Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 19 de agosto de 2015

Unha lei de participación cidadá coa que cubrir o expediente e tapar a corrupción

O DOG do 19 de agosto publica a nova Lei de participación cidadá. Esta é o 5ª dos textos legais que Feijóo anunciara a comezos de ano para combater a corrupción e "impulsar a democracia"; concretamente a raíz de saír á luz pública a Operación Zeta onde o seu nome comezaba a soar demasiado, a través do presunto conseguidor e amigo Pachi Lucas.

Unha batería de leis oportunistas que resultan unha operación de distración e maquillaxe coa que apuntarse ao carro dos tempos de "renovación" que nos queren facer crer que están correndo. A realidade é que está lei non avanza na participación cidadá real; reduce o número de sinaturas para unha proposición de lei si (e para as de non de lei tamén) pero ao final para debatela na cámara ou non (só para iso, non para facer un referendum popular nin nada polo estilo) ten que contar co apoio dun grupo político, algo que xa viña sucedendo.

Por suposto, faltaría máis, recolle o dereito a preguntarlle o que queiramos á Xunta (que xa nos responderá se lle da a gana) e propoñer o que queiramos ao Parlamento (que nos fará algo máis de caso que a Xunta por iso de que hai varios partidos, pero tampouco convén facerse moitas ilusións da súa efectividade dado o xogo de maiorías). En fin, esto non é participación cidadá, esto é un pseudo dereito de petición.

Esta nova lei únese ás anteriores de transparencia, do Consello de Contas, de financiamento de partidos políticos e de asistencia letrada ao persoal da Administración, coas que a bo seguro se vai acabar coa corrupción, os demanes e o caciquismo da clase dominante no noso país...

Ningún comentario:

Publicar un comentario