Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 6 de agosto de 2015

Cales dos acordos da "recuperación económica" do persoal público que se decidan en Madrid atravesarán o Padornelo?

Trala reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas en Madrid coñecíamos o "programa electoral" de Rajoy para as traballadoras e traballadores públicos que como bo programa non vale para moito; estas propostas de "recuperación económica" terían que concluír nun acordo con data límite 15 de outubro.

En calquera caso, estas son unhas medidas que se entenden no ámbito do estado español, das que teñen carácter básico se nos aplicarán e as que non, pois depende, como sempre do equilibrio en canto as cuestións do déficit e do interese eleitoral. Agora ben, aínda que chegara a concluír nun acordo, todas e todos nós temos en mente diveras promesas do Goberno de Madrid, e do galego, sobre o que non ía facer e logo fixeron ou do que ían facer e logo non fixeron. No Estado unha vez pasadas as eleccións de novembro, pode pasar de todo. En Galiza temos eleccións no 2016.

Incremento do 1% nas retribucións públicas
Haberá que ver como conclúe o acordo e que pasa finalmente no 2016 porque xa temos experiencia de "marchas atrás" mesmo estando nos Orzamentos. Aínda así, hai que ter en conta que este é un incremento que sairía do Estado polo que afectaría ás nóminas do persoal público do Estado e aquí de refilón nas retribucións básicas do persoal funcionario (e adaptación que fagan para persoal laboral) pero non aos complementos salariais que son de competencia de cada Administración.

Hai que ter en conta que 2016 é o ano teórico en que comezaríamos a cobrar 1/3 de complemento específico (ou equivalente para persoal laboral) coas pagas extras, co que o Goberno galego a bo seguro se amarrará a esta suba para non tocar os complementos, ou tocará os complementos o 1% e non fará esta recuperación do específico, segundo o que menos lle coste. O do 1/3 recordamos que é teórico, xa que o único que hai é un fondo retributivo que se irá enchendo con achegas de cada lei de orzamentos en función, coma sempre, de cuestións políticas.

Restitución da extra do 2012
A Administración Xeral do Estado determina que as CCAA que cumprarn o déficit poden seguir os seus pasos: devolver o 25% en outubro deste ano e 50% no 2016 (Galiza podería). Recordamos que os últimos plans da Xunta para o seu persoal eran 50% en 2016 (que hai eleccións) e 25% en 2017. En fin, que queda ao arbitrio de cada comunidade. De momento, na Mesa do 31 de xullo, o director xeral da Función Pública non adiantou nada do que van facer.

ACTUALIZACIÓN: Tralo Consello da Xunta do 6 de agosto anunciouse que a partir de setembro inciarase a tramitación legal para devolver, antes de final  deste ano, outro 25% da paga extra do 2012. Ver referencia do Consello.

Taxa de reposición
Aquí si que din que van ir ao máximo do que lles permite o Estado e se notará na vindeira OEP da Xunta: 100% en sectores políticos estratéxicos (Sanidade, Educación,  Extinción de incendios, servizos sociais...) e 50% no resto. Curiosamente ten as mesmas dependencias que o anterior (dispoñibilidade orzamentaria e obxectivos de déficit) pero neste tema o director de Función Pública si que se molla.

Recuperación do 6º moscoso e ata un máximo de 3 canosos
Ao tratarse dunha modificación vía EBEP, non lles queda máis que asumilo cando suceda. E ben, como aquí non hai un impacto económico reseñable, dado que non se cubren estes días, pois non cremos que haia maior problema. En calquera caso está recuperación aínda dista moito de chegar ao nivel dos dereitos que tiñamos en 2012 e recordamos que os moscosos non son un privilexio senón unha contrapartida que se deu a cambio de perdas de poder adquisitivo. Recordemos a orixe dos mosocos.

Mobilidade interadministrativa, xornada de verán...
Nese acordo que se está cocendo para o 15 de outubro pode ir algo con respecto á mobilidade interadministrativa de empregadas públicas vítimas de violencia de xénero e máis da ampliación do horario de verán de 1 de xullo a 30 de setembro. Esto último requeriría unha traslación posterior á normativa propia de xornada laboral na Xunta, da que de momento, e ata que se finiquite o acordo, tampouco se pronuncian.

Ningún comentario:

Publicar un comentario