Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 20 de agosto de 2015

Nova medida anunciada polo Goberno para reconciliarse coas empregadas públicas e outras medidas non tan novas

Na presentación exprés dos Orzamentos 2016 no Congreso, o Secretario de Estado para as Administracións Públicas, o Sr. Beteta, o do "cafelito", puxo enriba da mesa as distintas medidas contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos do Estado para as empregadas e empregados públicos e que di "se negociaron coas centrais sindicais". 

Ademais das xa coñecidas, desvela agora o recoñecemento dun permiso pagado a empregadas públicas embarazadas a partir da semana 37. Toda medida que mellore os dereitos das traballadoras é positivo mais de xeito neto é unha medida realmente cativa, ben porque é algo que recollen boa parte de convenios colectivos xa que a partir desta semana o embarazo chega a término e podemos dar a luz en calquera momento, ademais de que é a parte máis complicada onde moitas mulleres xa estamos de baixa porque as molestias impiden poder desenvolver o noso traballo con normalidade, mesmo o puramente administrativo, situación que xa está excluída actualmente do desconto da nómina por "incapacidade laboral derivada da situación de embarazo".

O Sr. Beteta aproveitou para presumir dos datos macroeconómicos, afirmando que sen os recortes feitos non "teríamos saído da crise" (entendemos que se refire a da banca, non a da xente do común). A partir de aquí resaltou unha por unha as diferentes medidas que o Goberno nega que sexan populistas ou electoralistas, por suposto:

Modificación do EBEP e do Estatuto dos traballadores en materia de permisos

A entrada en vigor da Lei 26/2015, de 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia modificou o EBEP e o Estatuto dos Traballadores en canto ao permiso retribuido para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto. Amplíase este persmiso tamén aos casos de adopción, acollemento ou garda con fins de adopción, para asistir ás reunións e sesións informativas e preparatorias necesarias.

Así pois, modifícase a letra e) do artigo 48 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, que queda redactado como segue:

Permisos dos empregados públicos:
(...)
e) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polas funcionarias embarazadas e, nos casos de adopción ou acollemento, ou garda con fins de adopción, para a asistencia ás preceptivas sesións de información e preparación e para a realización dos preceptivos informes psicolóxicos e sociais previos á declaración de idoneidade, que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

mércores, 19 de agosto de 2015

Unha lei de participación cidadá coa que cubrir o expediente e tapar a corrupción

O DOG do 19 de agosto publica a nova Lei de participación cidadá. Esta é o 5ª dos textos legais que Feijóo anunciara a comezos de ano para combater a corrupción e "impulsar a democracia"; concretamente a raíz de saír á luz pública a Operación Zeta onde o seu nome comezaba a soar demasiado, a través do presunto conseguidor e amigo Pachi Lucas.

Unha batería de leis oportunistas que resultan unha operación de distración e maquillaxe coa que apuntarse ao carro dos tempos de "renovación" que nos queren facer crer que están correndo. A realidade é que está lei non avanza na participación cidadá real; reduce o número de sinaturas para unha proposición de lei si (e para as de non de lei tamén) pero ao final para debatela na cámara ou non (só para iso, non para facer un referendum popular nin nada polo estilo) ten que contar co apoio dun grupo político, algo que xa viña sucedendo.

xoves, 13 de agosto de 2015

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios Celga nas EOIs

No DOG do 13 de agosto publícase a convocatoria da Consellaría de Educación, con carácter gratuíto, dos cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga), que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas do país.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 14 de agosto ata o 11 de setembro de 2015, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 14 de decembro de 2015 ata o 4 de xaneiro de 2016, para os cursos do segundo cuadrimestre. 

xoves, 6 de agosto de 2015

Publícase a nova instrución para a aplicación dos complementos de incapacidade temporal

Desde o 5 de agosto están publicadas na páxina web de Función Pública as novas instrucións de desconto na nómina por baixa médica. Accede ás novas instrucións


O que nos venderon como unha medida temporal acabaron implantándoo na Lei de Emprego Público de xeito definitivo: pagar por enfermar. Se desconfían que pode haber baixas mal concedidas, que melloren o funcionamento da inspección médica. Por outro lado, estas instrucións deixan fóra cuestións de pura lóxica como que ir a traballar con enfermidades contaxiosas é un risco para a cidadanía e o resto de compañeir@s.

Noutras Administracións, e con peores datos de déficit deixaban fóra cuestións como as anteriores ou as que impedían a mobilidade, aínda que non implicases hospitalización ou cirurxía. Se queren aforrar, que busquen outras moitas partidas. Queremos o complemento por incapacidade temporal ata o 100% das retribucións en todos os casos.

Últimas novas da Función Pública e materias pendentes para setembro

Nestes últimos días antes do parón de agosto foron quedando pechadas varias cuestións (instrucións de adaptación á nova lei de emprego público dos permisos e máis dos descontos por baixa médica, varias RPTs...). Recompilamos algunhas cuestións de interese xeral como os concursos de traslados, os procesos selectivos ou listas de substitución, das que na maoría anuncian movementos en setembro.

Concurso de traslados
Persoal funcionario corpos xerais: en setembro esta prevista a lista de persoas admitidas e excluídas. Recordamos que para corpos especiais viñan avanzando previamente que para setembro-outubro comezarían a negociar as bases dun novo concurso. Dos concursos permanentes prometidos nada de nada.

Persoal laboral: Función Pública supedíatabao á negociación de refundición/supresión de categorías pero non volveu a convocar desde maio. Din que en setembro retoman o das categorías e van considerar que a negociación coas bases do concurso vaia en paralelo.

Cales dos acordos da "recuperación económica" do persoal público que se decidan en Madrid atravesarán o Padornelo?

Trala reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas en Madrid coñecíamos o "programa electoral" de Rajoy para as traballadoras e traballadores públicos que como bo programa non vale para moito; estas propostas de "recuperación económica" terían que concluír nun acordo con data límite 15 de outubro.

En calquera caso, estas son unhas medidas que se entenden no ámbito do estado español, das que teñen carácter básico se nos aplicarán e as que non, pois depende, como sempre do equilibrio en canto as cuestións do déficit e do interese eleitoral. Agora ben, aínda que chegara a concluír nun acordo, todas e todos nós temos en mente diveras promesas do Goberno de Madrid, e do galego, sobre o que non ía facer e logo fixeron ou do que ían facer e logo non fixeron. No Estado unha vez pasadas as eleccións de novembro, pode pasar de todo. En Galiza temos eleccións no 2016.