Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 27 de novembro de 2014

A saúde do persoal dos Servizos Centrais impórtalle a Xunta un cogombro

Na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral a Administración dinos a Administración que nos Servizos Centrais está todo fetén. Na realidade hai un protocolo fronte ao acoso sexual sen desenvolver, avaliacións de riscos psicosociais sen facer, vemos cachotes de fachada que se desprenden, humidades, corredores tapados con arquivadores ou carros da limpeza, saídas de emerxencia non sinalizadas...

Resumo do acontecido no Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia de data 25/11/2014:

Punto 1. Medidas correctoras feitas polas distintas consellarías onde se fixeron recentemente avaliacións de riscos.

Consellería de Cultura e Educación (edificio San Caetano)
Educación di que se amañou todo o que estaba pendente por facer segundo a avaliación e cita especificamente: o cableado que estaba polo chan, o envío da documentación que estaba no corredor ao arquivo e a reparación das luminarias onde faltaban ou tiñan menos luz da que establece a normativa.
Cultura cita os mesmos arranxos e engade que se emendaron varias cousas nos corredores de San Caetano coa colaboración da consellaría de Presidencia como son as portas e os pasamáns das escaleiras.
Consellaría de Facenda (edificio San Caetano) 
A persoa representante di que esta todo o que poñía na avaliación amañado que basicamente era o cableado e a sinalización; cando se lle pregunta por unha varanda que tiñan que pór di que están mirando isto que esta orzamentado e que a van a mercar. Nada dos arquivadores do corredor do soto.

Consellaría de Medio Rural e de Mar (edificio San Caetano)
A persoa representante non asiste a esta reunión polo que se acorda que se quede para a vindeira reunión o que se fixo con respecto a súa avaliación.

Consellaría de Presidencia (San Caetano)
A persoa representante di que se amañou todo o que estaba pendente da avaliación e que colaboraron en facer os amaños das zonas comúns, corredores, escaleiras, patios…

Dirección Xeral de Relacións Exteriores (Rúa do Hórreo) 
Acórdase que quede para seguinte sesión xa que non teñen datos dos traballos que se realizaron.

Medio Ambiente (San Lázaro) 
A persoa representante da Administración dixo que estaba todo amañado: sinalización, cableado, humidades, choiva nalgún despacho, retirada de expedientes para o arquivo.

Edificio Administravo (R/ Pastoriza)
Facenda dixo que estaba todo amañado, humidades, pingueiras, arquivos, etc. Preguntóuselle por unha varanda que había que por e di que está orzamentado pero xa veremos para o vindeiro exercicio...
Educación o principio di que non ten datos, a pesar do cal, despois di que xa esta todo amañado (¿?). Preguntáselle si se prevé o traslado do persoal de Política Lingüística e di que non sabe nada (os traballadores din que se van para San Roque) pero que pensa que non vai haber traslado porque en San Roque non hai sitio para acoller a todo o persoal e que para alí foi o centro Ramón Piñeiro e proximamente non van a ir ninguén máis.


Punto 2.  Sobre a solicitude de avaliación de riscos físicos e psicosociais dos postos de traballo dos inspectores/as de servizos sociais da Consellaría de Traballo.


Despois dunha longa discusión de quen é competente, xa que tiñamos unha resposta do Servizo de Prevención de SSCC de que non era competencia do Comité de servizos centrais, senón do Comité de Traballo e Benestar, quedou claro de que é de servizos centrais xa que é un servizo que está en San Caetano e por competencia corresponde a este comité.

Desde a parte social demandamos que se faga canto antes esta avaliación dada as condicións específicas e a situación de desgaste deste colectivo, pero tamén doutros postos e colectivos que teñan situacións que podan perxudicar  psicolóxicamente ao persoal. Que ao final da un pouco igual, pois o representante da consellaría non estaba alí para escoitarnos, polo que pedimos que se lle comunique a demanda do comité de que fagan esa avaliación canto antes. E cal é a resposta do resto de representantes da Administración? Silencio, como de case todo o que costa diñeiro e non ten efecto político ou como todo o que non queren facer pero non queren dicir por que. O que está claro é que a saúde psicolóxica das traballadores e traballadoras dos Servizos Centrais non lles importa o suficiente. Un silencio cómplice no que non vamos participar.


Punto 3.- Reiteración da necesidade de iniciar e impulsara as acción respecto das medidas de prevención e sanción do acoso sexual que obriga a Lei galega para igualdade.


É a terceira vez que se trata este tema no comité e a Administración volve dicir o mesmo: que se compromete a falar coa Secretaría Xeral de Igualdade e darlle un impulso e que cando teña un borrador nolo pasará. Despois falan do compromiso da Xunta coa erradicación da violencia machista.

As Nacións Unidas definen a violencia contra a muller como "todo acto de violencia de xénero que resulte, ou poida ter como resultado un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada".


Punto 4.- Varios

Carros da limpeza ocupando espazo nos aseos e nas zonas de paso; sobre todo en Facenda e Educación. Un clásico do punto de varios e outra vez a Administración responde con outro clásico: que toman nota e que intentarán resolver este tema.
Traballadora da consellería de Industria que se lle ten que facer un cambio de localización xa que ten problemas coas correntes de aire e co aire acondicionado. Este caso esta avaliado e ten informe favorable do servizo de prevención do mes de xullo; o representante da consellería di que están niso, e que de momento non está resolto porque teñen que facer unhas obras que non dan comezado; a mesma resposta desde setembro, non dan prazo para solucionalo.
Portas de saída de emerxencia do rexistro xeral, din que toman nota e que as revisarán.
Varias portas dos corredores de San Caetano que están moi recias, máis ben fai falla unha mula para movelas, din que toman nota.
Queixa do edificio do SERGAS en San Lázaro por unhas pletinas de aceiro que hai nas entradas e que cando teñen humidade esvarase. Tamén se dí que nos pasillos hai fotocopiadoras e mobles e que non é o lugar máis adecuado para estes, tamén toman nota disto.
Queixa a MUGRATA, empresa que fai as avaliacións, xa que as de este ano, algunhas está feitas fai mais de seis meses aínda non enviaron o informe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario