Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 20 de agosto de 2015

Nova medida anunciada polo Goberno para reconciliarse coas empregadas públicas e outras medidas non tan novas

Na presentación exprés dos Orzamentos 2016 no Congreso, o Secretario de Estado para as Administracións Públicas, o Sr. Beteta, o do "cafelito", puxo enriba da mesa as distintas medidas contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos do Estado para as empregadas e empregados públicos e que di "se negociaron coas centrais sindicais". 

Ademais das xa coñecidas, desvela agora o recoñecemento dun permiso pagado a empregadas públicas embarazadas a partir da semana 37. Toda medida que mellore os dereitos das traballadoras é positivo mais de xeito neto é unha medida realmente cativa, ben porque é algo que recollen boa parte de convenios colectivos xa que a partir desta semana o embarazo chega a término e podemos dar a luz en calquera momento, ademais de que é a parte máis complicada onde moitas mulleres xa estamos de baixa porque as molestias impiden poder desenvolver o noso traballo con normalidade, mesmo o puramente administrativo, situación que xa está excluída actualmente do desconto da nómina por "incapacidade laboral derivada da situación de embarazo".

O Sr. Beteta aproveitou para presumir dos datos macroeconómicos, afirmando que sen os recortes feitos non "teríamos saído da crise" (entendemos que se refire a da banca, non a da xente do común). A partir de aquí resaltou unha por unha as diferentes medidas que o Goberno nega que sexan populistas ou electoralistas, por suposto:

  • Recuperar o 1% do poder adquisitivo en 2016 (tras perdermos na Xunta de Galiza o 30% en 5 anos)
  • Reintegro da paga extra de Nadal de 2012: un 25%  antes das eleccións e o outro 50% para o ano (se a Troika lle deixa, claro).
  • Recuperación dun día moscoso (ata un total de 6) e de 3 canosos (ao cumprir os 8, 10 e 12 trienios); endurécese a situación respecto da que había antes ao limitar o máximo dos canosos e ser o primeiro aos 8 trienios e nons aos 6. E os días de vacacións adicionais por antigüidade?

A Xunta ten bastante que dicir e, ademais de que van ir ao máximo na taxa de reposición e na devolución da extra de nadal de 2012, quizáis decida emprender algunha acción adicional no 2016 dado que é ano eleitoral con relación a algún dos seguintes temas:
  • O complemento específico das pagas extras. Non só volvelo a cobrar enteiro ou en partes, senón os efectivamente deixados de percibir desde 2013, por non falar da parte devengada deste complemento na paga de xuño de 2013, coa que nos están obrigando a ir á Xustiza aínda que saben que temos a lei do noso lado.
  • Aínda faltan 3 moscosos para recuperar o status quo dos 9 anteriores á lei temporal de medidas. Recordamos que Feijóo mentiu e o que nos decía no 2012 que ía ser temporal, consolidouno no 2015 coa lei de emprego público ao deixar o número de moscosos no mínimo que establece o EBEP. Tamén consolidou os descontos no salario por incapacidade temporal
  • Recuperación dos artigos suspendidos do V Convenio Colectivo, entre eles o 19 que regulamenta o dereito ao descanso en domingos e festivos para o persoal que traballa a quendas.
  • Recuperación dos 5.000 postos públicos da Administraicón autonómica perdidos desde o 2010.

Por certo, os grandes medios, nin punto de vista crítico ou contrastar a información, simplemente "corta e pega" da nota de prensa do gabinete.

1 comentario:

  1. Moi bo artigo tanto no fondo como na documentación aportada, espero que para o ano que ven 2016, ano alectoral na xunta de Galiza, e con un pouco de sorte e que a troika mire para outro lado e non so para o cumplimento estricto do déficit, os traballadores públicos da Xunta de Galiza recuperen algo do perdido nestes últimos anos escuros para a función publica Galega. Saúdos Fulgencio.

    ResponderEliminar