fondos destinados á Acción Social do persoal empregado da Xunta de Galiza.

Finalmente, a resposta da CIG á proposta remitida pola Dirección Xeral de Función Pública, caso de non se ter en conta as nosas achegas e se manteren os brutais recortes destes últimos anos é, obviamente, dun total rexeitamento, o que implica que a CIG non vai apoiar a proposta da Xunta e anunciamos o noso voto negativo se non se negocia unha recuperación do que nos foi recortado no FAS e a recuperación completa desas axudas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario