A Xunta de Persoal de Servizos centrais está a observar como cada día que pasa se está a incorporar máis xente ao traballo físico, voltando a unha situación de seminormalidade, que contradí a situación pandémica que padecemos.
Así acabamos de remitir unha carta aberta para que todas as secretarías xerais técnicas (máximo órgano competente en temas de persoal nos Servizos Centrais) adopten unha postura proactiva no tocante ao teletraballo e fomenten e aproben rapidamente actuacións directas que permitan reducir o número de persoal presencial polo menos nun 50%. Estamos a detectar un atraso importante nos informes conxuntos da Función Pública e Avaliación para as solicitudes do teletraballo.
A inacción de Función Pública neste tema fai que alguén teña que actuar; e aínda que se está a negociar (probablemente será aprobada para a semana) unha nova lexislación estatal do teletraballo, ésta é de carácter básico e esixirá negociación e adaptación normativa polo que chegará tarde para nós. Necesitamos solucións en días, non en meses; pois os contaxios se están a suceder nas consellerías e a presenza física masiva non fai máis que favorecelo.
Esperemos que para a semana haxa vontade de aprobar todos as solicitudes de teletraballo ordinario que estean enriba da mesa dos departamentos de persoal, por iso, animámovos a todo o mundo que estivo teletraballando no confinamento que solicitedes xa polo Portax o teletraballo ordinario.
Propostas de mellora no teletraballo ordinario
En calquera caso, a normativa do teletraballo ordinario actual (de 2013) precisa unhas medidas correctoras para adaptarse á nova realidade da Administración dixital, entre outras:
- reducir o tempo de permanencia no posto (ou similar demostrable) de 2 anos para poder exercer o teletraballo; este tempo debía homologarse polo exercicio do teletraballo covid destes últimos meses.
- teletraballo provisional desde o momento de ter o informe positivo do centro directivo
- ampliación das xornadas máximas semanais de realización das 3 actuais ata 5; os días máximos deben marcalos as funcións do posto (se as hai presenciais) ou as necesidades do servizo.
- posibilidade de teletraballo de cada posto recollida en RPT (isto faría innecesario o informe individual de Función Pública e Avaliación sobre a compatibilidade de cada posto para o teletraballo)
- redución do tempo máximo actual de tramitación (3 meses).
Novas instrucións e permisos no Portax
De momento, o único que fixeron foi mandar unhas novas instrución este venres aos servizos de persoal para ampliar "sine die" o "teletraballo covid polo peche de centros" e "por circustancias especiais". Non queda recollido específicamente a situación de confinamento de menores ou maiores a cargo se o centro non chega a pechar totalmente.
Aclaramos tamén que actualmente no Portax a Xunta ten outros dous modelos de teletraballo "polémicos", o teletraballo por contacto estreito con persoa diagnósticada COVID +, o que obriga a confianmento 14 días e supón baixa laboral equivalente a enfermidade laboral; iso si, a baixa é voluntaria, en función do estado de saúde, pero que saibades que tedes dereito a ela. Por outra banda, tamén teñen o "teletraballo por síntomas covid"; é dicir, non hai constancia de contacto estreito pero podes ter dor de cabeza, tos seca, malestar xeral... ou sexa, que moi para teletraballar tampouco estás, non si? Iso é un teletraballo fraudulento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario