Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 23 de xaneiro de 2015

Novas bolsas de formación para cubrir a falta de persoal propio na Xunta

Volve a carga a Dirección Xeral de Comercio cunha nova convocatoria de 4 bolsas de "formación". Nesta dirección xeral hai un total de 17 traballadoras e traballadores públicos.

No DOG do 23 de xaneiro publícase a convocatoria de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. Actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 10.800 € anuais e súmanselle outros 500€ en concepto de cotas á seguridade social.

Non se trata dunha situación puntual, senón dunha continuidade na situación de falta de persoal propio. Esta situación non tiveron a vontade de solucionala a través da creación deses 4 postos máis que fan falta na súa relación de postos de traballo; preferiron serguir traendo "man de obra barata". Evidentemente a Xunta continúa mantendo as condicións para denunciar por cesión ilegal e fraude laboral cuxas consecuencias económicas acabará asumindo a cidadanía.

O traballo que desenvolven estas persoas bolseiras é traballo de empregado ou empregada pública en precario. De facto a súa etapa de formación soe durar días ou mesmo horas e acaban pasando polos distintos servizos botando unha man no que “faga falta” sen unha figura titora clara. Porén, esta dirección xeral segue batindo records, con relación a outros centros que tamén teñen bolsas de formación, na relación desporporcionada entre a relación de bolsas de formación (4) e o número de traballadoras e traballadores públicos (17).

A Administración debera ser a primeira en dar exemplo coa prestación duns Servizos Públicos dentro da legalidade e profesionais e deixar de aproveitarse da desesperación da nosa mocidade por encontrar traballo na nosa terra.  Só deste xeito gaña a cidadanía en control, a través do acceso ao emprego público, pero tamén a través da garantía de confidencialidade respecto dos seus datos persoais, e a través da profesionalidade e da imparcialidade que só pode garantir unha empregada ou empregado público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario