Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 24 de setembro de 2020

Decálogo de como teletraballar na Xunta e non morrer no intento

Visto que aquí ninguén move ficha a nivel xeral no tema das solicitudes de teletraballo, imos dende a CIG Servizos Centrais darvos uns consellos de como actuar no caso de que queirades e o voso posto vos permita teletraballar:

1.- Analiza se as túas funcións poden ser desenvoltas en modo de teletraballo (a inmensa maioría dos servizos administrativos si que o son); se estiveches teletraballando con "normalidade" en conexión remota desde a casa durante os meses do confinamento a resposta é que si.

2.- Tes que dispor de medios técnicos propios no teu domicilio (ordenador, conexión internet de boa calidade, liña telefónica -pode ser móbil-). Segundo a inminente modificación do EBEP, estes medios deberán ser sufragados pola Aministración.

3.- Contacta coa persoa responsable do teu departamento para comentarlle o teu interese en solicitar o teletraballo en base o traballo previo desenvolvido durante o confinamento, á necesidade que existe nas oficinas de baixar os ratios de presencialidade e as túas potenciais condicións de conciliación; falalo primeiro que mandar a solicitude vai facilitar o informe positivo do centro de acordo cos puntos que establecen as instrucións que o regulamentan no seu apartado quinto.

4.-  Solicita o teletraballo polo Portax e cubre o test de autoavaliación e declaración de riscos laborais; solicita os máximos días semanais que se permite a normativa actual (3); que os pidas non quere dicir que chos dean (aínda que deben motivalo) pero tampouco que teñas que collelos obrigatoriamente todas as semanas. Recomendamos para axilizar, asinar a solicitude, o test e a declaración dixitalmente e envialas ao voso centro directivo a través da sede electrónica da Xunta (prodecemento PR004A). Unha vez concedido, cada semana, antes ou ben despois, deberas cubir no Portax a "xustificación: teletraballo" para compensar as 7:30 horas por día teletraballado (actualmente nas xornadas de teletraballo non se ficha pois traballas por obxectivos).

5.- O ideal co efecto de reducir a transmisión da pandemia sería facer quendas de 2 e 3 días alternando semanalmente para que como máximo haxa nas dependencias un 50% de traballadoras/es. En calquera caso tamén están as necesidades de conciliación ou as particularidades de cada posto; existen postos na Xunta nos que o teletraballo pode ser do 100% da xornada semanal ou mensual. Os días máximos semanais poden acumularse tamén mensualmente, ser continuos ou discontínuos (canto máis flexibilidade vos aseguredes no informe do centro, maior flexibilidade á hora de organizar o traballo).

6.- Fala co resto de persoal da túa unidade para que se for posible faga tamén a solicitude e poñédevos de acordo; así facedes máis presión. En calquera caso, hai que recordar, que segundo a normativa, teñen preferncia (se hai necesidade motivada de presencialidade) as solicitudes que aleguen motivos de conciliación familiar.

7.- Facédelle un seguimento ás peticións para que o informe do centro sexa evacuado o máis rápido posible (máximo 15 días hábiles) e logo que sexan o máis axiña tramitadas pola Secretaría Xeral Técnica (estas comproban se estades en servizo activo e tedes 2 anos de antigüidade no posto ou equivalente e piden informe por un lado a Riscos e polo outro conxunto a Avaliación/Función Pública). O atasco que detectamos está precisamente na emisión dos informes de Avaliación/Función Pública. O venres enviamoslle a todas unha carta aberta a todas as SXT pedindo axilidade e proactividade nas peticións, que son as que resolven. Se a compatibilidade do teletraballo en cada posto figurase en RPT este informe conxunto non sería necesario e aforraríase tempo.

8.- No caso de que a cousa se demore, tanto na vosa consellería, como no informe de Función Pública/Avaliación, ou incluso que sexan negacionistas do teletraballo; sería bo que nos informedes da problemática; así poderemos facer presion onde corresponda. Recordamos que hai máximo 3 meses para resolver desde a presentación da solicitude ao centro directivo e que o silencio é positivo. Un tempo que consideramos esaxerado pero o sistema que montaron foi en 2013 cando non pensaban que o teletraballo poidera ter a explosión que se demostrou a partir de marzo deste ano e cando o desenvolvemento da Administración dixital estaba en cueiros. Vimos reclamando que modifiquen a norma de 2013 pero a Administración escurre o vulto coma sempre.

9.- Escribidenos aos nosos correos cig.sscc@gmail.com ou cig.sancaetano@xunta.gal onde concentraremos todas as consultas sobre o teletraballo.

10.- Despois xa nos toca a nós mover ficha; (sempre respetando o anonimato) para presionar a quen non queira facer as cousas de acordo á norma e seguindo os principios que deben inspirar o funcionamento da Administración e decida xogar gratuita e arbitrariamente cos dereitos do persoal, sexan estes o da saúde, o da conciliación ou, como vai recoñecer o EBEP en breve, o do traballo a distancia.

NOTA 1: Actualmente, vía instrución, a Xunta conta cun montón de réximes de teletraballo extraordinarios derivados da COVID que poden confundirse co teletraballo ordinario do que facemos o decálogo anterior: que se teletraballo por positivo sen síntomas, que se teletraballo por síntomas compatibles, que se teletraballo por persoal sensible, que se traballo por peche de centros... de ter xa todos os postos que sexan compatibles co teletraballo o teletraballo preconcedido sería simplemente cuestión de axustar as xornadas máximas semanais en función do equilibrio entre a necesidade persoal/familiar e as necesidades do servizo (e rotacións) . 

NOTA 2: En calquera caso, como xa nos fixemos eco, estes réximes extraordinarios non cubren obxectivamente todas as necesidades, por exemplo, o caso que peche a aula do teu/túa fillo/a pero non o colexio, que non haxa comedor, madrugadores, actividades extraescolares que permitan a conciliación etc. Ademais que son réximenes que non están previstos para reducir a presencialidade e polo tanto a difusión do coronavirus senón tan só a paliar distintas necesidades particulares derivadas da pandemia, sen chegar a cubrilas todas ou, o que é pior, deixando estas ao criterio discrecional de cada centro directivo baixo o epígrafe de "necesidades especiais"

Ningún comentario:

Publicar un comentario