Igual que bloquearon a posta en marcha do grao II hai dous anos
Despois de termos unha xuntanza sobre os novos borradores de carreira profesional (cos eufemismos de chamarlle “carreira administrativa” para o persoal funcionario e “complemento de desempeño do posto” para o persoal laboral) todos se congratulan de que se pon en marcha unha carreira e que é universal. Recoñecen entón que a outra non o era?
O que pretenden con este novo modelo de carreira é AFORRARLLE Á XUNTA TER QUE PAGAR entre 1 e 3 anos ás persoas empregadas públicas, en concreto:
• 1 ano do grao II ás persoas funcionarias de carreira dos subgrupos C1, C2, AP e laborais fixos dos grupos III, IV e V.
• 3 anos do grao I ás persoas funcionarias interinas e laborais temporais de todos os subgrupos.
Para tratar de disfrazar o seu recorte de dereitos e que perderon todas as sentenzas tratan de contarnos trolas para xustificar o ben que o fixeron, “parón xudicial”, “anulación”, ou ben confesar sen pudor na exposición de motivos do novo acordo que se confundiron, que o que acordaron non era o desenvolvemento da carreira profesional recollida no EBEP e na LEPG, senón unha “carreira administrativa”.
Por que non cobramos o grao II da carreira?
Segundo os seus panfletos “polo parón xudicial”. A realidade é porque Función Pública, coa complicidade de CCOO e UGT NON QUIXERON poñer en marcha a orde que regula o grao II, pois NON HABÍA NADA QUE LLO IMPEDIRA.
O grao II tiña que poñerse en marcha no segundo semestre de 2020 e ter efectos do 1 de xaneiro de 2021 para os subgrupos AP, C2 e C1 e do 1 de xaneiro do 2022 para o A1 e A2.
Por que non o puxeron en marcha? Segundo eles porque a CIG presentou unha demanda, algo que non cola, cando todo o mundo nunha Administración Pública sabe que UNHA DEMANDA NON INTERROMPE UN PROCEDEMENTO. En todo caso, as primeiras sentenzas foron moitos meses despois da data prevista para convocar o grao II.
Os novos borradores de carreira fan que sexa universal, din Función Pública, CCOO e UGT.
Segundo isto, se hai que facer un novo acordo de carreira que sexa universal iso significa que a de antes, asinada por CCOO e UGT NON O ERA. Ainda así, seguen a excluir ao persoal laboral que non quere funcionarizarse.
Hai que facer novos acordos porque “a CIG anulou a carreira”
FALSO, o que anulou o TSXG, e non a CIG, foi o acordo de concertación por discriminatorio e no fallo da sentenza do grao I se di literalmente “recoñecer o dereito destes colectivos a participar no procedemento de recoñecemento do grao I .”
Calquera pode entender que si este fallo recoñece o dereito a participar no procedemento do grao I, non pode ao mesmo tempo anular o procedemento e negar o grao I ao persoal funcionario. E calquera pode entender que o sentido do fallo é incluír a todo o persoal no sistema de carreira porque OBRIGA a que eses colectivos poidan participar.
Isto significa, e na práctica o vemos porque o estamos cobrando, que a sentenza non obriga a suspender absolutamente nada, senón a INCLUÍR. Por iso AS PERSOAS FUNCIONARIAS DE CARREIRA SEGUEN A COBRALO.
E a PREGUNTA DO MILLÓN: Se agora se pode incluír a todo o mundo, POR QUE ANTES NON SE PODÍA e por que nos fixeron perder todo este tempo?
A resposta é moi doada, PORQUE A CIG TIVO TRES SENTENZAS A FAVOR NO TSXG, contra o acordo de concertación, contra a orde que regula o grao I e contra a orde de confección de nóminas. E todas no sentido inclusivo.
Por iso, nos parece ben que se inclúa a CASE todo o persoal, a pesar de Función Pública, CCOO e UGT.
Seguiremos negociando para que cumpran e executen as sentenzas, pero non imos asinar un acordo:
- Que non recoñeza o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar, é máis cunha sentenza gañada contra a Orde de confección de nóminas que anula as disposicións que obrigan a funcionarizarse para cobrar a carreira.
- Que non recoñeza que o grao II do persoal dos subgrupos C1, C2 e AP comece no 2021 e que non reduza a 2 os anos para igualar o grao II dos subgrupos A1 e A2 aos prazos do resto dos subgrupos.
- Que non recoñeza os efectos retroactivos ao persoal que se lle negou o dereito á carreira.
- Que non estableza un novo prazo para o acceso ao grao extraordinario para aquelas persoas que agora cumpran os requisitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario