Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 27 de novembro de 2014

La Voz de Galicia fusionarase co DOG

Artigo e imaxe de Tempos Galegos, reproducido coa súa autorización

A nova cabeceira de Santiago Rey será aínda máis oficialista

La voz de Galicia destaca por ser o medio de comunicación máis subvencionado do estado. Cada vez que saen axudas aos medios o xornal coruñés ocupa o primeiro posto no ranking de cantidades dadas a dedo polo executivo de Alberto Núñez Feijoo. Ademais diso, o xornal da Coruña encárgase da maquetación e edición do Diario Oficial de Galicia, traballo polo que tamén recibe un bo pellizco da Xunta de Galicia.

Todo o anterior fixo reflexionar ao executivo galego e ao consello de administración do grupo editorial que anunciarán, nos próximos días, a fusión do DOG e da Voz de Galicia nunha única cabeceira.

O público recibe esta fusión con alegría. O noso medio preguntou a varios lectores a súa opinión sobre a fusión. “Así xa non nos levamos a engano”, comenta un acérrimo lector. Fefa, coruñesa de María Pita, comenta “Tengo miedo, el DOG se edita también en gallego. Solo faltaba que, co nesto, la Voz tuviera alguna palabra en el dialecto ese”.

Xornalistas do medio indicaron que “Éche o que hai! Xa eramos a voz oficiosa de Feijoo, agora seremos tamén a voz oficial”.

A saúde do persoal dos Servizos Centrais impórtalle a Xunta un cogombro

Na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral a Administración dinos a Administración que nos Servizos Centrais está todo fetén. Na realidade hai un protocolo fronte ao acoso sexual sen desenvolver, avaliacións de riscos psicosociais sen facer, vemos cachotes de fachada que se desprenden, humidades, corredores tapados con arquivadores ou carros da limpeza, saídas de emerxencia non sinalizadas...

Resumo do acontecido no Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia de data 25/11/2014:

Punto 1. Medidas correctoras feitas polas distintas consellarías onde se fixeron recentemente avaliacións de riscos.

Consellería de Cultura e Educación (edificio San Caetano)
Educación di que se amañou todo o que estaba pendente por facer segundo a avaliación e cita especificamente: o cableado que estaba polo chan, o envío da documentación que estaba no corredor ao arquivo e a reparación das luminarias onde faltaban ou tiñan menos luz da que establece a normativa.

Candidatura da CIG ao Comité de Empresa SSCC

O vindeiro día 4 de decembro, o persoal laboral dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza ten a oportunidade de exercer o seu dereito ao voto nas eleccións sindicais.

Agora toca decidir, que Comité de Empresa queres? Un comité que actúe como tal ou un comité que ante calquera problema che propoña que vaias ti a amañar os teus asuntos.

A CIG entende que un comité debe ser a canle das reivindicacións e da defensa dos traballadores e non pode estar integrado por delegados e delegadas que o ven todo "complicado" e que poñen peros a calquera cousa, senón por compañeiros e compañeiras que afrontan os retos e cren que calquera cousa é posible se hai vontade e unidade.

A candidatura que presenta a CIG está conformada, logo dun proceso democrático interno, por unha proposta plural que representa, toda unida, un sindicalismo de clase e combativo, que loita pola defensa dos dereitos dos empregados e empregadas públicas e por uns Servizos Públicos Galegos e de Calidade e con clara vocación de servizo á cidadanía.

mércores, 26 de novembro de 2014

Un corrupto dando leccións de corrupción na EGAP

A EGAP (Escola Galega de Administración Pública) está sembrada: a semana pasada organizando un curso de TRANSPARENCIA e esta semana un curso de CORRUPCIÓN E ÉTICA PÚBLICA nas Administracións, claro. Pois non van e traen como ponente deste curso a unha persoa condenada por corrupción? Como di o refrán "en casa do ferreiro, coitelo de pau" xa que a Xunta non está precisamente para dar leccións nin clases maxistrais de transparencia nin de ética pública.

Ben, pois un dos ponentes do curso vai ser José Luis Barreiro Rivas. Esta persoa, colaboradora habitual do Grupo Voz, fora alto cargo nos anos oitenta e tivera que abandonar o Goberno galego condenado polo Tribunal Supremo a 6 anos de inhabilitación especial por prevaricación nun caso de corrupción moi sonado con relación á lotaría autonómica. Que fráxil é a memoria.

Convocatorias dos concursos de traslados máis próximas?

Informou o director xeral da Función Pública na Mesa Xeral do 21 de novembro que convocaría aos sindicatos a unha reunión sobre: concurso de persoal laboral,  modificación de categorías laborais do V Convenio e concurso de Administración xeral. A xuntanza será antes do 10 de decembro. 

Desde o 1 de abril houbo na Xunta un total de 809 resolucións de comisións de servizo e 308 resolucións de prórroga. Dos datos de resolucións inciciais, un total de 362 foron para postos en Compostela e desas 809 resolucións, 88 foron para niveles 28 e 30. Dos datos de prórrogas, un total de 147 foron para postos en Compostela e 90 destes 362 postos foron niveles 28 e 30.

Ben é certo que neses datos de comisións están todos os postos de persoal funcionario (incluído escalas e Administración especial) se ben a gran maioría son de Administración xeral. Está demostrado, tamén con datos, que despois da resolución de calquera concurso, dispáranse as comisións de servizo, pero é que ademais esto vaise sostendo no tempo a base de renovacións e comisións encadeadas, que chegan mesmo aos niveles 28 e 30 nos que as comisións de servizo deberan ter unha utilización residual tendo en conta o seu sitema de cobertura.

martes, 25 de novembro de 2014

Promoción interna: xa veremos

Colabora ti tamén en desatascar un pouquiño a situación e facer real o noso dereito á promoción interna:

Na Mesa Xeral do 21 de novembro destascáronse un pouquiño máis as convocatorias de promoción interna de corpos xerais. Non está mal despois de 5 anos e 3 acumulación de ofertas de emprego público.

En calquera caso, non foi demasiado xa que é máis ao que din "NON" que ao que din "SI" ou "XA VEREMOS". De momento, hai tempo para o "XA VEREMOS" xa que este mércores, 26 de novembro, hai comisión de Persoal e non vai na convocatoria nin este tema, nin tampouco a modificación da RPT de Cultura. Ou sexa, que están a mirar e seguramente cambiarán algo. O caso é o que, pero tamén o cando.

Oferta de Emprego Público como signo de recuperación económica

O titular non é noso, o titular é da Voz de Galicia, pero estamos de acordo que é o que tenta vender a Xunta. Onte anunciaban publicamente 53 prazas de Administración xeral, hoxe son 300 do Sergas e 400 de Ensino as que poñen enriba da Mesa.

Detrás destes númersos se atopa algo máis que "dispoñibilidade orzamentaria" ou mesmo "oportunidades laborais" xa de por si escasas na nosa terra. O que se esconde tras estes números é que de cada 2 profes que se xubilen, cubriran 1, de cada médico que se xubile, cubrirán 1 e así tamén co resto de postos que entendan de "necesaria cobertura".... nos que curiosamente non están os servizos sociais nin a maioría de traballos que realizamos na Administración xeral.

No que nos toca, temos que dicir que desas 53 xa nos falou o director xeral da Función Púbilca na Mesa Xeral do 21 de novembro, aínda que sen concretar: que si algunha de loita contra a fraude fiscal, que si algunha de persoal veterinario... pero sin detallar de cantas, de que parte de promoción interna, etc. É máis,  no canto de concretar o número de prazas por corpo/escala, informan que no primeiro trimestre do 2015 habería outra Oferta de Emprego Público (OPE) dentros dos límites que permite a actual taxa de resposición.