Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 18 de xuño de 2026

Xefaturas de sección, sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

 

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións: A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou concurso e concurso-oposición; escolas infantís: manteñen tomas de posesión o 1 de setembro e comezo de curso o 4 dese mes.

A1 - Xefaturas de sección en corpos xerais que non saíron no concurso de traslados

Pedimos que aclaren que van facer con estes postos. A DXEP confirma que non se poden incluír na listaxe de postos que van ofertar no próximo acto de elección de destinos xa que, como noutras ocasións, deben ofertarse nun vindeiro concurso de traslados. Este sería o caso das que hai no Consorcio e das xubilacións noutras consellarías.

Emprego Público chama a persoas con tomas de posesión asinadas para que elixan outro destino debido a sentenzas de destino definitivo

Trasladamos que están contactando con nós persoas que ocupan postos con tomas de posesión asinadas incluso hai 8 meses ou que participaron no actual concurso de traslados, e que as están chamando para comunicarlles que teñen que elixir outro destino, xa que o que elixiran (ou, incluso, no que levaban meses incorporadas) está afectado por unha sentenza con destino definitivo.

Dende a CIG entendemos que a única solución é duplicar prazas, pero a DXEP contesta que procederán como están procedendo. É dicir, non hai transparencia nesta xestión dunha situación que continuará sucedendo ao longo dos meses.

Criterios de actuación co persoal veterinario que superou o concurso e o concurso-oposición

O 29 de xaneiro convocáronse dous procesos selectivos de persoal veterinario, un como oposición e outro como concurso-oposición. Nun deles, aínda que non está resolto, superaron o 2º exercicio menos persoas que prazas. A falta de que finalicen, parece que vai haber persoas que aproben os dous procesos. Preguntamos como vai proceder a Xunta nestes casos. Sería conveniente que os criterios que se aplican no caso de procesos da Lei 20/2021 se apliquen aquí tamén. Así mesmo, no caso de haber persoas que decaen dun proceso por ter aprobado o outro, as prazas que fiquen vacantes deben ser cubertas por outras persoas que aprobaron os exames pero quedan sen praza. Ante esta cuestión a DXEP confirma que, efectivamente, farán como propoñemos.

Adxudicacións de postos e eleccións de destino nas escolas infantís

Debido ás datas en que nos atopamos, xa na recta final de curso das escolas infantís, queremos insistir na proposta que fixemos hai días dende a CIG, tanto á Consellaría de Política Social como a Emprego Público, en dous sentidos:

  • O destinos terían que estar adxudicados polo menos a finais de xullo, xa que a continuación terían que poder ter todo o persoal traballador os seus horarios e negociar cos comités de empresa estas carteleiras. Pensamos que é fundamental que sexa así, porque non existe outra opción para que as traballadoras e os traballadores poidan conciliar. Se pretendían dar os horarios de traballo o 1 de setembro, eliminarían a posibilidade de que as persoas traballadoras exerzan os seus dereitos a pedir unha redución de xornada ou unha flexibilización horaria.  A DXEP di que si terán os horarios a finais de xullo para poder negociar as carteleiras.
  • O inicio de curso continúa marcado para o 4 de setembro e non parece que teñan interese en mover a data, así que explicamos na mesa, de novo, o argumento dende a CIG para que teñan en conta a solicitude de por que un curso académico é imposible que inicie ben tendo que ter listo en tres días as direccións a dedo, as entrevistas individuais coas familias, a adxudicación de persoas titoras a cada aula, as xuntanzas de aula, as xuntanzas de centro, programacións, etc. Non esquezamos que o 97% do cadro de persoal vai estabilizar e moverase de escola.

Seguiremos loitando en cada mesa de negociación polos dereitos de todas e todos nós!

Ningún comentario:

Publicar un comentario