Na Comisión de Persoal de hoxe, 5 de xuño de 2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice.
Aínda que non se atenderon algunhas das nosas demandas, o fundamental, que é o saldo neto de ao redor de 170 prazas de nova creación, é para nós positivo. E tendo en conta ademais a urxencia (e isto é unha falta de previsión e deberíase ter abordado moito antes, pois xa era algo sabido), o noso voto foi a favor da modificación da RPT, ao igual que o resto das organizacións sindicais.
Ademais, na rolda de intervencións indicou a DXEP que para corpos xerais (concurso de traslados e actos de elección de destinos) as datas serán as seguintes:
- Semana do 22 ao 26 de xuño: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para recibir o código para acceder á aplicación informática, e 5 para a elección de postos.
- Semana do 13 ao 17 xullo: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo. Nesta resolución indicarán que por motivos organizativos (vacacións) o prazo de toma de posesión comezará o martes 15 de setembro (co cal os cesamentos serán o 14 de setembro). Estas datas incluiranas nesta resolución do 13 ao 17 de xullo e establecerán 15 días para incorporarse (por trámite de urxencia).
E no caso da promoción interna de 2020 as persoas que concursaron levan a peor parte, porque van ser convocadas para a elección de destino pero van ter 3 días para optar ou polo posto obtido no concurso, e renunciar a tomar posesión na promoción interna, ou por ir ao acto de elección de destino para poder promover, coa perda do posto obtido no concurso.
Todo isto refírese a 7 das 8 promocións pendentes. A promoción interna de 2023 queda fóra e non atenderon as nosas demandas de incluíla xunto coas demais nunha resolución como a de 2022 (que tamén solucionaría o suposto problema da promoción de 2020, e non xustificaron porque non adoptaron esa decisión).
Polo tanto, como o prazo posesorio para as demais promocións comeza o 15 de setembro, para promoción interna de 2023 convocarán:
- 16 de setembro: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para o código e 5 para a elección de postos.
- Entre o 1 e 7 de outubro: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario