Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 11 de abril de 2016

Ampliase de novo a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 4 bolsas de "formación"

Desta volta serán 4 bolseiros/as nun centro con 17 traballadores e traballadoras no cadro de persoal, o que supón un 20% de persoal en precario.

A resolución das 4 bolsas xunto coa lista de agarda publícase no DOG do 11 de abril. A convocatoria fora publicada no DOG do 30 de decembro de 2015. A estas únense tamén as 10 recentemente convocadas pola Axencia Galega de Turismo sobre as que xa faláramos vai unhas semanas.

As bolsas de "formación" no lugar dos contratos de traballo está á orde do día na nosa vida laboral como forma extrema de precarización do traballo. Segundo a Comisión Europea estima que en España hai máis de 180.000 persoas traballando sen cobrar un peso; do mesmo xeito que un 72% das bolsas de "formación" son para realizar o traballo da falta de persoal en plantilla. Na Dirección Xeral de Comercio a maiores ten, ano tras ano, unha porcentaxe de persoal "en formación" máis alto do que se entende por "normal", chegando esta porcentaxe ao 20%. Se precisa persoal, que aumenten a RPT.

No caso que nos ocupa si hai retribución, e desde 2011 ata se cotiza á Seguridade Social, salvo polo desemprego, que aí quedan vendid@s. En calquera caso, fálase de "formación" cando resulta obvio que o traballo derivado destas bolsas non se desbota, senón que se aproveita. E de novo, xa temos materia para demanda laboral.  Precisamente, no eido laboral recordamos que existe un modelo de contrato de formación para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior que se chama "contrato de traballo en prácticas". No eido da Función Pública e visto que se repite, non estaría de máis crear as prazas necesarias en RPT e cubrilas consonte aos procedementos legalmente establecidos. 

Logo queda a visión condescendente de que é polo seu ben, que así a mocidade colle experiencia e sacan uns cartiños para os seus gastos. Porén, unha Administración pública debera dar exemplo e non potenciar o traballo precario nas súas instalacións. E non o dicimos exclusivamente  pola man de obra barata, senón polo que levan implícitas no fondo as "bolsas de formación": a  potenciación do traballo sen contrato/nomeamento legal nas Administracións públicas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario