Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 18 de abril de 2016

Amplíase a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 63 bolsas de "formación"

En menos dun mes xa van convocadas un total de 77 ofertas de traballo en precario na Xunta de Galiza.

O mellor para non ter vergonza é deixala na casa, pois alí quedou a pouca vergonza desta Administración que segue suma e segue coas convocatorias de bolsas de formación como sustitutivo de postos de traballo dignos. E así ano tras ano, publícanse convocatorias de bolsas durante 6 meses para cubrir a falta de persoal propio nos centros públicos.

Desta volta temos ofertadas un total de 63 bolsas no que é a Área de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desagregadas do seguinte xeito:
As bolsas de formación no canto de contratos de traballo ou postos no cadro de persoal está á orde do día na nosa sociedade e por desgraza tamén nas Administracións públicas e a Xunta non ía ser menos. Para o caso, non chega á denigración de ofertar traballo sen cobrar un peso pero si aos casos que a propia Comisión Europea estima que un 72% son para realizar traballo por falta de persoal propio e que as tarefas de formación son máis ben nulas. 

A clave para diferenciar unha bolsa de formación dun traballo precario é que o que fai a persoa se aproveita ou se desbota. E de novo xa temos materia para demandas laborais na Xunta e potenciais sentenzas de indefinición. 

Cómpre recordar que no eido laboral existe un modelo de contrato de formación para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior que se chama "contrato de traballo en prácticas". No eido da Función Pública e visto que se repiten as mesmas convocatorias ano tras ano tras ano, non estaría de máis crear as prazas necesarias en RPT e cubrilas consonte aos procedementos legalmente establecidos.

Logo queda a visión condescendente de que é polo seu ben, que así a mocidade colle experiencia e sacan uns cartiños para os seus gastos, que si hai traballos peor pagados, que se peor é estar na casa sen facer nada.... Porén, unha Administración pública debera dar exemplo e non potenciar o traballo precario nas súas instalacións. E non o dicimos exclusivamente pola man de obra barata, porque non teñan dereito a desemprego, porque estean traballando sen contrato ou nomeamento legal nunha administración pública que debera velar non só pola legalidade senón pola ética laboral, senón polo que levan implícitas no fondo as "bolsas de formación": a denigración da súa condición como traballadoras e traballadores.

NON MÁIS BOLSAS POR TRABALLO

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario